Entre a Cruz de Lagartedo e o Rego de Chelo o Camiño de Santiago recorre 1.134 metros na parroquia de San Miguel de Biville, na aba sur do Monte do Páramo, que no Pico do Faro ten a súa cota máis alta, compartida na actualidade por cinco parroquias; espazo amplo onde se achan antenas repetidoras de televisión e onde hai un parque eólico para xerazón de electricidade en terreos dos concellos de Sárria e do Páramo.
Este treito da ruta xacobea constituíu ata os anos 1930 o único vieiro de comunicación entre Sárria e

Portomarín, razón pola que era xeralmente nomeado como "Camiño de Portomarín".
Asómanse á Corga dos Franceses os lugares de Cortiñas, Lavandeira e O Casal. En Cortiñas hai as casas chamadas de Pepe, Antonio, Baltasar, Fidalgo e Brais, lugar que en 1873 reunía 4 casas habitadas e 3 vagas. En Lavandeira están abertas as casas ditas da Chousa, Casal, Cabo de Vila, Torres, Campo e Sisto, e no Casal hai dúas casas, Manolo e Isaura. En 1873 O Campo de Lavandeira e O Casal reunían 6 casas habitadas e 4 pechadas. En Lavandeira consérvase o edificio que albergou a escola promovida pola asociación de emigrantes "Fillos do Distrito de Sárria en La Habana", que ten anexo un espazo onde houbo un Teleclube. O Campo de Lavandeira, que era unha vizosa carballeira xa desaparecida, fala dun espazo que foi lugar de descasno para peregrinos e pasaxeiros.
Como recordo dun pasado máis remoto, anterior ao feito das peregrinacións, en diversos documentos figura a referenza á verea ou camiño da "Antigua", que nos remite a unha vía romana secundaria que levaba cara o Portomarín vello, hoxe asolagado, onde resoan o "Portus" Marini e a posterior "Pons Minea".
Ao sur da vía das peregrinacións está a igrexa románica (de antes de 1188), con fachada barroca, chamada San Miguel de Biville, coa súa capela de San Xoán e no Monte San Marco, baixo do Pico do Faro, a capela de San Marco ocupa parte do que foi o Castro e mosteirolo medieval de Santo Adrao "do Monte do Páramo".
No ano 904 o abade Visclafredo doa a San Martiño de Barbadelo "terras in villa Uiuildi". Na igrexa de San Miguel celebrouse e 1058 un xuizo pola propiedade do mosteiro de San Xoán de Cinsa, en terra de Lemos. "ic in sancto Michaele de Vivilli, ic in Paratella". En 1162 Poncio de Cabreira doa ao mosteiro de Samos todo o que ten en "Vivili".
Aínda que queda lonxe da ruta das peregrinacións e está perto do camiño de Sárria ao Páramo, merece especial atención a agora chamada Capela de San Marco, no monte da mesma denominación,

que ocupa espazo que foi do castro e do mosteirolo que se chamaron na Idade Media de "Santo Adrao", non lonxe da Fonte de Santo Adrao e da Fonte das Virtudes. A carón da actual capela hai un marco que estrema coa parroquia de Santa María de Belante, e abertos na pena sobre a que asenta a antiga ermida hai tres sartegos, un deles que destaca por ser moi pequeno.
Cara 1009 Veremudo Sunilani doa a Samos e ao abade Mandino "hereditatis ic Viviil hic testo; sanctum Adrianum in ilo monte cum suo castro in circuitu, quomodo est conclusu, in testamento de domno Vreemudi maiore ic testo 2. E di tamén que doa a "casa Sancti Adriani in illo monte hic testo, quod hic et nobis testavit domnus Ambrosius dignus confesus et domnus Radosindus sacerdos mirificus...". Eses documentos sitúan o mosteirolo e posterior ermida de Santo Adrao no monte do Páramo, e dentro da parroquia de Biville, que acabou dando lugar á advocación de San Marco.
Santo Adrao do Monte do Páramo pasou ao dominio da Igrexa Lucense cando Samos e o o bispo lucense fixeron trocamento de bens e dereitos, apartándose a Sé Lucense da posesión e dereitos que tiña en Barbadelo.
O Monte de San Marco, coa súa capela e os sartegos, constitúe un admirable viso dende onde as olladas alcanzan os monte dos Ancares, ás serras ourensás de Manzaneda, os cumes da Serra do Faro en Chantada, Pena Maior en Becerreá e a Serra da Vacariza en Castroverde. Este miradoiro natural esixe que as autoridades locais o poñan en valor e sinalen axeitadamente accesibilidade dende a Granxa de Barreiros.
Ata tempos ben recentes a parroquia de Santa María de Biville formou parte do Arciprestádego de Paradela. O nome da parroquia, que na documentación civil ven figurando como Biville, na eclesiástica, con maior fidelidade á denominación histórica, aparece como Viville, que recorda á fundadora da igrexa dona Vivilde.
O camiño, agás o treito de costa que baixa ao rego de Chelo, vai por terreos chaos que responden aos nomes de Marxa da Lama, Cancelas, Chouso, A Lama, Prado da Porta, Campo, Horta da Lama, Leiro do Campo, Horto, Poste, Leiro das Pedras, Nubal, Cortiña,Tras Sisto, Cortiña de Lavandeira, Leiro da María, Chelo, Cortiña do Fradeo, Barreal de Abaixo, Barreal de Arriba e Rego de Chelo. Nun muro, pasado o lugar de Cortiñas, vese unha cruz de pedra alí empotrada.
A parroquia de San Miguel de Biville co seu Couto foi da propiedade da Catedral e Bispado de Lugo, sendo aforada a diversas familias fidalgas que pagaban as rendas fixadas. Na Iade Media tiña máis aldeas e casares, e a finais do século XVI citaban entre eles Carmoniño e Sonai, agora nomes de terras de cultivo, que quedarían despoboados cecais en tempos da peste.
Cando se suprimiron os señoríos e se crearon os Concellos Constitucionais esta parroquia pasou a formar parte do Concello da Pinza e Biville, integrado no partido Xudicial de Sárria. En 1840 incorporouse de xeito definitivo no Concello de Sárria.
Pola parte máis baixa da parroquia, riba do Rego de Marzán, no lugar de Biville, pasa a estrada de Pedrafita do Cebreiro a Vendas de Narón, aberta baixo o nome de Estrada de Sárria a San Martiño de Castro, vía que estivo paralziida por máis de sesenta anos en Mouzós (Meixente) e non foi ata os anos 1930 cando permitiu a comunicación con Paradela (Pacios a súa capitalidade) e Portomarín, unha vez rematada a Ponte Nova no Miño, entre San Pedro e San Xoán.
Na actualidade esta estrada é seguida tamén por numerosos peregrinos e para os ciclistas está habilitada a ruta europea que ven dende Santo André de Paradela (Sárria) e sae pasado Biville á Estrada de Portomarín, seguindo por esta ata a parte baixa do Castro de Barán (Paradela) dende onde por Veiga chega a Ferreiros.
De xeito ocasional o vello camiño de Sárria ao Páramo, agora formando parte da pista de Ortoá a Friolfe, é que deixa á man esquerda o lugar de Castromeixe, da parroquia de Biville, é seguido por camiñantes que seguen a práctica deportiva de iren por traxectos en liña recta e ademais as pistas que soben ao monte dende Ortoá, Meixente, Belante, Biville e Goián permiten aos ciclistas s subir por rutas de forte pendente que poñen a proba a capacidade fisica dos que os alí van. E a dureza deses treitos explica que tamén sirvan de escenario a competiciónns automobilísticas. Peregrinación, deporte e caza teñen bon lugar nos espazos de monte pertencentes a Biville.