Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vida e poesía en Romanía (2): De Transilvania a Timisoara

Rodríguez Fer, Claudio - lunes, 04 de mayo de 2026
A miña absoluta "Transilvanación", como se di no título do poema final de ADN do infinito, produciuse na propia Transilvania (Ardeal en romanés), o que poñen en evidencia os poemas "Entrando en Transilvania" ou "Somos Ardeal". Na miña primeira viaxe alí encantáronme as cidades de Braşov e Sibiu, como tamén despois Vulcán e outras pequenas vilas. En Braşov escribín "As letras sobre as rocas" aludindo ao nome da localidade na cima do monte Tâmpa, que rodea a grandiosa e aberta Praza do Consello. Do seu centro lembro sobre todo a Igrexa Negra e a Rúa da Corda, unha das rúas máis estreitas de Europa, así como as esculturas urbanas presentes nas súas rúas.

En Sibiu escribín "Os ollos sobre os tellados" a partir das numerosas fiestras oculares dos seus edificios, detalle que anos despois volvín atopar nunha céntrica edificación de Timișoara. Vida e poesía en Romanía (2): De Transilvania a Timisoara Do centro de Sibiu lembro a casa das magníficas cariátides, a lendaria e metálica Ponte das Mentiras, os numerosos edificios barrocos e a Torre do Consello da súa Praza Grande, sen esquecer o busto de Eminescu e as placas alusivas a el polo seu ocasional aloxamento na cidade e polo seu irmandamento poético co escritor indio Rabindranath Tagore. Nesta cidade, primeira capital cultural europea de Romanía, visitei tamén con interese o variado Museo Nacional Brukenthal e o Museo de Arte Contemporánea del derivado, así como adquirín artesanía en barro de casas e animais propios da zona.

A verde e arbustiva natureza de Transilvania entrou en min tanto como eu nela e ademais potenciou a beleza das súas antigas ruínas dacias, que comparecen no meu poema "Viaxe á orixe" a través do recinto sagrado de Sarmizegetusa Regia, situado en medio dun fastoso monte propicio para as néboas e para os osos, como de feito advirte alí un cartel na faldra da montaña. A longa subida ao antigo santuario ten tanto de iniciático como logo a contemplación das súas construcións circulares e rectangulares, que parece rexida polo fascinante e milenario calendario astronómico tallado en pedra no chan. Trátase en efecto, dun enclave adecuado para o cultivo da historia e da fotografía, como acreditan os libros e as postais que se poden adquirir alí mesmo.

E o mesmo interese ofrecen as cidadelas xermánicas medievais e as lendarias fortalezas góticas que tiven o pracer de visitar en Transilvania e ás que tamén aludín no poema "Viaxe á orixe", como, por exemplo, a cidadela de Râșnov, dobremente amurallada e provista de antigas vivendas e talleres agora destinados ao turismo. Alí atopou Adina Ioana Vladu un tear semellante ao utilizado pola súa avoa materna para confeccionar os tradicionais tecidos domésticos transilvanos, tan cheos de coloristas xeometrías, nun dos cales encarguei bordar catro versos para convertelo en poema obxecto de fusión galaico-transilvana. Especial encanto tiveron tamén para min as íntimas aldeas fortificadas en torno ás igrexas de Prejmer e de Hărman, entre outras localidades dos pobos saxón e sículo, estes de etnia alemá e húngara respectivamente. Non moi lonxe, a vila de Viscri e a cidade de Sighișoara medraron a partir das súas saxoas cidadelas medievais que hoxe son a base do seu pintoresco patrimonio turístico.

O belo castelo gótico de Hunyad ou de Corvin, situado na propia cidade de Hunedoara, é a maior construción medieval que se conserva en Romanía e está dotado de sete torres, xardín e ponte sobre o río, entre outros múltiples artísticos detalles interiores que o converteron en grande atracción turística. En contraste, na mesma zona abundan os sincréticos edificios xitanos, de barroco estilo kitsch e aspecto de exótica pagode, que cómpre respectar por moito que obedezan a caprichosos gustos non canónicos, tal como evoquei no meu poema "Viaxe a nós". Trátase dun fenómeno contraposto, por exemplo, ao prestixioso e fastoso castelo Peleș, luxoso pazo neorrenacentista decimonónico moi visitado na turística localidade transilvana de Sinaia.

Tamén visitei o fermoso castelo neogótico de Bran, situado na raia entre Transilvania e Valaquia e presentado turisticamente como o castelo de Drácula partindo da base de que o príncipe ou voivoda valaco medieval Vlad Țepeș (Vlad o Empalador) ou Vlad Drăculea (Vlad Fillo de Dragón), personaxe histórico no que se inspirou o escritor irlandés Bram Stoker para compoñer a lendaria figura do Conde Drácula na súa novela homónima, puido ter morado ocasionalmente nel, como así mesmo no gran castelo de Hunyad ou de Corvin. Non obstante, a verdadeira fortaleza de Vlad III foi o parcialmente desfeito castelo Poenari, situado en Valaquia, do que se conservan ruínas á beira da alta, sinuosa e bela estrada Transfăgărășan, que serpentea polos Cárpatos de maneira espectacular. Agora ben, Vlad III é máis ben lembrado en Romanía como un heroe patriótico que se enfrontou aos invasores otománs e aos nobres boiardos e saxóns, encarnando unha dignidade nacional moi alongada da imaxe monstruosa e terrorífica que proxecta o personaxe nel inspirado.

Bram Stoker dotou ao lendario protagonista da súa famosa novela Drácula, adaptada con moito éxito a toda clase de medios audiovisuais, da sádica crueldade atribuída ao histórico Vlad Țepeș Drăculea, severidade polo demais dabondo común no século XV no que viviu, e converteuno en vampiro inspirándose nos lendarios strigoi da mitoloxía romanesa, supostos fantasmas que saen de noite das súas tumbas. Mais, a diferenza do personaxe histórico, o strigoi Drácula de Stoker non é valaco, senón sículo (pertencente á comunidade húngara de Romanía), e non moraba en Transilvania, senón en Valaquia. Mais o emprazamento transilvano imaxinado polo escritor irlandés, que nunca viaxou a Transilvania, impúxose falsa, absurda e mundialmente ata converter en tópico que esta é a terra de Drácula e de vampiros en xeral.

Contra todas as evidencias históricas, a imaxe do castelo de Bran foi utilizada en diversas adaptacións cinematográficas de Drácula, polo que o turismo local decidiu manter tan ficticia asociación por lucrativo interese comercial. De feito, en tal castelo exhíbense imaxes de Vlad Țepeș e representacións de Drácula, e á súa beira existe un Vida e poesía en Romanía (2): De Transilvania a Timisoara mercado de recordos coa figura deste en tarxetas postais, libros, roupa, xoguetes e toda clase de obxectos imaxinables. Cando fun eu alí había numerosas excursións, sobre todo de escolares e de turistas, esperando en interminables colas para entrar, pero o guía que conduciu ao meu grupo empregou o recurso para visitas concertadas de entrar pola porta traseira e realizar tranquilamente o roteiro ao revés.

No castelo de Bran, que foi residencia real, abundan os mobles requintados e as obras de arte, así como decorados de estilo romanés, pero tamén alemán, tirolés e ata dórico renacentista italiano. A min gustáronme especialmente as enormes e espectaculares estufas de azulexos policromados, unha das cales oculta a entrada a un pasadizo secreto entre dous andares. No contorno do castelo hai un museo etnográfico de construcións campesiñas tradicionais romanesas (casas, cabanas, celeiros).

Especial importancia en Romanía teñen dende logo os complexos etnográficos dedicados á vida tradicional do pobo rural, comezando polo Museo da Aldea de Bucarest, que nun primeiro momento contou coa presenza dos antigos propietarios das facendas trasladadas ao recinto, no que se integraron cos seus trebellos e animais. Encóntrase no gran parque Herăstrău, de rica vexetación autóctona e exótica en torno a un lago que convida a deter o tempo entre flores e horas felices no seu paseo dos namorados, que parecen eternizadas polo seu decorado reloxo columnario.

Eu gocei particularmente do interesante Museo ASTRA (acrónimo de Asociación Transilvana) no acolledor bosque Dumbrava de Sibiu, dotado de numerosas e vistosas casas de madeira, muíños de vento e de auga, cabanas, celeiros, fornos, carros, igrexa e talleres cheos de ferramentas, teas e demais obxectos útiles, así como de rabaños de ovellas, colonias de gatos e outras presenzas animais. Fascináronme as madeiras vistas, as pinturas azuis, os tellados de palla e unha gran cuberta con antropomórficas fiestras a xeito de ollos.

Mais tamén gocei do non menos interesante Museo da Aldea do Banato ou Banat, nas aforas de Timișoara, que consta de vivendas rurais tradicionais, pombais, casa do concello, escola, casa de cultura, igrexa e apracible lago, con pasarela e belvedere, polo que nadan parrulos. Gustoume moito comprobar a diversidade étnica das súas construcións, xa que nel se exhiben características vivendas e facendas romanesas, pero tamén húngaras, serbias, eslovacas, ucraínas e alemás, pois todas estas comunidades conviviron en tan fronteiriza rexión. Non en van a propia Timișoara ten unha sobresaliente catedral ortodoxa, outra notable catedral católica e unha gran sinagoga xudía, entre outros moitos templos.

Timișoara, que foi capital cultural europea, é unha cidade monumental que une aos seus grandes templos, edificios e parques, o pazo neobizantino da Ópera Nacional presidindo a Praza da Vitoria, o paseo fluvial do río Bega e unha animada vida artística, comercial e gastronómica polas súas rúas e prazas, de todo o cal din conta no poema "Viaxe a nós". Fronte ás alas de neon iluminadas de noite contendo versos de Eminescu encóntrase a librería Cartea de Nisip (Libro de Arena, como o título do libro de Borges) e nela adquiriu Adina Ioana Vladu a antoloxía poética Încifrările do noso común amigo nonaxenario Aurel Rau, coa que me fotografei alí. Tal xesto deu orixe a unha entusiasta e poética mensaxe de Aurel Rau enviada dende a súa residencia en Cluj-Napoca, a gran capital económica, cultural e universitaria de Transilvania, onde tamén morou e exerceu a docencia o poeta Lucian Blaga.

Ademais de poesía, Timișoara proporcionoume tamén gozos artísticos, especialmente no Museo Nacional de Arte situado no gran Pazo Barroco da gran Praza da Unión. Nas súas galerías de pintura e escultura romanesa sorprendeume ver un retrato de Jorge Luis Borges realizado polo pintor Corneliu Baba, autor tamén dunha paisaxe da vila de Caransebeș, topónimo que me resultou sempre atractivo por ser o da orixe do admirable Taraf de Caransebeș que tanto escoitei en Bretaña, por mediación de María Lopo, onde practicou a fusión coa música celta. Ademais, a miña visita coincidiu coa exhibición dunha interesante exposición temporal da arte supervivente da antiga erupción volcánica de Pompeia, anunciada cunha preciosa ménade voante, o que trouxo á miña memoria a vesubia viaxe á contorna do Vesubio realizada con Carmen Blanco e Olga Novo. Mais, á parte da pintura e da escultura, o museo é rico en artes decorativas e traballado mobiliario, do que me chamou especialmente a atención unha barroca cadeira veneciana con forma de vieira.

Sempre avanzada, no século XIX Timișoara foi pioneira en iluminarse con farois eléctricos e en substituír carruaxes de cabalos por tranvías. Nela naceu o nadador e actor Johnny Weissmüller, célebre por facer de Tarzán no cine clásico de Hollywood que vin na miña nenez, e dúas importantes escritoras que lin na madurez, a poeta Ana Blandiana, de expresión romanesa, e a novelista Herta Müller, de expresión alemá. Nunha das diversas universidades de Timișoara estuda no momento da miña visita, ao abeiro do Programa Erasmus, a miña excelente alumna na Facultade de Humanidades do Campus Universitario de Lugo Laura Custodio Cristea, filla de nai romanesa, con quen tiven o pracer de encontrarme alí.

Mais, dalgún xeito, a miña identificación con Romanía quedou reflectida por persoa interposta no poema "Viaxe á orixe", onde tratei de revivir o itinerario vital que vai dende o antigo pobo dacio ao mundo actual pasando polas épocas medieval e moderna. O roteiro percorrido que o inspirou en 2026 tivo moita compaña animal, dende as cegoñas avistadas nos seus niños aos osos ocultos polos bosques, dende as mandas de ovellas laúdas aos cabalos tirando de carruaxes, dende os parrulos nadando no lago aos gatos esperando os afagos xalundes, dende o coello xigante de herba artificial aos deseños de elefantes e xoaniñas, dende a lebre viaxeira nunha caixa á pomba mensaxeira engaiolada como única pasaxeira dotada de cinto de seguridade no microbús que turbulentamente conectou Banat con Transilvania...

Vulcán, o topónimo que descubrín de neno entre os Cárpatos descritos por Verne e a vila natal de Adina Ioana Vladu, onde pasou a infancia e a adolescencia, é unha cidade mineira que exhibe a súa identidade cunha estatua monumental e cun mosaico mural dedicados á figura do traballador das minas. Os seus horizontes parecen abrazala a través dos montes de cumes nevadas, testemuñas das patinaxes sobre o xeo en medio da avenida e das árbores trepadas en medio do xardín. A escola de ensinanza primaria e secundaria de Vulcán e o instituto de ensinanza preuniversitaria da veciña cidade de Petroșani manteñen inalterable a memoria dos anos de formación, mentres que o renovado Cinema Luceafarul mantén inalterado o seu nome derivado do poema homónimo de Eminescu sobre o luceiro namorado.

Non moi lonxe está a cidade de Orăștie, coa súa interesante igrexa medieval fortificada, de culto reformado, e coa súa bela catedral, de culto ortodoxo. Nela non faltan o monumento escultórico ao rei dacio Burebista nin o busto do poeta nacional Eminescu, pero tampouco a serpenteante e simbólica escultura do lobo dacio. Non en van, preto de Orăștie se conservan varias cidadelas dacias, como a de Sarmizegetusa Regia. Dende este poboado combateu enerxicamente á invasión romana o rei dacio Decébalo ata que, derrotado, se viu obrigado ao suicidio, mais agora impresiona o seu xigantesco rostro en pedra nunha gran roca á beira do río Danubio.

Moi preto de Orăștie está Romós, onde puiden coñecer a tranquila vida rural da Transilvania profunda. Alí, cada facenda presenta máis ou menos a mesma estrutura en paralelo coas da veciñanza: gran portón pechado que dá acceso ao patio onde se encontran o pozo, o aparcadoiro, a cociña e os cuartos de estar e durmir; outro portón que dá acceso aos recintos cubertos dos animais e dos apeiros de labranza; a contigua horta para o cultivo de variadas especies vexetais e, finalmente, o arboredo composto tamén por variadas especies de froita. Trátase pois dun paraíso funcionalmente ordenado e amorosamente traballado sen cesar, onde persoas e animais, como a cadeliña Laika, parecen convivir en propicia harmonía.

En Romós fascináronme as estufas tradicionais romanesas revestidas con azulexos de cerámica artisticamente tallada e brillantemente pintada, nun caso cun gran cervo cara a un resplandecente sol, noutro cunha paisaxe da veciña localidade de Deva, palabra dacia que significa cidadela, pois tal enclave remata cunha vistosa cuiña volcánica sobre a que en efecto se eleva unha fortaleza. A íntima sensación de benestar que provocan nunha vivenda revestida con libros de literatura universal, incluída por suposto a romanesa, especialmente representada pola poesía e polo teatro de Lucian Blaga, parece convidar a visitar a casa museo deste escritor, situada na próxima vila de Lancrăm.

A interesante casa familiar do poeta, filósofo e dramaturgo Lucian Blaga contén manuscritos, correspondencia, libros, roupa, obxectos, fotografías e retratos artísticos do autor, así como mobles da súa época inicial, como un típico tear tradicional. O antigo celeiro veciño habilitouse como biblioteca, salón de actos e aloxamento para intervenientes no Centro Cultural Lucian Blaga e no Festival Internacional Lucian Blaga que se organiza anualmente. No exterior e no interior dos edificios figuran diversas placas e medallóns conmemorativos, así como versos do poeta chamativamente inscritos na fachada.

Lugar este propicio, pois, para fixar a experiencia poética en fotografía permanente, como así mesmo o foron os fascinantes deseños dos hoteis que me aloxaron en Bucarest, Craiova, Timișoara, Braşov ou Sibiu, incluíndo o dun apracible local de restauración decorado con libros vellos nesta última cidade. Polo demais, tamén puiden comprobar que Romanía combina o multiculturalismo gastronómico das súas cidades, baseado no atractivo exótico, coa insuperable arte culinaria da súa tradición autóctona, baseada no agarimo ancestral. Pero non me sinto con dereito de entrar en máis detalles, pois, parafraseando a Blaga, eu tampouco quero esmagar a corola de milagres do mundo.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES