Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vida e poesía en Romanía (3)

Rodríguez Fer, Claudio - lunes, 11 de mayo de 2026
Música intensamente compartida

Durante a miña adolescencia en Lugo descubrín pola radio e polo cine o fascinante e inesgotable folclore da Europa Oriental e o nacionalismo musical de raíz romántica ao que deu lugar. Así cheguei a escoitar a Rapsodia romanesa de George Enescu e outras pezas deste compositor, violinista, pianista e director de orquestra en boa medida formado en Francia, pero canon clásico da música de Romanía. Andando o tempo, como se se tratase dun designio circular, encontrei na Rúa George Enescu de Bucarest un restaurante precisamente denominado Lugo. Aínda que Enescu segue omnipresente en Romanía, gustoume especialmente velo retratado por Corneliu Baba no Museo Nacional de Arte de Timișoara. Mais tamén escoitei danzas romanesas recuperadas polo músico húngaro Béla Bartók, constante experimentador e investigador da música popular da Europa Oriental, que por certo foron adaptadas en Galicia polo grupo Xeque Mate.

Posteriormente, a abondosa presenza xitana nos Balcáns, sobre todo en Romanía, resultou moi atractiva musicalmente para min. Así o descubrín a través do cine, sobre todo do realizado por Tony Gatlif, autor da excelente película Latcho drom (Boa viaxe), precioso paseo polas músicas xitanas, que incorporou magnífica música cíngara aos seus filmes Gadjo Dilo (Branco tolo), Vengo, Exils e Transylvania. En Branco tolo son Vida e poesía en Romanía (3) memorables as pezas festivas, interpretadas pola Orquestra Marin Ioan, "Tutti frutti" e "Cabaret", a primeira coa voz do romanés Adrian Simionescu. De Transylvania lembro especialmente a peza inicial, tan ritmicamente acelerada, "Tchiki tchiki", interpretada pola húngara Beata Palya; "Tchiki Ciorba", cantada polo romanés Sandu Ciorba, e a carnavalesca festa das máscaras, vocalizada pola tamén romanesa Nituca Iusco.

O máis específico xénero xitano de Romanía, xa constatado dende o século XVI, é o lăutar, cuxo nome deriva do instrumento de corda chamado lăuta e que tamén dá orixe á denominación do clan dos lăutari, formado por músicos profesionais que actúan en vodas, bautismos e festas varias agrupados en tarafs (bandas) no sur de Romanía, nos que predominan os instrumentos de corda, e en fanfaras (charangas) en Moldavia, nas que predominan os instrumentos de vento. En Maramureş e en Transilvania abundan máis ben as cordas, pero boa parte dos músicos da primeira rexión citada non son xitanos.

O primeiro grupo que escoitei de xénero lăutar foi o Taraf de Haïdouks, procedente de Clejani, coñecido na súa terra como Taraful Haiducilor (Banda dos Foraxidos) e dado a coñecer ao mundo pola etnomusicoloxía e o cine, así como pola moda, pois tamén actuaron como modelos do estilista xaponés Yohji Yamamoto. Eu puiden gozar de velos nos itinerantes filmes Latcho drom e Gypsy Caravan e comparecendo noutras películas e documentais, que tamén entusiasmaron a Carmen Blanco e María Lopo.

Composto por unha ducia aproximada de músicos de moi diferentes idades, contou co virtuoso e enciclopédico violinista Nicolae Neacşu ("Culai"), ancián que moraba só no cuarto dunha corte ata ser descuberto para o éxito polo etnomusicólogo suízo Laurent Aubert e polos músicos belgas Stéphane Karo e Michel Winter. O experimentado Neacşu era capaz de tocar o violín cunha crina de cabalo, como demostra en "Jea kere" (chamada tamén "Back to Clejani") e foi mestre do rápido violinista do taraf Gheorghe Anghel ("Caliu"), con quen compartiu dramática traxectoria vital. Sempre me conmoveu que recreasen en diálogos instrumentais polo mundo adiante os sons onomatopeicos dos animais que lles eran familiares na súa terra orixinaria, como pode apreciarse en "Brui opsa".

Tras publicar con éxito diversas compilacións de música xitana dende os anos noventa, como Musique des Tziganes de Roumanie, Honourable Brigands, Magic Horses and Evil Eye, Dumbala Dumba e Band of Gypsies, o Taraf de Haïdouks editou o álbum Maškarada reinterpretando nel a música de inspiración xitana ou oriental de Albéniz, Falla, Bartók, Ketèlbey ou Khachaturian. A verdade é que, dende a primeira suite de danzas do seu primeiro disco, "Rind de hore", o Taraf de Haïdouks cativoume con pezas tan inesquecibles como as tamén instrumentais "Cacurica Dances" e "Go East", pasando polas delicias vocálicas de "Carolina" e "Dumbala Dumba".

O Taraf de Caransebeş, orquestra popular de Romanía procedente de Banat, rexión fronteiriza con Hungría e Serbia, deuse a coñecer ao mundo cun disco de fusión cíngaro-celta, en colaboración co músico bretón Erik Marchand, que verdadeiramente me entusiasmou dende que mo descubriu María Lopo e que escoitei moitas veces en Galicia, en Bretaña e en viaxe entre as dúas comunidades. "Vino mindro sa te joc" foi quizais a miña peza preferida, mais "Ton moldav", "Milin turki" e "Toniou hir da filie dragomir" son tamén boa mostra desta afortunada fusión.

A fanfara romanesa que máis me gustou foi a Fanfare Ciocărlia (Charanga Cotovía), procedente de Zece Prajini, onde foi descuberta nos anos noventa por visitantes alemáns, e axiña puiden vela filmada en documentais como Gypsy Caravan. Dela fascinoume o ritmo frenético, patente en discos como Radio Pascani, Baro Biao, Iag Bari, Gili Garabdi e Queens and Kings, este coa colaboración de artistas xitanos de diferentes procedencias xeográficas. Ademais de interpretar composicións folclóricas, adaptaron pezas tan diversas como "Caravan" de Duke Ellington, "Moliendo café" de Hugo Blanco, "Born to Be Wild" de Steppenwolf e cinematográficos temas do Superaxente 007 (James Bond) e The Godfather.

Coa Fanfare Ciocărlia gustei das vivas e rítmicas sirbas, danzas romanesas frecuentes no seu repertorio, como a "Sirba de la Iasi" ou a "Sirba moldoveneasca", e de pezas tan aceleradas como "Banatzeana", "Hai Romale!" ou "Balaşeanca de 8 ore". Entre as vocálicas, preferín as enérxicas "Alili", "Manea cu voca", "Iag Bari" e "Lume, lume", expresión esta que significa "Mundo, mundo", e que escoitei con viaxeiros ouvidos. Ademais, o grupo realizou jam sessions co Taraf de Haïdouks en Gypsy Caravan e conectou co flamenco ibérico en numerosas ocasións ("Hora Andalusia").

En Romanía desenvolveuse tamén o manele, popular xénero danzante en fusión co pop frecuentemente acusado de racismo e machismo nas súas letras e de plaxio na súa Vida e poesía en Romanía (3) música, a miúdo inspirada en cancións turcas, gregas e búlgaras e efectuada con sintetizadores. Os nomes artísticos dos seus intérpretes son curiosamente retóricos: Adrian Copilul Minune (Adrian Neno Marabilla, despois Adi de Vito polo seu parecido co actor Danny DeVito, pero cuxo nome oficial é Adrian Simionescu), Calu Minune (Cabalo Marabilla), Vali Vijelie (Vali Tormenta), Florin Fermecătorul (Florín o Encantador), Florin Salam (Florín o Salami), Jean de la Craiova (Jean de Craiova), Prinţesa de Aur (Princesa de Ouro), Sorin Copilul de Aur (Sorin Neno de Ouro)...

Respecto a música propiamente romanesa, teño que dicir que, tras coñecer e gustar moito da súa música xitana, puiden escoitar unha excelente e ampla mostra da súa tradición instrumental e vocálica preparada, para introducirme nela, pola miña magnífica ex-alumna romanesa Sabina Marcu. Así descubrín ao xitano Gheorghe Zamfir, virtuoso da zampona ou frauta de Pan, instrumento este, en Romanía chamado nai, que renovou e converteu en solista, como mostran os seus numerosos traballos para o cine de diversos países, mesmo en colaboración con Ennio Morricone, así como interpretacións tan inesquecibles como a da onomatopeica laverca en "Ciocârlia".

Na miña primeira aproximación á canción romanesa gustei sobre todo da cantora bucarestina Maria Tănase, cuxa canción "Lume, lume" ("Mundo, mundo") coñecín pola súa admiradora Olga Novo, que estudou romanés cando era profesora en Bretaña e que quixo compartir comigo a casual e significativa homonimia do título co do seu libro O lume vital de Claudio Rodríguez Fer. Mais lembro tamén outras cancións interpretadas á maneira tradicional romanesa por Maria Tănase, como "Ciuleandra", nome dun baile, e "Aseară ți-am luat basma" ("Onte merqueiche un pano").

Despois souben da existencia do seu continuador Gică Petrescu, transformador da música tradicional na chamada "lăutărească", de raíz xitana, e na considerada "ușoară", de apertura á música lixeira internacional. Da mesma época e con semellante evolución coñecín a Ioana Radu, que se especializaría no xénero chamado "romanță", adaptación romanesa do lied. Adina Ioana Vladu contoume que adoitaba escoitala pola radio nas tardes caseiras de faenas domésticas compartidas co seu pai. Á marxe disto, todo o mundo escoitou, xa no século XXI, a divertida e contaxiosa canción eurodance "Dragostea din tei" ("O amor primeiro" en moldavo ou "O amor dos tilos" en romanés), do grupo moldavo-romanés O-Zone.

Con posterioridade a estes tan diversos descubrimentos, Adina Ioana Vladu doume a coñecer á orixinal multiartista Ada Milea, que formou parte do Cirque du Soleil e que fixo bandas sonoras para o teatro de Shakespeare, de Camus, de Beckett e de numerosos autores romaneses. A súa moi entusiasta valedora, transilvana e radical coma ela, facilitoume o DVD coa gravación da interesante e alternativa representación en Bucarest do Quijote de Cervantes musicado, cantado e recitado pola polifacética compositora, onde precisamente pode verse a aquela entre o público asistente. Ada Milea comezou nos anos noventa co humor de "Cântec pentru reconciliere etnică", canción en efecto para a reconciliación étnica na que un romanés e un húngaro discuten por unha muller indiferente aos dous. Na mesma liña, o seu seguinte disco, Republica Mioritică România, incluíu unha políglota "Magyar Song".

O cualificativo "Mioritică" procede do título do poema popular romanés "Miorița" ("Ovelliña"), tenro e terrible, que foi moitas veces simbolicamente interpretado como emblemático da alma romanesa (por exemplo polo poeta Lucian Blaga e polo antropólogo Mircea Eliade) e traducido a moitos idiomas (entre eles ao castelán pola parella de escritores Rafael Alberti e María Teresa León). Posteriormente, foi musicado e interpretado polo polifacético artista Tudor Gheorghe. No comezo do meu poema "Somos Ardeal", escrito viaxando por Transilvania, aparece unha velada alusión á ovelliña que protagoniza a mítica "Miorița": "A pequena ovelliña de barro pintado de branco / que subiu polas cuiñas / ata deitarse sobre a curva liña do horizonte / cubríndoa de neve coa súa la".

O outro gran descubrimento musical romanés que me fixo Adina Ioana Vladu foi o da cantautora folk, jazz e fusión Maria Răducanu, intérprete moldava do repertorio da clásica Maria Tănase e así mesmo de pezas de todo o mundo, en particular fados portugueses e coplas españolas. A min encantoume interpretando "Cristina", canción popular xitana cunha letra simple, pero dunha nostalxia esmagadora, ao dicir da súa citada propagadora, quen a traduciu ao galego: "Cando te coñecín, Cristina, / tiñas o cabelo tan bonito / con flores de maceira nel. / Cando nos separamos, Cristina, / tiñas o cabelo tan bonito, / só que xa perderas as flores de maceira... / Cando cae a noite sobre Bucarest / eu miro as outras mulleres / pero ti non estás. / Cando cae a noite sobre Bucarest / eu te miro a ti / pero ti non estás".

Esta canción acompañoume moito en Bucarest, onde mesmo Adina Ioana Vladu e mais eu lla escoitamos cantar dúas veces en directo a Maria Răducanu nun concerto acústico que deu tan só coa súa guitarra no Teatrul de Artă Bucureşti en 2019. Pensando nela fundín cantora e instrumento ao comezo do meu poema "O fado da Fata Morgana" de ADN do infinito: "Estamos vivindo en Lisboa / o fado de Bucarest / cantado pola muller guitarra." Lembro tamén que dende aquel teatro bucarestino enviamos unha mensaxe cómplice a Cristina Fiaño, homónima da canción e moi entusiasta dela dende que lla descubrimos.

Esta inesquecible noite da miña inesquecible primeira estancia bucarestina escribín o poema "Cando a noite cae sobre Bucarest", incluído no meu libro ADN do infinito, cuxo título e lema proceden obviamente da canción "Cristina" interpretada por Maria Răducanu: "Când se lasă seara peste București". E da mesma noite proveñen todas as alusións musicais: "ti encarnas todo o jazz da cidade / (...) / en fusión coas músicas do mundo, / nómades como cíngaras danzando, / apátridas como cantos de exilio".

En 2021, Adina Ioana Vladu asistiu coa súa ex-alumna e amiga Bianca Vereș a outro concerto de Maria Răducanu, concretamente no espazo no que precisamente asistiramos xuntos en 2019 a unha sesión de jazz en Bucarest, e ao final entregoulle o meu libro ADN do infinito no que figura glosada. Maria Răducanu dixo sentirse moi emocionada, asegurou que entendería o galego pola súa proximidade ao portugués no que tanto ten cantado e deulle como agasallo para min o seu precioso e variado disco "Pure Music", que inclúe a canción "Cristina", coa seguinte dedicatoria: "Lui Claudio, Să fii fericit!" (A Claudio. Que sexas feliz). Entre outras pezas, o disco inclúe tamén unha "Nana" de Falla, unha bonita versión de "Nature Boy", do repertorio de Nat King Cole, e preciosas cancións tradicionais romanesas, como "Doda", "Ciririp" e a báquica "Bun Îi Vinu' Ghiurghiuliu".

Agora ben, as pezas en romanés que máis me impactaron antes de "Cristina" foron dúas tradicionais cantigas de montaña, "Mocirița" e "Când te scuturi de zăpadă", que me descubriu Adina Ioana Vladu. A lírica "Mocirița" ("Cuiñiña") alude a unha pequena cuiña na que se refuxia unha moza para pensar e decidir sobre a súa vida, dividida entre o amor e o interese. Na máis rítmica "Când te scuturi de zăpadă" ("Cando te sacodes a neve"), que se cantaba nas marchas polo monte durante a nenez da miña cantora, un mozo eloxia a beleza dunha moza despoxándose da neve. Da primeira fixen unha gravación téndoa como fondo mentres eu lía o poema "Rapsodia romanesa", primeiro que escribín en conexión coa para min xa imprescindible poesía romanesa e publicado na antoloxía bilingüe Máis alá do bosque / Dincolo de pădure, cuxa tradución ao romanés correu a cargo de Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, e despois no poemario de inspiración romanesa ADN do infinito.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES