
O 27 de abril de 1993 (cúmprense hoxe 33 anos) produciuse unha das maiores traxedias da historia do fútbol africano. A selección nacional de Zambia viaxaba cara a Senegal para disputar un partido de clasificación para o Mundial de Fútbol de 1994 cando o avión no que se desprazaban sufriu un accidente mortal preto de Libreville, capital de Gabón.
O equipo zambiano era considerado unha das mellores xeracións da súa historia. Viñan de derrotar por 3-0 a Mauricio nun encontro de clasificación para a Copa de África e agora debían afrontar outro reto decisivo: gañar a Senegal para seguir soñando coa súa primeira participación nun Mundial.
O avión era un modelo militar de Havilland Canada DHC-5 Buffalo pertencente á forza aérea zambiana. O percorrido incluía varias escalas para recargar combustible: primeiro en Brazzaville, despois en Libreville e máis tarde en Abidjan antes de chegar a Dakar.
Durante a primeira parada xa se detectaran problemas mecánicos nun dos motores, pero o voo continuou. Poucos minutos despois de despegar de Libreville, un motor incendiouse. O piloto, confundido por un fallo nos instrumentos e afectado polo cansazo, apagou por erro o motor que funcionaba correctamente. O avión perdeu toda a potencia e acabou caendo no océano Atlántico, a uns 500 metros da costa de Gabón.
Non houbo superviventes. Morreron as 30 persoas que viaxaban a bordo: 18 futbolistas, membros do corpo técnico e cinco tripulantes. Entre as vítimas estaba o adestrador Godfrey Chitalu, unha lenda do fútbol zambiano. A noticia provocou unha enorme conmoción en África e no resto do mundo. Miles de persoas acudiron ós funerais celebrados en Lusaka.
A pesar da dor, Zambia reconstruíu rapidamente o seu equipo e conseguiu chegar á final da Copa Africana de Nacións de 1994.
Anos despois, en 2012, a selección zambiana conquistou a súa primeira Copa de África precisamente en Gabón, moi preto do lugar da traxedia. Esta vitoria dedicáronlla ós xogadores falecidos en 1993 e converteuse nun símbolo de superación e memoria.
Hoxe, o accidente de Libreville, segue a lembrarse como unha das páxinas máis tristes da historia do deporte africano, pois en Europa, África conta pouco.