¿Exemplaridade? Este pecador, este servidor, este comodón, coñeceu dous casos de exemplaridade magnífica e frutífera, dignos de mención, entre outros por suposto.

Ambos en África:
. O Páter Pumariño, padriño do meu fillo Pedro Paulo, capelán, ¡en tres guerras! Levarse ben cos franciscanos víñalle de raza xa que era primo de Monseñor Aldegunde, daquela Arcebispo de Tanxer.
Francisco Aldegunde Dorrego, do que moito, e ben, me ten falado, o meu compadre, seu primo, aquel Capellán, ¡das tres guerras!, foi o seu facho, o seu guía, o seu modelo, o seu estímulo, na relixiosidade. Desde Ifni foino visitar varias veces a Tánger. (Incluso nunha daquelas viaxes aproveitou para mercar alí una "barra" de ouro, que ma ensinou á súa volta. ¿Que fixo con aquel tesouriño? ¡Iso non cheguei a sabelo!).
Aldegunde Dorrego, Vicario Apostólico de Marrocos, presentouse como tal ao Clero e ao pobo de Tánger, con Letras Credenciais Vaticanas, do 2 de Febreiro de 1949. Elevado o Vicariato Apostólico de Marrocos á dignidade de ARCHIDIÓCESIS, co nome de TINGITANA, o 14 de Novembro de 1956, foi ao mesmo tempo elixido como seu Primeiro Arcebispo. O 17 de Decembro de 1973, por motivos de idade (77 años), presentou a súa dimisión. Morreu o 16 de Outubro de 1983.
Os Aldegunde procedían da parroquia de San Cristovo, tamén de Chamoso, (Lugo). As simpatías que tiveron entre os musulmáns de Marrocos aqueles clérigos logo estou por dicir que igualaban, se non superaban, ás que lles tiñamos os cristiáns. Aqueles homes predicaban co exemplo, tanto ou máis que coa palabra: sinxelos, afables, comunicativos... Que eu saiba, non foron canonizados, pero, meréceno!
. Outro caso notable foron aqueles franciscanos de Sidi Ifni: Fray José e mailo Padre Santiago. ¡Cando me pesa non terlles feito unha foto cando os vía rodeados de cativos musulmáns, bicándolles o seu cordón franciscano! Aquilo foi un milagre, un milagre

edificante:
Non tiveron que dicir, "Deixade que se nos acheguen os nenos..." Non houbo musulmán que llelo impedise, polo ben que facían e pola simpatía que se lles tiña nas dúas relixións.
Anécdota cruel: Os franciscanos foron expulsados de Ifni, coa anuencia do Nuncio, única e exclusivamente porque o P. Santiago, obedecendo ao bispo de Canarias, Pildaín, non lle deu a comuñón á cuñada dun militar de altísima gradación... ¡porque ía comungar escotada e pintarraxada!
(Isto foi antes do Vaticano II)
-.-
A miña dona é neta de José Rielo Sanjurjo, que era curmán do mártir, canonizado no ano 1988, José María Díaz Sanjurjo...
Non é doado convivir coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonking, e aló se foi, para evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis, un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!
Con ese parentesco séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é convivir cunha santa, pois, ademais de selo, son esixentes! A maiores, foi adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a exemplaridade recibida da cónxuxe, así que, daquela..., outra débeda, a maiores!
Anda por aí o dito de que, antes de morrer, o agónico ten, e ve, como unha película, un repaso de toda a súa vida; igual sería máis exacto, ou máis apropiado, dicir que esa ¿película? é o propio xuízo nas portas de San Pedro, así que será prudente levar borradas, amortizadas, as malas accións, e subliñadas as boas, as exemplares.., para merecer o plácet da película!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.