Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Torre do Castelo de Vilalba (5)

Pombo Mosquera, Xosé Antonio - martes, 28 de abril de 2026
Os Irmandiños. Nuno Freire O Mao

As crónicas do tempo refírense a Nuno Freire III como O Mao pola xenreira que lle tiñan os vasalos. Dise del que subiu a presión fiscal para facer ostentación de riqueza ao recibir a visita do rei de Aragón e que iso sucedeu tras malas colleitas. Morreu en 1421 en circunstancias non ben documentadas, naquel mesmo ano no que se lle rebelaron burgueses e fidalgos que dirixían as xentes do común cansos todos das contribucións que soportaban. Foi a Primeira Revolta Irmandiña que tivo como principal escenario as posesións dos Andrade e que logo se estendeu aos bispados de Mondoñedo e Lugo. A Torre do Castelo de Vilalba (5) Daquel tempo recórdase un fidalgo, de orixe non ben certa pero que uns sitúan na Coruña outros en Ferrol e mesmo en Betanzos, de nome Roi Xordo que con tres mil do común tomou a fortaleza de Moeche. Non documentamos que o vello castelo de Vilalba sufrise ataques.

A Nuno Freire III O Mao sucedeuno, aínda que cuestionado polo rei Juan II, Pedro Fernández, o quinto dese nome, que morreu catro anos despois e que deixou por herdeira a súa filla, María de Andrade baixo a titoría do tío paterno Fernán Pérez O Mozo. Este axiña logrou apartar a sobriña e consta que controlou a casa de 1442 a 1470.

Foi daquela, ano 1467, cando se produciron enfrontamentos bélicos coñecidos como a Segunda Guerra Irmandiña. Cómpre recordar que daquela o control dos territorios en Galicia era caótico. Os nobres de maior poder pretendían aumentalo a costa dos veciños mediante pactos matrimoniais ou pola forza das armas. Testemuñas mencionan que as fortalezas eran redutos de bandidos onde se gardaban riquezas sacadas de vasalos e viaxeiros. Por outro lado a economía transformábase. Os avances técnicos na navegación e a mellora dos lugares de atraque favorecían o comercio naval. Controlar os portos era dispoñer de riquezas que contrastaban coas procedentes de cultivos agrícolas. O intercambio de mercadorías favorecía que xurdisen negociantes que escapaban do poder nobiliario, que favorecían o goberno dos concellos e que se gardaban baixo leis, chamadas foros, rubricadas pola realeza. Logo estaban os segundóns, familiares dos cabezas das liñaxes que buscaban o seu lugar en postos de influencia en órganos de goberno e que miraban de enriquecerse e crear influenzas. Logo estaba o clero que actuaba segundo o nivel de rendas e que tanto se situaba a carón dos grandes nobres coma dos simples fidalgos. E isto non sempre era ordenado e pacífico.

Naquel 1467, tras anos de fames, as xentes do común, outra vez dirixidos por fidalgos, xuntáronse contra os abusos que soportaban e botáronse a queimar fortalezas. En Vilalba os sublevados incendiaron e destruíron o vello castelo. Estaban dirixidos por Alonso de Lanzós, un Andrade menor e un dos tres grandes caudillos da rebelión que, ao ver a súa derrota próxima dous anos despois, buscou protección no arcebispo Alonso de Fonseca II. Na vilalbesa parroquia de Lanzós aínda quedan restos de edificacións que ben puideron pertencer de Alonso de Lanzós.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES