Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O experimento dos núcleos rurais

jueves, 19 de noviembre de 2009
É un dato ben coñecido e moi repetido que Galicia ten unhas 30.000 entidades singulares de poboación, é dicir, un 50% dos asentamentos humanos de toda España. Ata agora eses espazos rurais habitados e dispersos chamábanse casais, aldeas, barrios, lugares... sempre aglutinados en torno a una entidade colectiva chamada parroquia. A Lei do chan de Galicia 9/2002 por primeira vez desenvolveu un novo concepto e categoría xurídica chamada “núcleo rural” que non coincide con ningún nome dos asentamentos tradicionais, aínda que dalgún xeito pretende englobalos a todos. Nos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOMs) -agora forxándose- as agrupacións de poboación bautizadas como “núcleos rurais” serán o eixe legal que servirá para ordenar tódolos asentamentos dispersos da Galicia rural.

A idea de entidade colectiva xa estaba presente no nomenclátor oficial de poboación, referíndose a parroquia rural; mais esta non é un lugar físico concreto senón unha institución organizativa de orixe eclesiástico que abrangue varios asentamentos de poboación. Aínda que a parroquia está recollida no Estatuto de Autonomía de Galicia, segue ser ter ningún recoñecemento legal posterior. Hai dúas décadas que o concepto de “núcleo colectivo” tivo algún desenvolvemento práctico cando Telefónica esixiu que para instalar o fío dos teléfonos fixos nalgúns conglomerados de aldeas próximas, estas deberían ser declaradas “núcleo colectivo”. De aí que moitos deses núcleos persistan hoxe no nomenclátor oficial de poboación e asentamentos.

A Lei 9/2002 do chan de Galicia, entre outros moitos obxectivos, tratou de poñerlle portas o campo desenvolvendo no seu artigo 13 os lindes do que debemos entender por núcleo rural: “Constitúen o solo de núcleo rural os terreos que serven de soporte a un asentamento de poboación singularizado en función das súas características morfolóxicas, tipoloxía tradicional das edificacións, vinculación coa explotación racional dos recursos naturais ou de circunstancias doutra índole que manifesten a imbricación racional do núcleo co medio físico onde se sitúa e que figuren diferenciados administrativamente nos censos e padróns oficiais, así como as areas de expansión ou crecemento destes asentamentos”. Noutros parágrafos do mesmo artigo 13 dísenos que deberán analizarse as peculiaridades urbanísticas e morfolóxicas, o grao de consolidación da edificación e perspectivas de futuro, as tipoloxías dos edificios, as formas dos ocos e das cubertas, os materiais de construción, os cores e formas tradicionais das edificacións de cada asentamento. Na práctica concreta o planeamento deberá delimitar o perímetro do núcleo rural que debe ter, polo menos, un 50% de edificación consolidada. A liña perimetral debe encerrar as edificacións tradicionais; e esa liña, como máximo, poderá separarse 50 metros das construcións tradicionais. Poderase tamén delimitar unha area de expansión do núcleo rural de 200 metros, sempre que non afecte a solo rústico especialmente protexido. Nos artigos 24 a 29 da mesma Lei establécense moitos detalles, deberes e condicións de edificación nos núcleos rurais que aquí non podemos detallar por falta de espazo.

Se lemos atentamente os artigos da Lei do 2002 que describen, delimitan e condicionan as edificacións nos núcleos rurais, se examinamos a ordenación concreta que está facéndose nalgúns PXOMs, se os oriúndos do medio rural galego reconstruímos a nosa prolongada experiencia directa, se analizamos as transformacións acaecidas nas aldeas nos derradeiros cincuenta anos, podemos constatar que algo non encaixa coas actuais previsións da citada Lei e as súas posteriores modificacións. A maioría dos cidadáns de a pé, na que me inclúo, contabilizan moitos desaxustes.
Velaquí algúns:
• A visión dos núcleos rurais reflectida na Lei do chan parece un tanto romántica, arcaizante e afastada da realidade actual en moitos detalles e matices. As vellas aldeas arrastran sinuosos labirintos e estrangulamentos nos viais, antigos camiños e corredoiras, que deben ser en boa parte modificados para ser funcionais e iso esixe derrubar moitos pendellos e arrimos tradicionais. Mais do 50% das edificacións (vivendas, novas cortes, naves de maquinaria, garaxes...), que foron construídas nos últimos cincuenta anos, xa alteraron a morfoloxía, a tipoloxía, os materiais, os cores, os volumes, os espazos libres públicos e privados. Certamente, hai que salvar a arquitectura valiosa do pasado pero sen constrinxir o conxunto, hai que racionalizar a funcionalidade e calidade dos núcleos rurais futuros integrando novos espazos, novas formas, novos materiais, novos volumes que respondan a novas necesidades sen destruír nin desdicir do medio natural, etnográfico e arquitectónico circundante. Iso é posible e viable, se a lei se aplica con flexibilidade e con sentido común práctico.

• A concepción legal dos núcleos rurais móvese nunha contradición que inclúe un reto difícil de superar: búscase frear e reducir a dispersión dos asentamentos, pero encóntrase con que deixa sen marco legal seguro a moitos casais tradicionais e a bastantes novas vivendas edificadas preto da aldea, con novos veciños que queren estar próximos pero non amontoados. Se o plan intenta promover unha mínima concentración residencial, os núcleos rurais de cincuenta metros de ancho aparecerán alargados e desnucleados, como unhas tiras de papel mal cortadas. Non se prevé unha xerarquía estratéxica de núcleos nodais importantes; mais ben o contrario, na práctica, os asentamentos mais recentes e dinámicos, sen ningunha ou poucas vivendas tradicionais pero ben situados en nodos claves de comunicacións, son descartados ou reducidos a mínima expresión por ser alongados a beira de estradas estatais ou autonómicas. Hai moitas maneiras de corrixir esas situacións paradoxais sen estrangulalas. Confiemos que a reforma anunciada da Lei do chan, acordada entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), resolva canto menos algúns destes desafíos.

• Na práctica concreta, a delimitación mecánica dos núcleos rurais leva consigo algunhas sutís discriminacións sociais. Como ben dicía un labrego afectado, “se tes unha cortiña ou prado grande pegado a casa, daranche posibilidades de facer outra vivenda para un fillo ou un irmán retornado da emigración; mais se tes só un horto ou un minifundio de parcelas alleas, quedarás apreixado sen poder moverte”. As vivendas situadas na beira da liña perimetral dun núcleo rural deberían legalmente poder dispoñer na súa contorna inmediata, cando menos, duns metros edificables para axustes e correccións. Todo isto supón que se queira facilitar a pervivenza dos asentamentos rurais, non o seu laminado paseniño.

• A dispersión dos núcleos rurais convertese nun problema a medida que a sociedade rural vai modernizándose. As diferentes administracións públicas alegan un alto custo económico dos servizos que deben dar; mais ata agora esa foi unha verdade a medias, pois boa parte das necesidades primarias individuais e colectivas do medio rural disperso foron cubertas, ben que mal, polos propios habitantes e comunidades aldeáns e parroquiais. A distribución dos orzamentos municipais entre o urbano e o rural dan conta desa ancorada realidade. Agora chegou a hora de levar as novas tecnoloxías de información e comunicación ata o último recanto da Galicia rural, pero sen chapuzas nin exclusións selectivas e discriminatorias.

• A construción ou reconstrución social da Galicia rural dispersa, ademais da man invisible das forzas económicas que “misteriosamente” atraen ou expulsan poboacións enteiras, depende cada vez mais da mentalidade dos dirixentes políticos situados en tódolos banzos; e mais en concreto, dos seus expertos funcionarios que moitas veces teñen alta cualificación especializada, segundo a corrente científica predominante, pero sen unha visión práctica do conxunto do territorio a ordenar. Esa tendencia hai que contrapesala coa experiencia e expectativas da poboación rural afectada, lamentablemente hoxe sen a penas voz audible nin atención prestada.

Co experimento dos novos núcleos rurais no se trata de deseñar un neoruralismo romántico e residual -por outra parte, afortunadamente xa imposible-, senón de facer xustiza as persoas e grupos sociais que teñen que vivir no campo porque aí están as súas raíces e posibilidades; e tamén ós urbanitas que elixen vivir no campo como ideal de vida. Sabemos de antemán que no campo aínda sobra moita xente dedicada exclusivamente a agricultura/gandería, intuímos que a solución non está nunha desertización demográfica total, senón nunha diversificación de fontes económicas, iniciativas empresariais e ocupacións laborais. Para iso as persoas, familias e comunidades rurais, aínda que minguadas en vecindade, teñen que ter as mesmas condicións de vida, servizos públicos e comodidades que a poboación urbana. Desde esta perspectiva as vilas rurais, cabeza e motor da vida comarcal, non perderán posibilidades nin funcións senón que multiplicaranas de modo exponencial.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES