Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (3)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 29 de abril de 2026
Pasotismo, pasotas = laissez faire, laissez passer, le monde va de lui-même = Deixen facer, deixen pasar. ¡Diso, nada, pois o mundo descontrolado é un gozo para Lucifer, que nos quere levar consigo ao seu abismo!
Os árabes, ¡en definitiva, parentes; uns copións, que seica o copiaron dos chinos!, tamén o aceptan: Séntate na porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo! Dino así, pero en árabe; dino, pero non o fan.
Meu avó, e iso que non tiña nada de árabe, pero moito de providencialista, interpretábao así: Co pecado sempre vai a penitencia; non hai pecado sen consecuencias, sexan propias ou alleas! Daquela, se non queremos consecuencias, propias ou alleas, abstención, humildade; acción si, pero, da construtiva.
¡Estámosche bos se non nos enfrontamos ao mal, ao mal vivir, que é igual a vivir mal; así que, ou loitar, ou enterra-los talentos! Liberdade, si, pero, libertinaxe, saltearse os mandamentos? Se Deus nos di que amemos ao próximo coma a nosoutros mesmos, non debemos permitirlle malos tratos, séxase, desviarse naquilo que nós mesmos debemos, queremos, e temos que evitar. ¿Como; a fungueirazos? ¡Non tal, que para algo temos a intelixencia, e coa intelixencia, a elocuencia! Que non teña que repetirse aquela convención, aquela recriminación de Unamuno: "Vencereis pero no convencereis!". ¡Esa é a boa receita: predicar, predicar para convencer, PERO, con fe, esperanza e caridade!
A predicación ten que comezar na infancia, coa infancia; facer apostolado desde a caneta, que así axudámoslle ao Redentor a redimir. Ou para que nos deu, para que nos prestou, os talentos? Cando "pasamos", cando perdemos a motivación no que facemos, do que facemos, daquela volvémonos grises, mediocres. ¿Como se sabe, como se calibra, como se mide? Actuando sen présas e sen agresividade; por algo se di que o malo do ignorante é que ignora o que ignora; nesta ignorancia, para non caer en accións irreversibles, vaiamos amodo, suai suai, como din os mouros. Tampouco hai que confundir iso de "darlle tempo ao tempo" co pasotismo, coa pasividade.
Houbo unha psicóloga, Marina Martín-Artajo, que referíndose á prudencia deu este consello: "Unhas veces o pasotismo pídenos, esíxenos, intervención, e outras, sosego, cariño e coidados". ¿Con que se mide isto? ¡Coa prudencia! A mesma especialista danos unhas indicacións para centrar o concepto, para distinguilo:
. Anerxia, que é a falta de resposta alérxica fronte a un estímulo ou antíxeno.
. Abulia, falta total de motivación, desinterese, infra-esixencia, funcionamento unicamente desde o principio do pracer.
. Estado de ánimo deprimido, con desilusión e desesperanza.
. Fatiga fisiolóxica, por culpa de esforzos físicos e mentais, tales como saídas nocturnas, exames, deportes, etc.
. Tamén pode tratarse dunha forma de rebeldía encuberta, (que ao parecer aínda está de moda).
Anécdota referente ao pasotismo: Daquela da guerra había un sancristán na miña parroquia (Alfonso da Cordeira) que, ¡xa entón, antes de inventarse este vocábulo!, recomendaba: "Auga que non vas beber..., déixaa correr!". Daba ese consello, pero el ben que medía o alcance das circunstancias pois cando o puxeron de camisa azul, ¡para perseguir aos rojos, aos ateos!, o primeiro que fixo foi coller a escopeta e presentarse na forxa dun ferreiro (na do Vicente da Ponte) para pedirlle que lle torcese un pouco o canón daquela arma, para que ao apuntarlles aos perseguidos o seu tiro saíse desviado..., que así el participaba pero non mataba!
-.-
As sucesivas metamorfoses


Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (3) Témolas no corpo, pero a alma tampouco é estática; ¡evoluciona, facémola evolucionar, nun sentido ou noutro!
¿Como eran os corpos do Adán e da Eva antes da súa caída, antes de facer un mal uso do seu libre albedrío, coa soberbia de exercer a súa traizón? Por pura lóxica tiñan que ser anxélicos; non sei se con alas, pero anxélicos, si. A podremia veulles / veunos despois, ao cambiar de bando, ao cambiar de amo. Xeraron os fillos despois do pecado, e así saímos, deformados!
Imos ganando fortaleza, aínda que con achaques frecuentes, ata un momento en que eses achaques poñen o punto final: ¡chega un intre en que a alma se cansa de tanta corrupción, e daquela emigra, co desexo de volver ao Paraíso!
Para os corpos fomos elaborando tratamentos e medicamentos, pero a alma témola un tanto descoidada, pasando por alto, ¡tantas veces!, que é necesaria a nosa cooperación ás grazas que nos veñen de Cristo a través da súa Igrexa; e grazas que viñeron para todos, incluso para os que nunca oíron pronunciar o seu Santo Nome, que tamén os salva o mesmo Cristo, pero os que recibimos os "talentos" temos unha responsabilidade meirande. ¿No reparto, que; non parece lóxico que Deus deixe fillos sen herdanza, ou si? ¡Iso é imposible, pero aqueles que foron mellores na terra, aqueles que se molestaron en atenderlles aos talentos, recibidos, prestados, tamén é lóxico que Arriba teñan mellora, que sexan gratificados xenerosamente!
Imos medrando no físico, pero, no espiritual? Aquí hai que recoñecer, hai que matizar, que non tódolos nenos pasan á fase adulta nun ambiente propicio. Os máis arroupados terán menos frío, perfeccionaranse máis facilmente, pero iso leva, ¡conleva!, a obriga de compartir a capa, como fixo o San Martiño; de ensinar aos que tiveron peores oportunidades.
Outra anécdota: Cando ingresei no Banco pronto detectei que os Xefes trataban de escondernos coñecementos que eran básicos para a nosa función. ¿Por que o fan? Pregunteillo a un dos xefes, que fora profesor meu na academia das oposicións. Resposta: -¡Tamén ti o farás, que se trata dun arma defensiva..., para que os novatos non lles pasedes diante! Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (3) Daquela non se me ocorreu, pero se fose hoxe replicaríalle, facéndome portavoz dos evanxelistas: "Ide, e facede discípulos a tódalas nacións..." ¡O egoísmo, a soberbia de ser morgados, que frea o apostolado, e con iso, estámonos freando a nós mesmos!
Partir, compartir:
O Mestre, en Juan 14,6, ben que nos avisou: "Eu son o camiño, a verdade e maila vida: ninguén chega onda o Pai máis que por min". Daquela, torpeza é ir por mal camiño, pero desviar ao próximo, mostrarlle rutas equivocadas, a sabendas, iso é moi grave, mesmo satánico!
-.-
A orella de Malco...


Juán, 18 -11 "Pero Xesús díxolle a Pedro: Mete a espada na vaíña; ¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?"
Xa non son tempos de defende-la relixión coa espada, senón coa lingua, cos feitos, cos exemplos. Hoxe, "Estamos chamados a vivir de misericordia porque a nosoutros en primeiro lugar aplicóusenos misericordia" (cf. Papa Francisco, Misericordiae Vultus, n.9).
Pero ter misericordia non exime, que tamén inclúe, predicar, transmiti-las verdades evanxélicas, compartir! Deus Fillo, igual có Pai, e co seu Espírito Santo, queren evanxelistas, e non pasotas. Cargar coa cruz, si, pero evitar, no posible, cruces innecesarias que sexan consecuencia, que resulten, ou podan resultar, do noso pasotismo.
Que dixo, que nos dixo, Xesús, que nos ordenou no seu testamento post mortem? (Mateo 28, 20). "...ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que estarei sempre convosco ata a fin do mundo". O mundo non se acabou cos apóstolos, pois aquí estamos os seus sucesores, tanto os clérigos coma os laicos, así que esta orde é un auténtico apoderamento, un apoderamento irrevogable, no que participamos todos, todos aqueles que tivemos a sorte de coñecer a Cristo a través dos seus Evanxeos.
Para que o entendesen aqueles cernís, aqueles brutiños do seu entorno, Xesús faloulles, explicoulles, con parábolas sinxelas, de seu intelixibles; ¡pois así temos que facer nós cando damos con interlocutores cernícalos, abaixarnos ás explicacións sinxelas, pero sinceras, e por ende, convincentes.
Acabo de lerlle ao teólogo Manuel Cabada Castro: "... o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Precísannos, en cambio, de cantos, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e máis exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns." ¡Cabal, xusto, amigo Cabada! ¡Así se evanxeliza!
-.-

¡Vinte séculos, e aínda estamos así! Sinceramente, pouco fixemos pola expansión do cristianismo, en tanto tempo, e co que avanzaron os medios de comunicación de masas. A estas horas, se fósemos cumpridores do mandato divino, non deberían quedar infieis, e tampouco ignorantes, da Boa Nova. ¿Onde, como, e cando, fallamos; onde están, onde estiveron as nosas omisións?
Certo é, tamén, que temos ao diabro na oposición, empuxando firme para tirarnos ao abismo, para apartarnos do Ceo, do que el mesmo foi expulsado, por traidor. Na súa ousadía incluso tentou a Deus feito home, pero Xesús, á vez que o devolvía aos abismos, deixounos a lección de como hai que tratalo: "Xesús respondeulle: -Tamén está escrito: 'Non tentarás ó Señor, ó teu Deus'. Mateo, 4:7 ¡Non volveu ata o Calvario, onde a levou cadrada, pois alí, do mal, resultou un ben: a nosa salvación, a definitiva!
Na loita entre o ben e o mal temos que elixir campo, e non sempre o facemos, que aí está a nosa debilidade: ¡sexamos agradecidos, poñámonos de parte do Creador, do gañador, que é Deus, que sempre o será, polos séculos dos séculos! Se así o viñésemos facendo, todo o orbe estaría santificado, pero, ao fallar na execución das Leis Divinas, o triunfo algo avanza, ¡como non podía ser menos!, pero, amodo, e non con bos modos.
¿Que o diabro aínda conserva un poder tentador? ¡Iso é simplemente porque non o arredamos coa espada fulminante, coa da humildade, coa oración; en definitiva, coa exemplaridade!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES