Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bilbao... para aprender

miércoles, 25 de noviembre de 2009
Bilbao... para aprender A Raul Rio e Gloria, galegos dos Vilares en Santurtzi

Os que teñen responsabilidades de goberno, políticos que se autoproclaman abandeirados da democracia, da socialización, do progresismo ou do humanismo... entre tantos deberes pendentes, deberan saber cara onde viaxar e como facelo, para aprender: sería nos medios públicos, esperando autocares e trens que chegan a deshora, facendo transbordos, odiseas postmodernas. Algo que avivará a memoria dos periplos que hai unhas décadas fixeron tantos paisanos, aqueles que tras si deixaron aldea, casa, pais ou fillos para sobrevivir, camiños de Bilbao, para montar o seu chabolo de latóns e leira de verzas nas abas do "Monte Caramelo", Masustegui, ou nas cunetas da vía do tren.... Xente do erguerse ás catro da mañán, xantar de fiambreira, ferro, po e lume dos altos fornos... volta ás oito... e así gastando vida, si acaso o paréntese dalgunha romaría no "Día da Patria Galega" arredor do "Centro Cultural Rosalia de Castro de Barakaldo", empanada, polbo, cocido, ribeiro en cunca e gaitas... Galegos que construiron a facer Euskadi. Os destinos das viaxes dos nosos gobernantes deberan ser a con historia de Nós, as que saben superar reconversións, crises, para resucitar das "cinzas do esplendor". Cidades onde se asume que planificación urbanística é programar futuro: redes de comunicación áxiles por todas as canles posibles, especialmente subterraneas. As que rehabilitan e revitalizan seu casco vello, a súa identidade con novos centros museísticos. Cidades que provocan o encontro, eventos, feiras, atraccións... para a oferta e a demanda. Euskadi ofrece varios exemplos nos que reparar, e Bilbo, a cidade na que somellaba infrenable a decadencia, pode ser un exemplo, un referente de xestión en moitos ordes, a enxergar para aprender e aínda mellorar.

Eventos de todo tipo, masters, cursiños, conferencias, macros e micro concertos para todas as idades e gostos... universidades dentro das realidades e das necesidades do noso tempo. E para este ano a Faculdade das Ciencias da Gastronomía, en Donostia, levará alá para os seus estudos a moitos rapaces galegos e doutras bandas xeográficas. Facultades arredor das que nacerán novas industrias nas que renovar todo ese utillaxe que é a arte da cociña e da mesa. A riqueza das ideas conduce a outras riquezas.

Euskadi ten personaliade, identidade, construida no devalar dunha Historia que proclama e defende, e eso gosta fronte á imperante globalización uniformadora. Bilbao anova o seu cariz de cidade viva, escaparate, onde todo se sirve para todos os gostos do consumo, como fan Berlín, Ansterdam, ou moitas outras ás que ir, aprender e facer compras i encargos, dende macro estructuras con novas tecnolóxicas, como o aeroporto de "La Paloma", pasando polos transparentes "fosteritos" de entrada ó metro, deseñados por Norman Foster... ás máis pequechas confeccións ou pintxos nas tabernas. Bilbo renace daquela chatarrería enferruxada que verquía e afogaba ó Nervión, á que, dende a outra banda, miraba a Universidade de Deusto dende a súa fundación no 1886. Universidade con raiceiras galegas, que tivo de porteiro, a aquel que sería beato vasco formado no colexio xesuítico de Camposancos, o padre Gárate, terras pontevedresas onde polos mesmos anos se formaría o irmán maior de Sabino Arana, Luis e se abrirían novos camiños para Deusto e para o nacionalismo vasco. Valoramos o evoluir de Bilbo, o que non se deten unicamente no papanatismo do Guggenheim, o que noutrora escandalizou a tantos e que hoxe é icono da ciade, de Euskadi e da contemporaneidade. El chimbo expiatorio", a paisaxe funeraria, pese ás obras de Gehry, a Calatrava... a decadencia imparable, "o escenario operístico para celebrar glorias pasadas" que dicía Jon Juaristi no 1994, non se olla nen polo forro, ó menos para este galaico de desmadradas cidades atlánticas.

Bilbao, como un novo París, naceu dunha situación previlexiada, abríndose ó río Nervión en porto aproveitado dende o 1300 polo Señor de Bizkaia, Diego López de Haro, inicio de Camiños de Santiago que perduran. Velaí a súa catedral gótica, fermosamente coidada, limpa, dedicada ó Apóstolo entre as sete rúas do casco Vello, coa Praza Berria ou Plaza Nueva. Ensimismada cerna do "Bucle melancólico", metáfora sobre o nacionalismo para o escritor exetarra Jon Juaristi. Rúas de bulir de tabernas e pinchos nas que naceron tan ilustres e controvertidas figuras, como Sabino Arana, Unamuno, os poetas Blas de Otero e Gabriel Aresti, o socialista Ramón Rubial... músicos, artistas, futbolistas, toreiros... Aqui naceu tamén o nacionalismo vasco e outras opcións imperiales, o Banco de Bizkaia, o Banco de Bilbao e Iberdrola, dúas marcas que se erguen sobre a cidade e mandan en boa parte do planeta. Bilbao "Atroz laboratorio de loitas de clases". Na Plaza Unamuno o Muaseo Arqueolóxico, imprescindible para furar pola arqueoloxía aplicada á Prehistoria, a antiguidade, ó medievo... a ese mundo de ritos astrais espresados nas estelas. Visita que complementariamos seguindo ó inmediato Euskoal Museo, con tanta riqueza etnográfica. Paseo polas ribeiras dunha e outra banda do Nervión, vixiados dende o alto polo Santuario de Begoña: o esplendoroso decimonónico teatro Arriaga, o Arenal, a carón do edificio do Concello, baixo a escultura de Oteiza, esa cosmogonía de ferro que se ergue o ceo, observaremos o devalar das nubes ou dos astros; a ponte "Zubi-Zuri"de Santiago Calatrava, criticada columna vertebral branca que une ribeiras... o pórtico da broncínea escultura da araña de Louise Bourgeois, desafiante símbolo para medos e dependenzas sobre a tea de araña da cidade... e xa a obra de Frank Gehry, o Guggenheim, estructura arrugada en titanios, presidida por ese "Puppi", obra floral dun dos maridos da escandalosa Cicciolina, Jeff Kooms, figura cambiante en cada estación do ano. O Guggenhein nacido polos caprichos do PNV conseguiu poñer a Bilbao no mapamundi. Universo que no seu bandullo acolle universos: as xigantescas esculturas en ferro de Serra, desacougantes labirintos polos que meterse entre lineas opresoras, luces e sombras, liberación, como unha ascese para valorar os sentidos e a capaicade creadora... mostras itinerantes, as coleccións permanentes de arte contemporánea que o imperio Guggengeim foi reunindo para demostrar o que aquí se nega: que a cultura vende e da votos. Cousas veremos.

O Museo de Belas Artes de Bilbao, con esa gran antoloxía de pintura de todo tempo e de arte, con corpo e alma vasca: Zubiaurre, Zuloga, Baroja, Lecuona... a escultura ede Oteiza, Chillida, Larrea... con esa impronta de terra e historia... e dentro deste continente, o Restaurant Arbola-Gaña, co ánimo de seguir provocando os sentidos. Seguindo a ría, máis adiante a proa enferruxada do Palacio Euskalduna de congresos, logo o Museo Maritimo, arquitectura aproveitando hocos baixo rúas, para no seu interior lembrar unha historia compartida, de mariñeiros, pesca, asteleiros, aventureiros, entre cordas, ancoras, velas e máquinas... e máis alá Portugalete, Santurtzi co seu monte Serantes e o Porto Exterior... e volta remoendo naquela canción: desde Santurtzi a Bilbao... vengo por toda la orilla... Pero tomemos nota.

Felipe-Senén López
Arqueólogo e Museólogo

López Gómez, Felipe Senén
López Gómez, Felipe Senén


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES