En "Un deber do profesorado galego" que foi publicado en El Pueblo Gallego en 1930, pretende "chamar á concenza do profesorado galego de todol'os ordes pr'unha maor exempraridade do seu traballo diant'as necesidás propias da Galiza."
Afirma que "Ben mirado, a esquemática dos pláns d'enseñanza soilo adequire vidalidade c'a interpreitazón e traballo do profesorado (...) Calquera que señan os programas oficiales o mestre ten espazo pra eispricar ôs rapaces as grandes liñas da faciana xeográfeca e histórica da Galiza. non se precisa material d'ensiñanza. Está nos montes d'hourizonte, nos ríos que dibuxan o chán, no seo dos bosques, nos castros cinguidos de lendas, na portada esculturada feitucadamente da eirexa, nos contos, nos refrás e nos ditos dos vellos, tan amados e simbólecos pr'a tenra intelixenza dos

rapaces. (...) Calquer acontemento do día -a chegada d'un americano, a feira, a vendima- dá pé pra eispricar como son as terras i as xentes d'além-mar, a siñificanza do comercio, o valor do traballo das viñas. (...) Deber iste que abrangue os profesores galegos i-os non galegos pois istes saben que o galeguismo, lonxe de supoñer renunzazón e particolarismo, quer dicir esprito franqueado a ô mundo moderno e que unha enseñanza real na Galiza e pra galegos soilo en realidás galegas tén a súa primeira apricazón. (...) Moito se tén feito e se fai pol'o profesorado galego. Compre máis: un acordo intenso e fecundo pra que en todal'as enseñanzas non esteña en ningunha cátedra ausente ista grande e vidal realidade da Galiza que nos envolve e na que alentamos como unha atmósfera nosa e insustituibre. Riba da mesa temos o programa ô qu' axustaba súas sabias ensiñanzas o ilustre Dr. Cotarelo, da Universidade, aló pol'o ano seis. N'il figura un grupo de leuciós adicadas á nosa literatura medioeval e moderna deica o derradeiro valor de entón. Exempraridade na que todos debemos ispirarnos dend'as primeiras crases de outono." Falando da ensinanza obrigatoria pon o acento en "coñecementos espritoales, que capaciten o cibdadán pra sélo, c'unha cultura que poideramos chamar feita istinto e costume social pra andar ceibadamente pol'o mundo moderno" e fala de "unha Universidade que opine e resolva, guíe, aconselle e loite como entidade vivente."
Ás veces, é mellor poñer diretamente as súas palabras que as nossas interpretacións. Aínda así, deterémonos nalgunha das súas argumentacións. Comeza poñendo en valor ao profesorado que é o que lle insufla vitalidade aos plans de ensinanza. Ao tempo reclama a súa responsabilidade afirmando que calquera que sexa o programa sempre se pode introducir a realidade galega porque estamos nela, éntranos polos sentidos, non podemos obviala porque iso vai en contra de todas as teorías pedagóxicas dos últimos séculos. Tamén fai un chamamento ao profesorado que non é galego porque asegura que o galeguismo non é renuncia a outros saberes nin localismo senón respecto ás teorías pedagóxicas actuais que piden partir do máis próximo.
Valora o que o profesorado ten feito polo galeguismo pero avoga por un acordo fundamental e imprescindible para que a realidade galega non estea ausente de ningún programa e exemplariza esta actuación no programa de Cotarelo en 1906.
Remata falando na necesidade de formar cidadáns no ensino obrigatorio, por onde pasan todos para que ninguén fique sen a cultura básica e a competencia para facerlle fronte á realidade. E, para finalizar, achega as que deben ser as funcións da universidade viva: opinar, resolver, guiar, aconsellar e loitar. Unha universidade que sirva á sociedade!
Noutro texto, falando do seu alumnado afirma "Si lles non poiden dar un saber que non tiña dinlles unha luz de entusiasmo polo saber, esperteilles o sentemento de iste enfeitizado paisaxe da Nosa Galiza." Que máis se pode pedir? Entusiasmo polo saber e sentimento polo país. Valores impedecedeiros.