Andamos con iso do culto ao título. Ter licenciatura universitaria semella que da categoría a quen a posúe e réstalle mérito a quen non a ten. Unha falacia coma outra calquera.

Están dicindo agora que Ernesto "Che" Guevara non era médico e si enfermeiro, mirade por onde, como se iso realmente fose importante. Isto fíxome reflexionar sobre a nimiedade que pode ter un título fronte a transcendencia que tivo a súa figura como paradigma de mítico revolucionario.
Os seus coñecementos como sanitario foron importantes cando, xunto ao seu amigo Fidel Castro e outros compañeiros, andaron pola Sierra Maestra na loita por derrocaren ao goberno de Fulgencio Batista. O seu asasinato en Bolivia (non morreu en combate) contribuíu a acrecentar o mito. Por suposto foi unha figura controvertida: para algúns un adaíl na loita a prol dos pobos oprimidos, e para outros case un foraxido. Pero isto non é o que me leva ao comentario de hoxe, e si o ditoso asunto da súa titulación.
Aclarémolo: o "Che" Guevara tivo varios biógrafos e todos coinciden en que comezou os seus estudos de medicina en 1948 e graduouse o 11 de abril de 1953 na Facultade de Medicina de Bos Aires chegando a traballar despois nunha clínica especializada en alerxias. Pode que tamén a súa condición de enfermeiro veña dada porque nunha ocasión foi contratado como tal nun barco dunha compañía petroleira (YPF) no que percorreu as costas de Sudamérica. En calquera caso non creo que isto teña moita importancia á hora de avaliar a traxectoria deste home que sempre tivo claro que a solución á problemática social tiña que pasar sempre pola revolución, e nesa encomenda empregouse a fondo. Non coñecemos ao Che Guevara polo seu proceder como médico nin como enfermeiro; cualificámolo por outras cousas.
Moitos estudantes da miña xeración tíñamos o mítico cartel do "Che" no noso cuarto sen reparar nos seus méritos académicos; pouco importaba. Era un exemplo de rebeldía en loita permanente na procura do seu ideal. Iso era suficiente. Polos seus actos coñecerédelo!. Médico ou enfermeiro, que máis da, ho! Pois iso.