Neste ano Otero Pedrayo, convén revisar a obra do autor.
Lendo uns textos do patriarca, non queda outra que suliñar determinadas frases.
Pasoume en "O chapón" publicado na revista Céltiga en 1929. Esa crítica mordaz que nace da observación dun tipo de alumno que vai buscando unicamente o seu futuro de funcionario; o ascenso social centrado no escalafón que non lle permite mirar para algo que non sexa "proveitoso" . Nunca perderá un instante lendo poesía, emocionándose

coa natureza... e retrátao cunha frase "como os cans suprimen o ceo en vista de que non ten nada comestible" así este alumno eliminará todo o que non estea ao servizo dos seus intereses utilitarios. Non cabe nada máis práctico, eses estudantes nunca valorarán o que non lles sirva para o currículum ata o punto de eliminar toda beleza posible do mundo e todo mundo que non entre no programa.
En "Unha estampa romántica" que aparece publicada en Prosa miúda. Artigos non coleccionados (1927-1934), escribe don Ramón "Na escola ensíñase a rezare en castelán e non se fala ós nenos do que ven seus ollos, nin das labranzas, nin dos montes, nin dos pobos. Como si a enseñanza quixera poñerse fóra da vida. Pra que a escola da nosa aldea deixara a impreseón xeminal e espranzada da estampa románteca sería preciso que o mestre falara polo menos dalgunhas cousas da língoa dos nenos, cando lles espricara as montanas no hourixonte, a beleza dos soutos, o amor debido ós nenos e ós fermosos paxaros, cando lle lera anacos dos nosos poetas que cantigarían na ialma mañanceira dos rapaces e os adoutrinara nas belidas e exemprares lendas da raza. Namentras, a escola cheirará mais a adeministración que a xardín primaveral de cultura."
Esa conclusión final podería explicar a razón pola que a rapazada non se ligou coa aprendizaxe, coa lingua e a cultura do país, coa emoción... ás veces incluso se esforzou o profesorado en demostrar que a materia de galego tivese a mesma aparencia das outras linguas, que non se pensase que era menos "científica", menos oficial, menos dogmática... por outra banda afirmábase que a lectura tiña que resultar atractiva que non había que obrigar a ler senón ganalos para a lectura con toda a sedución posible e, sen embargo, esqueceuse esa necesidade de atracción cando se trataba de traballar sobre o próprio, sobre a identidade, igual partiamos dun complexo de impostura, tiñamos medo daquilo do que nos ían acusar de todas todas, da ideoloxía que se precisaba para ese traballo. Porque se necessitamos crer nos valores democráticos para ser profesor de calquera matéria e calquera nivel, como non vai ser preciso ter os valores de identidade para dar clases de determinadas matérias? Pode dar clases de xeografía alguén que non aprecie a do seu país ou de Historia quen non busque a verdade do seu pasado? Pode dar clases de galego quen non estea disposto a defendelo? Nunha ocasión verbalicei que para ser profesor de galego ademais de contidos habería que demostrar valores e quen me escoitou escandalizouse, penso que por unha cuestión de politiquismo correcto pero, como podemos deixar unha lingua que está a morrer nas mans dun cirurxián que non ten interese en devolverlle a vida?
Quitámoslle a emoción da poesia, a paixón e a vehemencia para que non puidesen pensar que os adoctrinábamos e fixemos que medrase a estaca mentres deixamos morrer o arboriño que tiñamos que coidar. Otero sabíao ben, a identidade gánase co corazón.
Seguro que mentres liamos as verbas de Otero Pedrayo nos molestou a palabra raza, porque hai verbas que quixeramos que desapareceran do dicionario, pero non debemos esquecer que o pensamento e as palabras co que o expresamos con fillos dun tempo. No momento no que el escribe, a raza representaba a nosa idiosincrasia, sen máis, ou iso é o que eu penso.