Domingo VI de Pascua
Cabada Castro, Manuel - domingo, 10 de mayo de 2026
O tempo litúrxico de Pascua despois da festa do domingo de Resurrección está preto do seu remate. O próximo domingo é xa a festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, día de Pentecoste. Por iso neste domingo atopamos xa ideas e pensamentos que teñen que ver tanto coa Ascensión do Señor como co agasallo infinito que Xesús nos vai facer: o Espírito Santo.
En canto crentes na revelación que Xesús fai á humanidade de como é Deus, a Trindade ocupa un lugar esencial. Sobre este misterio infinito de Deus dános el a entender de diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar despois as tres "persoas" divinas. O único Deus cristián é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Falando de xeito moi analóxico e para entendérmonos, algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras que habitualmente a compoñen, pai, nai e fillos ou fillas, a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.
Así pois, nos textos da boa nova do evanxeo vén comunicársenos a grandeza infinita e incomprensíbel dun Deus Pai que se converte con Xesús en Pai noso tamén.
Se, segundo comentabamos nutras ocasións, Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén o Pai, iso só pode ser así se a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade coa persoa de seu Pai, aínda sendo diferente del. Mais, en segundo lugar, no texto do evanxeo fálasenos ademais doutra "persoa", en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio grandioso de Deus. Dísenos alí que ós que amamos Xesús se nos dará "outro Paracleto", para que este "estea decote connosco: o Espírito da Verdade". "Paracleto" é unha palabra grega que significa "auxiliador" ou "dador de consolo". Este "Espírito da Verdade" ou "dador de consolo" é o que chamamos o "Espírito Santo", que se converte así para nós en presenza viva e actuante de Xesús en nós trala súa morte e resurrección a través dos tempos da historia. Dísenos, pois, que este Espírito estará "onda nós" e "en nós". Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos así neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar ou regalar o seu "Espírito Santo": "Non vos deixarei orfos".
É bo sen dúbida que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan diversas situacións coas que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais é aínda case máis importante que nos acostumemos a ver este grandioso e marabilloso fondo da fe que se nos comunica. Acostumémonos, pois, a darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a "Eucaristía" significa "acción de grazas") pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que Deus nos quixo comunicar, amosando así o aprecio que nos ten. Deus quere, pois, facer do mundo, de toda a humanidade, da creación enteira, unha realidade unida, pero respectuosa e amante das diferenzas. Semellante a esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito que quere, respecta e ama a diferenza.
Hai aínda algo máis. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a diversidade e a diferenza, está chamada a se realizar plenamente no interior de Deus mesmo, por moi incríbel que isto poida parecer. Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo: "vivimos, movémonos e existimos en Deus". Algo case incríbel. Mais é no propio evanxeo onde se nos refire o que Xesús lles anuncia e promete ós seus discípulos: "Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós".
É todo isto o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas vidas. Converterémonos así en luz e calor para toda persoa que se atope connosco e queira coñecer o segredo das nosas vidas. Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro na segunda Lectura de hoxe : "estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro". Porque o que máis precisamos é sermos capaces de "esperar". Pois sen esperanza non se pode vivir. En realidade, vivir é o que en definitiva máis desexamos e Xesús prométenos xustamente iso: vida. Porque el mesmo é a Vida: "Eu son o camiño, a Verdade e a VIDA". "Eu vivo e tamén vós habedes vivir".
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel