Mochilas entre cascallos
Pinto Antón, J.A. - viernes, 15 de mayo de 2026
Na escola infantil de Minab, Irán. A educación semella actividade de risco, tanto que un misil matou a 180 persoas, a maioría nenas. Para a humanidade, acto de barbarie. Dano colateral para os responsables.
Nas fotos, un mar de bágoas de nais e pais. Outra fotografía mostra unha ordenada xeometría de tumbas excavadas. Na portada do Tehran Times, outra cadrícula: fotos das nenas mortas na portada. Cun titular Trump, look them in the eyes.
Investigacións preliminares, citadas polo The New York Times, sinalan a EEUU. A escola Shajare Tayyabeh é un solar de cascallos. Din que as imaxes dos corpos infantís rotos non se borrarán da memoria. Pero na longa historia da infamia, unha e outra vez trunfa a desmemoria.
Non coñecemos nomes, rostros das alumnas asasinadas nesta, outra guerra absurda. As vítimas civís vanse amoreando nos faiados do esquecemento. Pouco importan aos donos do planeta. Impoñen a lei do máis forte, é dicir, o mundo sen lei. Mentres algún despistado tenta diferenciar entre lei internacional e dereitos humanos. Van xuntos. Os donos dos misís lamentan a traxedia. Xamais dispararíamos contra unha escola. Antes ou despois aparecerá o cinismo: As nosas oracións están coas familias. E o sarcasmo de Mark Twain: Deus creou a guerra para que os americanos aprenderan xeografía.
Bombardear unha escola e matar a 180 civís, a maioría nenas, é unha violación do dereito internacional que acubilla os dereitos humanos contra alumnas que iniciaban a xornada escolar. Así de absurdas son as guerras que arrasan estruturas civís. Que bombardean cidades. Que rebentan casas, hospitais, escolas. E chaman "efectos colaterais" á morte de nenas. Atacar obxectivos civís, unha escola, non pode ser nunca un obxectivo militar.
Agora, o medo, a ansiedade desborda fronteiras en Oriente Medio e afecta á economía e o desenvolvemento do planeta enteiro. Entra pola ventá das televisións nas casas. As fotografías da masacre colgan nas pantallas. Crueldade sen sentido. E a mentira, coma sempre, primeira vítima de toda guerra. As familias viñan de deixar as nenas nas aulas. Coas explosións volven correndo. Berros de angustia nunha paisaxe de fume e cascallos. As imaxes da escola detruída contan a verdade e os satéliles sinalan a autoría do ataque. É o maior incidente con tantas vítimas civís nun ataque por erro de EEUU. A esperanza do colapso da ditadura dos clérigos mestúrase co horror das mortes. O réxime convertido nunha máquina de matar opositores é agora vítima doutra maquinaria bélica máis poderosa. As nenas mortas xamais aprenderán a lección de historia de Tucídides: "Os máis fortes impoñen o seu poder. Os máis débiles sofren".
Damero de tumbas no chan, damero de fotos na portada. E mochilas infantís entre os cascallos.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora