Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (2)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 28 de abril de 2026
Talento, de que clase? O noso dicionario dá tres ou catro acepcións, e todas son positivas. Daquela non podo alegar que o meu sexa / fose escaso dadas as miñas circunstancias familiares: ¡pobres, pero, honrados!
Meu pai, ¡meu mestre!, era daqueles de "a ferrado", así que non teño atenuantes de orfandade. ¿O resto da familia? ¡Todos a xogo, sen excepción! Entón, se algo omitín, ou en algo non estiven acertado, peccáta mea, mea culpa, absoluta!

V/. Ne recordéris peccáta mea, Dómine.
R/. Dum véneris iudicáre sǽculum per ignem.

Nas omisións tamén podemos ter, como dicimos dos actos delituosos, atenuantes e agravantes. O baremo delas está arquivado na nosa conciencia, se a temos cultivada, pois o de pulila tamén é responsabilidade persoal. ¿Cultivar a conciencia? ¡Non hai horto máis difícil de sachar, maiormente para aquel que se críe rodeado de folgazáns! ¿Unha picaña? Témola en J. Krishnamurti, que nos deixou dito: "A función da educación está en axudarte (¡en axudarte!) desde a nenez; non en imitar aos outros, senón en ser ti, ti mesmo, todo o tempo". Ti mesmo, si, pero cadora mellor, máis puído, cepillando a conciencia acotío..., para librarnos do po do camiño, das contaminacións ambientais!

Auto educación. Educación ad intra. Configurarnos a nosoutros mesmos.

Na autoeducación, con ela, o home fórmase, partindo da heteroeducación, conforme á súa vontade autónoma, de desenrolo interior; o mesmo individuo é quen busca a información, e despois de analizada incorpóraa ao seu cúmulo, ao seu almacén dos coñecementos.

O fin educativo é a formación de persoas libres, conscientes e responsables de si mesmos, capaces da súa propia determinación; o seu cultivo está na formación da conciencia moral, séxase, na capacidade de discernir entre o ben e o mal.

¡Que importancia ten, e que pouco valoramos a nosa auto educación! É un dos fallos, unha carencia das máis xenéricas, maiormente nesa idade, tan decisiva, sen retorno fácil, na de adquirir a personalidade, na de soltarse do andador paternal. Ben dicía, e ben aconsellaba, o Padre José Kentenich: "Procuremos ter dominio sobre nosoutros mesmos; e para iso observemos, localicemos, onde está a nosa fortaleza, pero tamén as nosas debilidades. Se nos coñecésemos (a fondo, quería dicir) non lle tiraríamos tan facilmente pedras ao próximo..., porque nel tamén hai unha mestura (formativa)!".

Iso é o que somos, unha mestura, un cóctel, complexo e mal axitado, pero sempre estamos a tempo de neutralizar os ingredientes perniciosos. ¿Sempre? ¡Case sempre, pero máis vale tarde que nunca!

Vemos a realidade ao noso xeito, aínda que non sempre con acerto, séxase, con visión clara e exacta; por iso compre afondar na percepción dos coñecementos, botarlle máis tempo á reflexión, e non darnos por satisfeitos coa primeira, superficial, impresión que nos formemos da magnitude e do alcance das circunstancias concorrentes. Pero fagamos todo isto, estas depuracións mentais, co farol dos evanxeos aceso, á luz e coas recomendacións profundas, certas, divinas, da palabra e dos feitos do Gran Mestre, que é o noso conselleiro, Único, Perfecto, Inmutable, válido para tódalas situacións, para tódalas culturas e para tódolos séculos.

Non se trata, pois, de opoñer unha rebeldía fronte á cultura que nos rodee, que nos asedie, senón de atemperar as nosas cualificacións, aprendendo a libar o néctar, a parte boa, á vez que nos desentendemos dos erros, dos conceptos malignos, negativos, que nos Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (2) vaia traendo, inoculando, o mundo circundante. Se imos á tenda, ao almacén, escollemos, ¿non si?

Pois no mercado das ideas, outro tanto, que para algo nos ten que valer o noso criterio. Ao respecto sobra explicar que criterio é o xuízo ou discernimento que ten unha persoa, que nos prové dunha actitude persoal para tomar decisións sobre nosoutros mesmos ou sobre outras persoas, cousas ou situacións. ¡O noso criterio constitúenos en xuíces de nós mesmos, así que, outra responsabilidade, na que tampouco caben omisións!

Vemos, acotío, nas opinións que nos ofrecen os mass media, que nunha boa parte dos coloquios non se di máis que conto, labia, razoamentos ocos, e incluso inconexos; con iso e con todo, teñen audiencia, seguidores e votantes; pero o oínte que teña afán de sabedoría, propia, selectiva, meditará, reflexionará, absténdose de tragar, enteiras, esas pílulas de tanta actualidade.

De propósito: Cando se xeneralizou a fabricación dos instrumentos de medición foi unha praga a picaresca da súa utilización, pirlos (pilóns) falsos, marcacións, etc., ata o punto de que as autoridades de entón viron necesario crear un control dos mesmos, xeralmente provincial, que denominaron Fiel Contraste de Pesas y Medidas. Aqueles técnicos, así autorizados, estampaban o seu cuño, a marteladas, para evidenciar que o instrumento era legal.

Outra anécdota: O metro orixinal, de platino iridiado, que se conserva no Museo de Pesas e Medidas de París, foi idea do noso veciño ástur, Agustín de Pedrayes, que, no ano 1798, propuxo que se medise o cuadrante do meridiano terrestre comprendido entre Dunquerque e Barcelona. Actualmente o "metro" patrón relaciónase coa velocidade da luz.

Outro caso do noso país foron os ferrados do cereal, que eran máis grandes os daqueles mosteiros que cobraban rendas e foros. Todo isto pasou onte mesmo, e corrixiuse, pero, hoxe, ¿quen controla as trolas que nos contan, e non só as dos fabricantes? Certo é que temos, que hai, diversidade de controis para produtos, pero as ideas seguen, terán que seguir sendo, persoais; a censura delas está, debe estar, no propio criterio do oínte..., ¡se é que nos esforzamos nisto da autoeducación!

Neste furacán da globalización das comunicacións, ¡tamén das comunicacións!, un certo paraugas témolo, obtémolo, buscando datos básicos que nos permitan racionalizar as nosas decisións, as propias accións; así poderemos elixir, decidir, partindo de feitos constatados, comprobados, tal que, usando índices numéricos fiables. Con datos na man non será tan azaroso comprobar unha situación, basear plans de futuro, medir avances e/ou retrocesos, determinar prioridades, solicitar ou prever medios e remedios, calibrar as consecuencias probables das opcións posibles, etc., etc., pero isto é factible, adoita selo, no material, pois no espiritual temos que volver, sempre, á inspiración evanxélica, válida, ¡non fai falta dicilo, que ben nolo demostrou o Mestre!, para cada época e para tódalas circunstancias.

Tamén haberá que ter en conta que ese diluvio de datos que agora nos atorda fainos máis voadizos, máis tornadizos, que unha folla de papel. Son os gobernos os entes que mellor poden controlar a suma de situacións persoais, cos seus medios, cos seus aparatos, con esas técnicas de medición de tendencias, así que, pola contra, a persoa individual, a personalidade, esfúmase, cadora máis.
Señor, Perdón... polos de omisión, tamén por eses! (2)
A todo isto, a virtude? Na tradición ética occidental a virtude é considerada como condición indispensable do ser humano. ¡Menos mal, pero, con reservas, pois nesta sociedade actual, tan materializada, o que se busca, o que parece primar, é, ante todo, o éxito, o trunfo material, a calquera prezo! ¡Pois non, non debe ser así, pois a moeda da virtude é mellor, máis aurífera, có trunfo material que podamos conseguir no campo persoal, así que non vale desbaratala facéndoa soltos, moeda de cambio! Teñamos presente que a virtude, esa selectividade moral, é a única solución, o único que permite ao home perfeccionarse individualmente, e por ende, salvarse.
Abundado, e concluíndo, no tema, non perdamos de vista, tampouco, aquela aserción de John Stuart Mill de que o desexo de felicidade é o fin (que deben ter) das nosas accións, pois, sen ese desexo, non é posible nin sequera acadar a virtude. ¡Cantos pensadores teñen matinado nestas preocupacións, e con iso e con todo, nós, os da presente xeración, trasnoitando!
¿En definitiva, é difícil a auto educación? Desde que sabemos ler, desde que nos deixaron ler os Evanxeos, non, en absoluto, pois o Mestre deixounos perfectamente explicadas, e coa rúbrica do Espírito Santo, todo tipo de leccións, para todo tipo de situacións. Antes do Vaticano II a clerecía, que viña asustada desde aquilo de Lutero, tíñalles pánico ás interpretacións erróneas, pero os da miña xeración tivemos a sorte de que aquela apertura nos collese en idade propiciatoria, así que..., ¡aos evanxeos, fonte limpa; lelos e aproveitalos, que nós xa tivemos ressourcement, e tamén aggiornamento! ¿Que nos falta aos católicos? ¡Predicadores, que diso é do que estamos máis escasos; entre que hai poucos, e o pouco caso que lles facemos...!
-.-

En Galicia, a Deus gracias, -a Deus, e de paso, aos teólogos-tradutores-, temos a Biblia de Sept, unha xoia, tanto teoloxicamente como no seu rigor literario; ¡é para sentirnos felices!
A medio século daquel Concilio é digno e xusto recoñecerlle ese favor que nos fixo aos segrares, o de corresponsabilizarnos, un pouco, polo menos un pouco, no apostolado da Igrexa. Así se recolle no documento Lumen Gentium, núm. 31: "Por laicos enténdese a tódolos cristiáns, agás os membros do orde sagrado e do estado relixioso recoñecido na Igrexa. Son (¡somos!) pois os cristiáns incorporados polo bautismo, que forman (formamos) o Pobo de Deus e que participamos das funcións de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei: Eles realizan (realizamos), segundo a súa condición, a misión de todo o pobo cristián na Igrexa e no mundo". ¡Por fin, recoñecéronos como membros da familia, e non simples invitados!
¿Que aínda queda algo sen facer? ¡Moito, segundo o vaian requirindo as circunstancias, para aplicar o II, ¿ou un Terceiro?, aos tempos cambiantes, evolucionados, pero teñamos paciencia, pois temos un bo Papa..., se lle deixan selo! Por de pronto, pidámoslle ao Espírito que nos perfeccione a título individual, pois algunhas cousas hai que limalas de abaixo arriba, comezando polo puímento dos segrares!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES