Sic transit, Pambre
Editorial - martes, 24 de noviembre de 2009
Tantos anos teimando porque o castelo de Pambre se abrise ó mundo, e parece que agora pode chegar a ser posible, por pura lei natural.
O propietario do mellor castelo que temos en Galicia, o único que se salvou do derrubamento dos Irmandiños, que pasou décadas pechándoo a contemplación popular, negando ós veciños de Pambre a tradicional asistencia á misa na capela existente dentro dos seus muros, negándose a calquera posibilidade de abrir o portón da fortaleza ós galegos, morre hai unhas semanas e lega a fortaleza a unha orde relixiosa que en Vigo -onde o propietario residía- se dedica a atender ós enfermos pobres.
A orden relixiosa denominada Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres recibe así o que parece un agasallo envenenado, xa que para eles posuir un castelo arruinado non parece ser precisamente unha aspiración lóxica. O castelo precisa cuantiosos investimentos para a súa utilización para o turismo, para a atención a enfermos ou como museo, que só poden ser afrontados polas institucións públicas mentras que a Orde herdeira ten un importante desfase económico derivado precisamente da súa atención a xentes con todas as necesidades agudizadas en momentos que para todos son difíciles.
Tantos anos teimando por abrir Pambre a Galicia, e parece que o tema pode estar case ó alcance da man, non só polo interese demostrado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e polo Concello de Palas de Rei, senón tamén pola manifestación do titular do Ministerio de Fomento -oriundo daquel concello- de apoiar calquera iniciativa neste sentido.
Pambre gañará como monumento e como lembranza histórica se os poderes públicos o rescatan e ennoblecen. E Galicia gañará de xeito especial poñendo ó dispor de todos os galegos as pedras máis nobles, erguidas orgullosamente desafiando os elementos e o tempo.
Sic transit, Pambre. Pero non para o castelo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora