Diego de Andrade, Primeiro Conde de Vilalba
Fernando de Andrade, Primeiro Conde de Andrade
Tras a morte de Fernán Pérez O Mozo en 1470, toma o control da familia o seu fillo Diego Fernández de Andrade, casado con María das Mariñas, que enfoca a súa actividade á milicia ao servizo dos reis. Polo valemento que fixo da raíña Isabel recibiu o nomeamento de conde de Vlalba. Foi el quen protagonizou a reconstrución da fortaleza e quen mandou poñer o seu escudo na porta principal do castelo, o mesmo

que hoxe campa no lado norte da torre de homenaxe.
Será o seu fillo, Fernando de Andrade e das Mariñas, con quen a liñaxe chegue ao máximo esplendor e quen remate a fortaleza hoxe conservada. Seguindo a política dos RR.CC. toma o camiño das armas e mandou tropas de Fernando de Aragón na conquista e control do reino de Nápoles. Tras algún altercado con Fernández de Córdoba, e por morrer Fernández de Portocarrero, tomou o mando dunha parte do exército e recuperou a praza de Seminara en1503 que previamente perdera o Gran Capitán. Na batalla arrebatou aos franceses dezaoito bandeiras, as mesmas que depositou na parroquial de Pontedeume a carón da que había ser a súa sepultura. Andando o tempo, trescentos anos despois, cando as tropas de Napoleón asolaban aldeas, vilas e cidades que foran dos Andrade, un destacamento de húsares do mariscal Ney asaltou a igrexa de Santiago para rescatar os pendóns que noutrora perderan.
Fernando de Andrade, polos servizos prestados ao rei, recibiu o nomeamento de conde de Andrade. En 1520 vémolo opoñéndose a Carlos I e pedíndolle que volvese para Galicia o voto en Cortes, o que non conseguiu, e que se concedese unha casa de Contratación á Coruña, o que logrou por uns anos. Para atraelo, Carlos I nomeouno para mandar a frota que o trasladaría a Flandes para tomar posesión da herdanza europea e compensouno cunha importante dotación económica.
Por defender coas súas tropas os intereses do papa Adriano VI, foille concedido o título, propiedades e privilexios de príncipe de Caserta. Non tardou en vender tal privilexio e convertelo en numerario.