Corenta membros do Consello de Anciáns de Xestoso participaron nunha visita a Meira acompañados polo representante legal e párroco, Luis Ángel Rodríguez Patiño, no marco do proxecto "Palabra e Memoria",

subvencionado polo Concello de Monfero.
O grupo foi recibido pola técnica de Turismo de Meira, Yoani, quen guiou un percorrido que comezou pola rúa San Roque ata o cemiterio parroquial do mesmo nome. Durante o traxecto, fixeron parada no barrio do Poste, lugar historicamente vinculado ao mosteiro onde antigamente se ataban os reos.
O proxecto "Palabra e Memoria", tamén coñecido como necroturismo, céntrase na recuperación do uso do galego nas lápidas funerarias. Tradicionalmente, as inscricións realizábanse en castelán por inercia, malia que as familias empregaban o galego. Na actualidade, xa se consulta ás familias sobre o idioma desexado.
Durante a visita, analizouse o patrimonio funerario e observáronse casos singulares, como nichos con dúas placas en idiomas diferentes ou evolucións nas tipoloxías de enterramento.
Destacan tamén panteóns modernistas e a lápida máis antiga deste cemiterio, datada en 1881.
A xornada concluíu cun percorrido polo núcleo urbano, onde se puxeron en valor as fachadas modernistas e as súas influencias, especialmente procedentes de Cuba e Arxentina, destinos clave da emigración local.