Sobre a lóxica. Un anuncio doutro tempo.
Gregorio Montes, Antonio - viernes, 17 de abril de 2026
A finais da década pasada facíame sorrir cada pase que contemplaba dun anuncio de televisión. Consistía en amosar como un coche que non din identificado era sucesivamente golpeado e esmagado por un elefante ata que un individuo con aspecto de indio, supoño que para xuntalo mentalmente co elefante e a cultura mística india, o comparaba cunha foto dun coche europeo (non lembro cal, pero si lembro que era francés) e lle daba o visto bo. O anuncio, para min, era un fracaso que me facía sorrir.
Nun primeiro momento, parecíame que reducía o coche ó deseño, descartando a mecánica ou a comodidade como algo prescindible. Mais coa repetición de visionados, fun algo máis aló: o esnaquizar un aparello para convertelo no que non é non deixa de ser unha perda de recursos, a máis de reducir as súas posibilidades (o que o converte nunha especie de antianuncio), e mesmo un desacreditar a reparación de obxectos polos propios medios. Pódese afondar no dito, pero as consecuencias indican que basicamente poderíase tomar por un anuncio que se volve anticapitalista, contra as premisas que manteñen o sistema que fai posible o anuncio.
O anuncio veume á cabeza pola actuación estadounidense (non norteamericana) no estreito de Ormuz. De Hormuz, como escriben eles. Estadounidense, porque Trump é quen ordena, mais as forzas son de todos, dende Hawaii no oeste a Florida no surleste e Maine no norleste, e foi o sistema que teñen e os seus votos quen puxeron a Trump no lugar que ocupa e coas prerrogativas que ten hoxe. Naturalmente, haberá quen poda dicir que non quere a Trump nin ó sistema, pero o caso é que é de todos eles, para mal ou para ben. O seu compañeiro de ataque, israelí, non merece mellores verbas. O caso é que primeiro esmágase Irán, e logo compárase coa foto que se pretendía ter ó final. E non, non coincide o aspecto do país co que se pretendía dun estado ós pés do atacante co seu petróleo (o iraní) no seu depósito (estadounidense), o seu uranio (iraní) nas súas bombas ou centrais (estadounidenses), co seu estreito (compartido entre Irán e Omán) nas súas mans (estadounidenses). Sen máis liberdade que antes (tanto na ditadura teocrática iraní como no que corresponda ós EEUU). Polo medio, os bombardeos que comezaron esnaquizando unha escola de nenas, a modo de elefante moldeando o coche do anuncio, e as pequenas esquirlas que saltaron sexa en Israel, nas bases norteamericans en Oriente Medio ou nos barcos indefensos (e indefendibles) amoreados en Ormuz. E o efecto, por moito que se lle dea propaganda, é iso: un esnaquizamento do inimigo que amosa a tolemia do atacante, que mantén nas mans un deseño que só un tolo tentaría homologar con algo parello á realidade.

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora