"Ruínas" é unha novela de Rosalía de Castro pouco coñecida, publicada tamén pola librería Gali de Santiago de Compostela que foi fundada en 1872. A primeira edición da obra é de 1866, antes da fundación da librería e, a que nosoutros temos diante é moito máis moderna, data do 1980. A obra é un cadro de costumes relativo a tres veciños dunha pequena vila que son exemplares polo que representan, mais non son as ruínas de Roma nin as de Pompeia ou Herculano, como nos manifesta a mesma Rosalía, senón que se trata de ruínas viventes, raras e quizais excéntricas, que viven a principios do

século XIX, manifestándonos a autora que estes personaxes son verdadeiros e que na época de Rosalía había xentes que os coñecían.
A primeira ruína está representada por unha anciá chamada dona Isabel Salgado y Peñaranda, recoñecida polo seu topete, usado moito antes que Elvis Presley. A devandita señora é poetisa, de pano perfumado, outrora de grande beleza que sabe tocar o violín, posuidora dun gato chamado Florindo e un moi grande paraugas encarnado co que andaba a diario, pero que con tan mala sorte que llo vai levar o vento para o río converténdose este feito nunha función indicio da súa morte, non sen antes axudar a don Braulio e a un pobrísimo fidalgo. Dona Isabel, igual que os outros dous personaxes, vive na pobreza, pero manténdose con fidelidade aos seus principios aristocráticos, o mesmo que o fidalgo Montenegro.
A segunda ruína é un comerciante chamado don Braulio que desbaldiu e desbalde todo canto lle cae nas súas mans, sendo un dispendio e repartindo todo canto ten entre os vilegos. Don Braulio vestía un leviatán que levaba sempre consigo e que lle chegaba ata os pés. Era un home demasiado xentil na súa miseria porque saía ao balcón e tiraba doces e diñeiro a deus dar, así rematou cunha grande fortuna que fixera por mor do comercio, mais pasábao moi ben malgastando todo, non quería nada para si e dáballe todo aos demais, aínda que a maior parte dos veciños eran ingratos e egoístas, por iso dinos Rosalía "Nunca procures íntima amistad con los que sean menos que tú, porque los primeros te envidiarán y los segundos te tendrán siempre en menos".
Don Braulio, que era outra ruína porque empobrecera polas súas xenerosas dádivas volve a ser rico por mor dunha herdanza que lle deixa un sobriño usureiro que residía nas Américas, fortuna que lle lega ao pobre fidalgo en conxunción con dona Isabel, aducindo que fora relativa a unha debeda que deixara pendente o seu pai, mentira que acaba crendo o pobre desgraciado.
A terceira ruína é un cabaleiro fidalgo, que nos recorda a El Buscón de Francisco de Quevedo, xa que o personaxe parece saído do século XVII, que malvive xunto a súa mai, unha muller anciá chamada dona María. Os dous viven na indixencia, o mesmo que as outras dúas ruínas anteriores; este fidalgo chámase Montenegro e dedícase a estudar leis pola súa conta para tratar de esixir que lle devolvan parte dunha herdanza que lle roubaron os seus familiares. Como fidalgo que é, non quere traballar porque está mal visto pola súa clase social e o seu status tampouco llo permite, de aí que mai e fillo vivan na indixencia, esfarrapados e esfameados. Montenegro namórase de Julia, filla dun zapateiro vido a máis, pero que se ri do fidalgo ata que este recibe unha ficticia herdanza amañada entre don Braulio e dona Isabel. Un pouco despois morre esta e Montenegro tolea porque pensa que el mesmo é ouro de aí que se esnaquice o seu corpo contra as paredes ata que un día o atopan morto tendido ao longo do Camiño Real e quedando soamente Don Braulio que é o que coida a dona María, a mai do fidalgo.
Son tres ruínas porque ningunha das tres ten diñeiro nin posibilidades de telo nunca, a primeira é Dona Isabel que representa á nobreza; Montenegro á fidalguía española que nunca traballou nin quere traballar e Don Braulio á clase comerciante ou novo rico que fai dispendio de todo canto colle porque tampouco lle costou moito conseguir a fortuna. Estamos, pois, diante dun cadro de costumes propio da sociedade española doutros tempos distintos aos de Rosalía, pero que se atopan moi enraizados na nosa sociedade porque son os últimos reboutallos dunhas clases sociais, excepto a dos comerciantes, que acaban desaparecendo.