Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Visita aos frescos das Igrexas parroquiais de Labrada e Os Vilares (Guitiriz)

Rodríguez Patiño, Luis Ángel - viernes, 24 de abril de 2026
No marco do programa de subvencións promovido polo Concello de Xermade, a Asociación de Maiores de Momán levou a cabo unha actividade formativa baixo o título "Viaxar amplía horizontes", centrada no coñecemento do territorio e do patrimonio natural e cultural galego.

Visita aos frescos das Igrexas parroquiais de Labrada e Os Vilares (Guitiriz) A xornada iniciouse coa visita á exposición dos frescos da igrexa de Santa María de Labrada, guiada por Pilar Gómez, veciña de Lousada, quen preparou unha completa explicación sobre as pinturas murais. A actividade foi enriquecida pola intervención do párroco Luis Ángel Rodríguez Patiño, quen destacou pola súa implicación na defensa e conservación deste valioso conxunto artístico ante as distintas institucións ao longo dos últimos anos.

As pinturas murais de Santa María de Labrada dispóñense ao longo dos muros da nave, interrompidas por ventás e portas. Foron descubertas durante a restauración realizada na década de 1990 e sitúanse cronoloxicamente entre comezos e mediados do século XVI. Aínda que presentan influencias renacentistas nas fases máis tardías, predominan as fórmulas do gótico hispano-flamengo do século XV. A diversidade de mans que interviron na súa execución dificulta a reconstrución do programa iconográfico orixinal, aínda que se apunta á posible existencia de ciclos dedicados á Paixón de Cristo ou ao Xuízo Final.

No muro norte consérvanse diversas escenas de grande interese. Destaca unha cenefa cunha inscrición incompleta que fai referencia a un dos promotores da obra. Aparece tamén un busto de anxo portando os instrumentos da Paixón -a cruz e a lanza-, así como unha representación de Cristo camiño do Calvario, rodeado de soldados que o maltratan, destacando o simbolismo da corda ao pescozo que o identifica co Año do Sacrificio e, polo tanto, coa Redención.

Inclúese tamén a figura de San Xoán Bautista, representado como asceta, con túnica de pelo de camelo, barba e longas melenas, portando un libro co Año Místico e sinalando a Cristo como Redentor. Baixo esta escena aparece un curioso motivo profano, posiblemente unha fábula de orixe flamenga ou alemá, na que un raposo engana a un galo, constituíndo unha advertencia moral contra a falsidade e a hipocrisía.

Visita aos frescos das Igrexas parroquiais de Labrada e Os Vilares (Guitiriz) Outras representacións do muro norte inclúen o martirio de San Sebastián, atado a unha columna mentres é asaeteado, santo ao que se lle atribuía a protección contra a peste; San Cristovo cruzando o río co Neno Xesús aos ombreiros, protector contra a morte súbita, cuxa localización xunto á porta reforza a súa función simbólica; e unha escena de San Xurxo vencendo ao dragón, na que a fe triunfa sobre o mal.

Tamén se identifican o Bautismo de Cristo no río Xordán, con San Xoán vertendo auga sobre Xesús mentres un anxo sostén unha túnica, e unha deteriorada imaxe de Santa Margarida, acompañada dos seus atributos, o dragón e a cruz.

No muro sur atópanse dúas figuras difíciles de identificar debido ao seu estado de conservación, xunto cunha destacada representación de Santiago Matamouros, que combina a iconografía do peregrino e do cabaleiro cristián, con grande riqueza nos detalles e unha notable influencia das formas flamengas. Completa este conxunto unha impactante representación do Inferno, onde os demos castigan as almas dos pecadores nun gran caldeiro, simbolizando os sete pecados capitais e subliñando a igualdade de todos os estamentos ante a xustiza divina.

A xornada continuou coa visita aos frescos da parroquia dos Vilares, onde o grupo estivo acompañado por Antón Guizán, firme defensor da conservación deste patrimonio, natural de Lanzós e con fondas raíces na parroquia, cuxo labor resultou clave para a súa recuperación.

Nos Vilares, as pinturas están organizadas en escenas enmarcadas por bordos decorativos. No muro norte destaca unha representación única en Galicia da Imposición da casulla a San Ildefonso, xunto cunha cruz e un Lamento sobre Cristo morto. No muro sur, de menores dimensións, identifícanse escenas relacionadas con Santiago Matamouros, ademais doutras pinturas máis antigas descubertas durante as intervencións. O conxunto complétase con motivos xeométricos e paisaxísticos que enriquecen o valor artístico do templo.

A actividade permitiu ás persoas participantes afondar no coñecemento do patrimonio local, poñendo en valor a riqueza histórica e artística da contorna, así como a importancia da súa conservación e difusión para as xeracións presentes e futuras.
Rodríguez Patiño, Luis Ángel
Rodríguez Patiño, Luis Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES