Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home da bufanda vermella

Sampedro, Pilar - jueves, 21 de mayo de 2026
Con 97 anos en plena lucidez, foise o orador que dominaba o discurso e a memoria. Xa non será posible recuperar todo aquilo que nos legaba en cada intervención directa: programada ou improvisada.

Lembro as derradeiras veces que coincidín con el, nun recoñecemento a García Sabell en Boisaca onde nos O home da bufanda vermella contou que na viaxe desde Vigo lle dixeron que era ben que dixera algo, e el fíxoo como se tivese un mes para preparalo. Na presentación do Epistolario entre el e Neira Vilas, en Gres, cunha magnífica conferencia sobre esa amizade e todo o que ao redor se foi creando, de como serviu de axente ou intermediario entre o escritor e a súa edición en Galicia, da coincidencia na ideoloxía comunista... Nas charlas do Ateneo, onde tiñamos pendente unha máis, ao redor de Castelao e o comunismo. Porque conforme pasaba o tempo semellaba que asumira dar máis razón desa ideoloxía na que levaba décadas militando e que conforme pasaba o tempo ía quedando nunha soidade clamorosa.

Pode que a última vez quer coincidira con el fose no CSC do Ensanche, finalizando o ano, cando a Fundación 10 de marzo realizou unha exposición que conmemoraba os 50 anos da morte do ditador Franco, baixo o nome de Transición. Esta exposición completouse cunha serie de charlas nas que interviñeron (entre outros) Nicolás Sartorius e Alonso Montero que presentou o libro

Filólogo. Ensaísta. Investigador e divulgador. Intelectual. Home do seu tempo. Académico que asumiu a presidencia da RAG (2013-2017). Presidente, tamén da Academia Real Isaac Díaz Pardo. Profesor de secundaria e da USC. O home que traduciu a Internacional ao galego, himno que foi lido nese acto de despedida en Vigo no que houbo algunha tea vermella ao pescozo lembrando a súa bufanda. Había, nese acto, xente incómoda cantando o himno dos desposuídos da Terra, pode que non tanto por considerarse donos dela senón capataces ou igual... xentes que non son quen de recoñecer que agás no caso do fascismo e os seus acaroados (machismo, nacionalismo imperial e demais) se poden cantar todas as cancións que identifican tempos e lugares da Historia. O home que militou no Partido Comunista Galego desde 1062 foi despedido coa súa bandeira cubrindo o cadaleito.

En canto á lingua, Alonso Montero foi autor ou coordinador de "O porvir da lingua galega" (1968), "O que cómpre saber da lingua galega" (1969) e "Informe -dramático- sobre la lengua gallega" (1973). Coñecedor do papel da literatura como alma sensible da lingua, traballou aos grandes poetas e puxo nas mans daqueles que non tiveran acceso a ela os 100 mellores poemas da lingua galega en 1970.

Do seu recoñecemento falan premios coma o Ramón Otero Pedrayo, Pedrón de Ouro, Celanova Casa dos Poetas, Xunta de Galicia á Creación Cultural, Irmandade do Libro, Juan Fernández Latorre de Xornalismo, Defensa dos Dereitos Humanos (Avogados Demócratas da Coruña), Premio Cultura Galega das Letras, o Premio Laxeiro ou o Premio da Memoria Democrática concedido polo Goberno de España en 2023.

Sempre lembro a súa intervención en San Domingos de Bonaval despedindo a Neira Vilas cando (seguindo o seu ideario internacionalista) nos dixo que aquel día non só quedaran orfos os nenos labregos galegos senón todos os nenos desposuídos do mundo. Certamente, o noso mundo e o mundo en xeral, fica un tanto máis desprotexido dende que o vello profesor foi durmir fóra da casa este 12 de febreiro e 2026.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES