A situación abre un debate sobre a independencia dos medios públicos e o trato ás voces críticas en Galicia.
Quero responder con total claridade ás críticas recibidas pola miña presenza na TVG e, ao mesmo tempo, facer pública unha situación que considero grave e politicamente inaceptable.
Tras diversas intervencións nas que denunciei publicamente a actuación da Xunta de Galicia

en relación co proxecto ALTRI e os posibles prexuízos ambientais e sociais para Galicia, deixouse de contar comigo na TVG. Estas denuncias realizáronse tanto en televisión como nun acto no mes de decembro, no que se puxo en evidencia, de maneira simbólica, a problemática da contaminación: un río con auga sucia e peixes mortos, cuxa degradación chegaba mesmo ata o portal do Belén.
Estas mensaxes, incómodas pero necesarias, non foron ben recibidas. Segundo fontes coñecedoras do proceso, a miña exclusión non respondería a criterios profesionais, senón a decisións de carácter político impulsadas desde a propia Xunta.
De confirmarse plenamente, estaríamos ante un feito de enorme gravidade democrática: a utilización dun medio público para silenciar voces críticas, condicionar o discurso público e limitar a pluralidade informativa. Unha televisión pública non pode funcionar como ferramenta de control político nin como altofalante de intereses partidistas.
O que está a acontecer encaixa nunha maneira de facer política baseada en premiar o silencio e castigar a discrepancia. É dicir, en apartar a quen non segue os intereses particulares do poder e decide falar con liberdade.
Defender Galicia, o seu territorio e o dereito da cidadanía a recibir información veraz, plural e independente non debería ter consecuencias profesionais. O que está en xogo non é unha situación persoal, senón a calidade democrática, a liberdade de expresión e o papel dos medios públicos no noso país.
Por todo isto, considero necesario facer pública esta situación, denunciar unha posible actuación partidista das institucións e reclamar unha reflexión profunda sobre a independencia real dos medios públicos galegos e o trato que reciben as voces críticas en Galicia.