Para Miranda, a nena que leva o nome das illas de Ares ou o apelido dunha escritora filla de emigrantes que estivo a facer revolución en Cuba. A esa muller díxolle Neira Vilas: "Ti es galega (...) Cidadá do mundo". E nós confirmamos que ti, tamén, es deste lugar, Miranda, porque o día que nos acompañastes na visita que teu pai nos guiou, as miradas e os brazos de cantos alí estaban atáronche a esta Terra. A foto fará que lembres ese tempo. Pilar Sampedro.

Está rematando o tempo de Santiago Olmo á fronte do CGAC e a algunhas persoas desta terra gústanos recoñecer algo do que vemos de valor na xente coa que nos atopamos. Por iso é necesario este artigo, para deixar que os que non son de aquí se vaian cunha flor ventureira na man.
Non vou falar do bo profesional que é nin das exposicións que conseguiu levar adiante. Iso déixollo para quen sabe máis ca min deses asuntos. Eu, simplemente, digo que algunha me ten impresionado moito, algunha por novidosa e certamente espectacular, por ocupar os xardíns na noite, por debuxar ao grande os espazos interiores... por adaptarse á situación como a pasada temporada na que se encheu o Centro de vídeos ante a imposibilidade de colocar outro tipo de obra polas condicións atmosféricas do edificio.
Que vin eu neste tempo de dirección? O traballo dun sabio humilde, de quen sabe moito pero non o mostra na afectación senón no quefacer do día a día, de quen exerce nas condicións adversas con profesionalidade, facendo o que pode e sorrindo, sempre sorrindo.
A min impresionoume a súa chegada; por razóns que non veñen ao caso coñecino cando alguén lle pediu o favor de que lle mostrara o museo a un artista que viña impartir unha conferencia nos luns do Ateneo e nunca tivera ocasión de visitalo por dentro. A maneira na que aceptou foi tan xenerosa coma a súa entrada na nosa lingua. Falaba un galego con sotaque portugués, porque o coñecía a través da lusofonía e... con tanto respecto, coma o que agardamos de todos os que veñen de fóra. Ao final penso que desistiu de falalo con todo o mundo, porque se deu conta de que moitos dos nosos preferían a outra lingua e non era cousa de que xustamente el fose un resistente en manter o que os da casa botan fóra.
O seu achegamento ao Museo do Pobo Galego tamén me conmoveu, asistía a canto acto era convocado e sempre estaba disposto a traballar en común. Pero non foi posible.
Sempre acollía. Como se se alegrase de darlles a benvida aos que se acercasen. Moitas veces son outros traballadores e traballadoras os que non nos atenden coa mesma amabilidade facéndonos sentir que ese espazo non está aí para nós, ou aos que nunca lles podemos pedir nada que supoñen fóra das súas funcións.
Hospitalario. Cando non había dispoñibilidade de guías para as exposicións el mesmo se prestaba a facer as visitas para que a rede de asociacionismo non desistira. Dende o Ateneo fixemos a solicitude e confesounos que nese momento non era posible co persoal do Museo pero que non había problema en guiárnola el, E así foi, en máis dunha ocasión. O seu ofrecemento era tan sincero que nun momento determinado lle pedín se o podía facer tamén para a Plataforma Galeras, a asociación veciñal que naceu da defendendo un Parque. Fíxonola e vai quedar para os albores da memoria aquel roteiro ao que chegou coa súa criaturiña no carro, pois non tiña a quen deixarlla, e preguntou se nos importaba... Importarnos a nós? O que nos molestaba era o carro, Fermín colleuna no colo e algún outro levaba o cochiño da man para ir variándolle o soporte e que a meniña non se nos incomodase. Unha valente era a pequena, que cando xa non podía máis miraba para o pai e reclamaba a súa atención. Xa estaba ben de que nos atendese a todos nós e... non a ela. Pero aquel día tivo unha morea de pais e nais adoptivas que a miraban con tanta ou máis atención que ás obras do CGAC.
Despois desa experiencia, dúas profesionais (Candela e Rebeca) puxeron en marcha un obradoiro -experiencia a realizar- coa cidadanía. Tratábase de ver o que había no museo e aprender a realizar o comisariado dunha exposición. O grupo chamouse Na varanda e... a ver se adiviñades de onde era a maioría das persoas que nos apuntamos a el. Pois si, de Galeras. Pódese dicir que o setenta e cinco por cento (como mínimo) eramos da nosa asociación, porque unha vez que te acollen, como el soubo facelo, quedas atado para sempre. Non hai outra!
Máis tarde, puidemos ver exposicións de traballos cos barrios e entendemos moi ben o que está detrás do que vemos: o concepto de cidadanía e dereito á cultura, á máis alta cultura, porque ou é de todos ou non é cultura. Un director é o que fai pero tamén o que deixa facer, o que establece liñas polas que moverse.
Sempre nos vai quedar a pena de non ver o que podía dar o traballo deste director se non existise o Gaiás e se derivasen cara alá os orzamentos. Nese aspecto, debo sinalar a busca de colaboración de Santiago Olmo tamén con ese Museo na celebración do trinta aniversario do CGAC buscando as sinerxias necesarias entre centros de cultura, en lugar de alimentar a desconfianza, nese caso compartindo pezas e comisariado. Si, gustaríanos coñecer ata onde podería ter chegado ese labor se non se lle puxesen tachas e límites. Pero nunca escoitamos unha queixa, non, sempre vimos o mesmo sorriso co que nos despide.