Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preferencia evanxélica: a outra prioridade

García Cadiñanos, Fernando - viernes, 01 de mayo de 2026
Preferencia evanxélica: a outra prioridade

Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol
Asistimos estes días a unha polémica acesa e estendida. E ten lugar no medio deste tempo pascual que nos fala dun novo nacemento, dunha nova vida, da nova creación, dunha luz brillante froito da Vida que xorde do Resucitado. O cristián, na Pascua, renova o seu bautismo que lle eleva sobre a natureza para abrirlle a novos horizontes máis humanos e humanizantes. Trátase dun golpe de vida que nos leva a apostar por esta, en toda circunstancia e lugar, e por unha vida digna sempre.

Este acontecemento é unha chamada permanente á conversión, a non seguir os criterios do mundo senón a vivir como fillos da luz e do resucitado, "buscando os bens de alá arriba". Como toda conversión, supón un cambio de mentalidade, de xeito que a forza do Evanxeo vaia configurando "os criterios de xuízo, os valores determinantes, os puntos de interese, as liñas de pensamento, as fontes inspiradoras e os modelos de vida da humanidade, que están en contraste coa palabra de Deus e co designio de salvación" (Paulo VI). O cristián, por tanto, ten un xeito diferente de mirar os retos que se lle presentan para descubrilos máis divinamente e, por iso, profundamente humanos. A iso convócalle a graza.

Froito desta chamada, a Igrexa acolle e comprométese nun proxecto de sociedade posible e real, ao fío da súa ensinanza social. Cimentado sobre principios e valores que constrúen, que plenifican, que integran e enchen de gozo o corazón humano. Un corazón chamado á fraternidade. Son principios que nos falan doutras prioridades e preferencias diferentes daquelas ás que o mundo nos convoca, e que manifestan así a beleza da proposta e a novidade que significa. Fundamentos que inspiran proxectos políticos e permiten proxectar unha política sa que sirva ao ser humano sen desencantalo. Eu aprendinos de pequeno, ensineinos e hoxe gustaríame compartilos contigo e lembralos publicamente.

A preferencia que este proxecto, nacido en Xesús, nos propón é sempre para cada persoa, por encima da súa cidadanía ou da súa condición, raza, sexo ou posición social. Cada ser humano encerra unha dignidade infinita, fundamentada na súa propia natureza. Nela prende e ciméntase a convicción de que cada persoa é suxeito de dereitos fundamentais e de deberes, por encima de concesións administrativas ou políticas. Unha dignidade que o Estado non pode obviar.

A prioridade que me ensinaron no Evanxeo está sempre na procura do ben común, por encima de calquera ben particular ou interese de benestar privado. Un ben común que, nas circunstancias actuais, ten unha mirada universal, superando os intereses nacionais. Un ben común que vai máis aló do benestar economicista e busca o ben de toda a persoa e de todas as persoas, na clave da ecoloxía e do desenvolvemento humano integral.

A prioridade pola que opto é aquela que orienta a propiedade no horizonte dun concepto máis amplo que lle dá anchura e sentido: refírome ao destino universal dos bens; unha visión que, lonxe de socializar, insiste na dimensión social da propiedade que é capaz de dilatala e de desactivar o medo á escaseza provocada polo acaparamiento. Deste xeito, os bens particulares sempre están orientados a un servizo máis alto que beneficia a toda a humanidade, para que todos poidan ter os medios necesarios para alcanzar unha vida boa.

A prioridade no Evanxeo, que é a miña guía de camiño, téñena sempre os pobres, os últimos, os que non contan, os descartados, os que non se sentan habitualmente á mesa do noso mundo. Deste xeito, desde os últimos, constrúese unha sociedade integrada na que ninguén se descolga, onde a solidariedade non queda nunha palabra oca e bonita, senón que doe e edifica. Unha solidariedade que me leva a abaixarme para construír un 'nós' máis amplo, onde todos poidamos sentarnos á mesma mesa. Talvez a ración sexa menor, pero a festa é máis grande porque estamos todos.

A preferencia que me gusta é a que non distingue entre irmáns e estranxeiros, entre propios e estraños, porque en Cristo todos fomos feitos irmáns. Xa "non hai xudeu nin xentil", senón todos iguais desde a riqueza que outorga a identidade diversa convocada ao traballo na mesma casa común.

Trátase, seino, dunha prioridade distinta, pero creo que constrúe e xera esperanza e non división, medo ou rivalidade. É unha preferencia que convoca o traballo serio e creativo, que axuda a superar prexuízos e ideoloxías. Non é unha preferencia máis doada, nin moito menos, senón esixente e radical, sustentada na forza do comunitario por encima do individual e particular. Estou convencido de que é unha prioridade máis humana e humanizadora. Por iso compártoa. Con cal te quedas?

O teu irmán e amigo,
Preferencia evanxélica: a outra prioridade
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES