Fernán Pérez o Boo ou o Vello
En días pasados recordamos a Roi Freire II recibindo de Alfonso XI a Orde da Banda. Sería o seu fillo, Fernán Pérez III de Andrade, chamado O Boo ou O Vello, quen mandou realizar significativas obras civís, como a ponte de Pontedeume, e relixiosas, como a igrexa de san Francisco de Betanzos.

Tamén favoreceu a cultura. O seu capelán Fernán Martís deixou escrita a Crónica Troiana, obra narrativa de gran importancia na lingua e literatura galegas.
Fernán Pérez O Boo distinguise por agrandar os privilexios familiares durante a guerra civil castelá que enfrontou os partidarios de Pedro I, O Cruel ou O Xusticeiro, contra o seu medio irmán Enrique II de Trastamara, O das Mercedes. E neste asunto tamén as ambicións de riqueza e poder protagonizaron traizóns, cambios de bando, apoios indefinidos e lealdades compradas. Durante tan incivil guerra, Fernán Pérez III foi recoñecido como señor de Ferrol e Pontedeume en 1371 e de Vilalba en 1373 por cadanseu privilexio de Enrique II. Parece que obtivo o nomeamento tras proporcionar ao Trastamara medios, lugar e protección para embarcar e ir pedir axuda militar ao pais dos anglos. Non deixa de sorprender que estas mercés fosen logo confirmadas por Pedro I. Consolidou a fortaleza da casa ao recibir o cargo de alcalde da Coruña e como tal defendeu a praza fronte pretensións de portuguesas e do duque de Lancaster que interferían nas loitas de Castela.
Nas relacións cos grandes mosteiros, Fernán Pérez o Boo tivo preitos co de Sobrado por usurparlle propiedades en lugares próximos a Betanzos, absorbendo rendas que primeiro administraba e das que logo se apropiou.
Faleceu en 1397 e foi sepultado na igrexa de san Francisco de Betanzos, onde se garda o seu magnífico sepulcro de factura gótica con relevos alusivos á caza.
Por non ter fillo varón nacido dentro do matrimonio con Sancha Rodríguez Pardo, herdouno un seu sobriño, Pedro Fernández IV de Andrade quen á súa vez morreu dez anos despois. E a Pedro Fernández IV sucedeuno o seu irmán Nuno Freire III.