Algo ten a eucaristía que nos aluma e dá vida
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 19 de abril de 2026
DOMINGO 3º DE PASCUA: Feit 2,14.22-33.- Sal 15(16).- 1Pe 1,17-21.- Lc 24,13-35
+Deus resucitou a Xesús librándoo das dores da morte ( Feit 2,24)
+Non abandonarás no abismo a miña vida ( Sal 15(16), 10
+ Mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono, pero el desapareceu. (Lc 24,30-31)
ALGO TEN A EUCARISTÍA QUE NOS ALUMA E DÁ VIDA
Algo ten a eucaristía
que nos aluma e dá vida.
Alumou os de Emaús
para asimilar a cruz:
Alumounos no camiño
cando escoitaban a Cristo.
Cando con el comprenderon
que sen amor non hai Reino,
e que ese amor madurece
na dor que une aos que xemen.
Dor activa, que se move,
para valerlles aos pobres,
dor rebelde, que non queda
en ladaíñas de queixas,
pois se fai empeño e loita
entregando a vida toda.
Algo ten a Eucaristía
que a esa loita nos invita
desde a abundancia da graza
en compaixón mergullada.
Con paciencia capacita
para irmos dando a vida,
e adiviñala, ao doala,
rexurdida e rescatada:
o que coidamos perdido
en Deus remuda máis vivo.
A luz que os de Emaús viron
naquel home peregrino,
cando lles partiu o pan
aquel domingo ao serán,
tiña o peculiar estilo,
que lle viran a Xesús
a miúdo compartindo,
e antes da súa partida
na cea de despedida:
era o puro dinamismo,
amoroso, humilde e nu,
de quen se fai de Deus pan,
para darlle vida ao irmán.
Algo ten a Eucaristía,
que aluma a Cristofanía,
a presencia do divino
na grandeza do pequeno,
sen maxia, só con amor,
amosa a resurrección
e o Reino santo a carón.
Algo ten a Eucaristía
que nos pode iluminar.
Algo esconde, ofrece e dá,
que alimenta para amar
coa graza do Fillo Irmán
que nos fai resucitar:
amar coma El amou,
mesmo a quen o condenou,
e andar coma el andou
sempre rei e servidor,
e sempre resucitados
se con El nos entregamos.
¡Apertas de domingo!
¡Felices Pascuas!

Miguélez, Xosé Antón
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora