A Torre onte e hoxe. Epígono.
O curioso viaxeiro que deu en reflexionar sobre os señores que exerceron a propiedade do castelo de Vilalba elevará a vista á torre da homenaxe que hoxe preside Vilalba. Edificada no último cuarto do século XV no solar doutra vella fortaleza, aproveitou antigos materiais e trazouse de novo. A parte central, a destinada ao señor, é a torre de planta octogonal que con esta forma e co grosor dos muros pretendía resistir o ataque de bombardas, falconetes e culebrinas, incipientes canóns que tanto se usaban para defender como para asaltar.

No actual xardín do parador poden verse tres das troneiras polas que se asomarían as pezas artilleiras en caso de asedio e que foron rescatadas da muralla exterior nas obras do ano 1999 polo daquela encargado do parador. Dende o alto da torre, de 26,40 metros, contémplase o territorio circundante, os vales do Madalena e do Trimaz por onde discorrían os camiños que confluían na vila. A solidez da torre asegúrase con grosas paredes que van dos 3,25 m na parte inferior ata os 2,70 m na superior, o que fai que unha superficie externa de máis de 250 m2 pase a unha interior duns 100 m2, que sería a destinada as persoas e almacéns nas súas seis plantas.
O piso máis elevado era a residencia dos señores. Unha única ventá, xeminada, orientada ao nacente, proporciona luz natural mentres que mirando ao norte sitúase un cubículo exento destinado a evacuar detritos. Neste mesmo nivel, na parte exterior, ao sur, o altorrelevo dun xabaril sostido por dúas ménsulas románicas, sinala o emblema familiar totémico e proclama a propiedade do lugar.
A media altura da torre un rebaixe na verticalidade das paredes proporciona información dunha pequena canal que recollía auga da choiva en caso de asedio e que por un cano chegaba ás inmediatas e inferiores cociñas. En todo caso tamén había, e hai, un pozo de auga abundante.
Recórdase que os pisos estaban sostidos por grosas vigas de madeira apoiadas en ménsulas, que as divisións interiores tamén eran de madeira e que grandes teas ou tapices ocultaban a fría pedra. E iso explica a facilidade para derrubar as fortalezas de lograrse poñer lume. O interior asegurábase con vaos pequenos, muros grosos trabados con argamasa de cal e coas esquinas máis expostas aseguradas con perpiaño.
Sabemos que a torre da homenaxe estaba protexida por tres secundarias de menor altura. Unha delas permitía a entrada á principal mediante unha ponte levadiza que daba acceso á porta hoxe visible na parede sur. As outras dúas protexían a muralla que circundaba a fortaleza á que se accedía por solemne porta sobre a que campaba o brasón de Diego Fernández de Andrade.
A explicación de que e construísen fortalezas de tal porte haina que buscar na posición estratéxica da vila nas comunicacións da comarca, polo tanto no comercio. O vello camiño de Santiago, logo chamado real, atravesa a vila. Ao longo do camiño, xa dende o século XII quedan documentadas torres menores de protección de viaxeiros e mercadorías en Castromaior, Goiriz, Vixil-Boizán, Baamonde e poida que en Torre. A fortaleza de Vilalba servía como principal e referente das secundarias.
E Vilalba, hoxe, soña con tempos pasados de próspera actividade comercial e novos edificios. Os rexedores, modernos sucesores de fidalgos, de teren estudos e preparacións adecuadas, saberán liberar os camiños, favorecer os transportes, atender as actividades comerciais, coidar as industrias e así, polo tanto, chegará riqueza para toda, toda, a veciñanza.