Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

M. el hombre del siglo

Pinto Antón, J.A. - viernes, 08 de mayo de 2026
O ferreiro chamou ao fillo Benito, por aquel indio Juárez que chegou a presidente de México. A M é de Mussolini que chegou a ser presidente do goberno dunha Italia resentida pola suposta humillación sufrida á hora de repartir o botín os vencedores de 1ª Guerra Mundial.

Se fora unha novela, debera estar prohibida: 800 páxinas! Pero non, é a historia novelada do fascismo ou a fascinación que provoca o horror ao longo deste demoledor relato.

Conta o que vai de 1919 a 1925: conquista do poder, aplastamento da disidencia e dominio total sobre o Estado fascista. O violento monstro nacionalpopulista e o totalitarismo racial propagaríase como virus letal. A capacidade de contaxio borrou do mapa ideais de liberdade, igualdade e fraternidade. Desprezou a democracia, a xustiza e o liberalismo. Usou a contundente ferramenta da violencia e do medo.

M é a gran novela do fascismo. E dun bufón excesivo, hipnótico e baldeiro. O fracasado líder socialista acabou como marioneta vociferante. Levaría a Italia á destrucción e deixaría unha velenosa semente dormida.

A capacidade de atracción deste histrión chamou a atención desde principio: podería converterse nun caudillo e nun temible matón usando a brutalidade dos fascios de combate. As escuadras de acción, coa escura complicidade do dinero e do poder, apaleaban adversarios e queimaban casas do pobo cun odio e unha ferocidade que poucos foron capaces de enfrontar.

O fascismo é a antipolítica. Nun futuro próximo terá afervoados seguidores. Polo contido agresivo e totalitario. Pola ausencia de ideoloxía. Polo seu tacticismo. Un século despois volven algúns líderes fortes, a violencia da mentira, o desmesurado uso do odio esvarando polas cloacas das redes que dan voz a matóns. O home que alardeaba de ter máis de seiscentas amantes dicía que a masa é como a muller, gústalle que a domine. Pode horrorizar, moitos aplauden.

O libro engancha cunha linguaxe aguda e polémica. Velaquí unha novela documental e monumental, relato épico e crónica polo miúdo de cómo nace unha ditadura. O que semellaba imposible ocurríu. Un dos países victoriosos da Gran Guerra pagou un prezo humano e económico incalculable que estercaría de descontento e rabia aos que volvían das trincheiras. A súa desesperanza foi dirixida cara ao entusiasmo suicida das bandas da porra que aterrorizaban. Camisas negras desfilaban inundando de medo pobos e cidades. Aínda hoxe asombra que nuns poucos anos, uns centos de desarraigados foran quen de converterse nunha xigantesca masa ouleadora, sen rostro. Ferramenta ao fin, nas mans do xenio político dun oportunista que inflamou e aproveitou a súa violencia sistemática e indiscriminada para tomar o poder nas principais cidades do norte de Italia a golpe de porradas, coitelos e lume. Tras a marcha sobre Roma en 1922 Mussolini chegou ao goberno, conquista o poder e elimina aos adversarios. E prodúcese un xigantesco e repentino cambio de peóns: os que onte eran socialistas agora son entusiastas fascistas.

Cómpre ler. Cómpre aprender. E recordar. O profesor Scurati está convencido de que ao finalizar a lectura o antifascismo dos lectores, medio millón ata hoxe, sairá reforzado.
M. El hombre del siglo. De Antonio Scurati.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES