No casco antigo desta cidade andaluza atópase a Praza Campoamor na que se sitúa o Pazo dos marqueses de Cabra e fronte del un monolito de metacrilato e aluminio con cores e dourados realizado polo artista almeriense Jesús de Perceval no 1965 sustentado en pedra de Alhama que representa a un San Valentín novo cos símbolos do seu martirio e no que está presente tamén ao fondo a famosa Alcazaba e as casas da Chanca. Na base do baixorrelevo hai inscritos uns versos de Ramón de Campoamor: "Es propio del amor, si es verdadero, compendiar en un ser el mundo entero".

O monumento está rodeado dun enreixado baixo no que figuran pendurados e pechados centos de cadeados. E aquí quería chegar eu.
A simboloxía dos cadeados como representación de relación amorosa pechada e duradeira é bastante recorrente por aí adiante. Pechado o cadeado o seguinte paso será desfacerse da chave para que ningún dos dous románticos amantes caia na tentación de abrilo e rematar así co encantamento. En fin, de ilusións tamén se vive. O caso é que a Praza de Campoamor que o mesmo podería coñecerse como Praza do Amor (encadeado) hoxe case está convertida nunha exposición permanente de material de ferretería con centos de pezas presas no enreixado do monumento ao santo dos namorados.
A simboloxía chea de mistério foi sempre atractiva para os seres humanos. Cando vemos unha estrela fugaz atravesar o firmamento, pedimos un desexo, cando tiramos unha moeda na Fontana de Trevi en Roma tamén, e cando prendemos un cadeado nun enreixado desexamos que o noso amor quede tamén pechado. Pero temos que entender que as relacións non transcorren sempre por un camiño de viño e rosas e que estas non consisten só en desexos e si en actitudes, en feitos. Non basta con prender un cadeado: hai que poñer a proba a capacidade para o entendemento e o consenso, partes importantes para a convivencia.
Cantos desexos de amor perdurábel estarán reflictidos e cumpridos nos centos de cadeados, algúns enferruxados, da Praza de Campoamor de Almería? Quen o saberá! Algúns cumpriríanse, outros non. Que o amor non se enferruxe, meus amigos e amigas.