Carne picada
Carne picada é o debú de Adrián Bokas que conseguiu con ela o II Premio Aira de Novela por Entregas 2024.
Preséntase así: "Nun presente alternativo, gran parte dos seres humanos morre ao facer os corenta anos e convértese en man de obra escrava, incons. Cibrán está a

piques de chegar a esa idade, mais o seu futuro dista moito de ser predicible. (...) Unha novela punk, excesiva, divertida e chea de chiscadelas á nosa realidade cotiá."
Está recomendada para maiores de 16 anos. Non sei cando se pode ler nin a quen lle pode divertir. Entendo que a rapazada ten acceso ao porno dende moi cedo. Entendo que tamén accede á violencia. Un e outro asunto dan máis medo que outra cousa, nas mans de persoas en formación, pero tal vez a estas alturas da película non sexan demasiadas as maduras que podan e deban acceder a determinados contidos. Que non se me entenda mal, non se trata de censurar. Non sei se se trata de reprimir determinados gustos e atraccións morbosas. Non o sei. Tampouco sabía a onde nos levarían os Simpson con aquilo de mostrar a un pai modelo do mal consciente ou medio consciente, con baixas ou medias capacidades, nin a un fillo que case non podía ser peor. Trump nese meme no que bota merda sobre os manifestantes vén sendo Simpson e o que vai facendo pode estar ditado por el ou polo seu xefe Montgomery Burns, o empresario poderoso e corrupto.
Adrián Bokas é o nome literario de Adrián Alfonso Rivas, que seica se dedica á música, e esta, é a súa primeira obra literaria. Unha novela que semella ir buscando o máis morboso e violento, o máis alá do que vemos nas noticias ou no cine. Confeso que o meu non é unha crítica senón unha opinión sobre algo que leo, sempre é así.
Unha novela de violencia excesiva coma as películas de Peckinpah nun momento, ou Tarantino noutro. Unha distopía pola que chegados a unha idade, os humanos sofren unha transformación causada pola auga que beberon. Disto non se libra ninguén agás os moi potentados que se mantiveron tomando auga mineral cando esta xa alcanzaba prezos insostibles, porque a auga volveuse un ben non só escaso senón case imposible de conseguir. Aos corenta sofren a transformación pero non só os que beberon esa mala auga senón tamén os seus descendentes (se se animan a telos sabendo o que lle transmiten e que a esa idade os deixará orfos). Como se pode vivir con ese horizonte? Malamente, e si, malamente sobrevive o protagonista da novela porque os humanos son carne de canón, escravos nos traballos aos que día a día teñen que dedicar máis horas. E cando se transforman supoñen que quedan sen consciencia así que se converten en incons, seres que non senten e poden estar traballando todas as horas de todos os días sen protestar. Pero hai unha excepción, que pasa con aqueles que teñen algunha tara? Eses deben ser eliminados, pero aí xorde o negocio, que se pode facer a nivel sexual ou de violencia pura con eses corpos antes de convertelos en cinza? E aí se ve metido o noso amigo, como case sempre entrando sen darse conta e chegando ao núcleo, sendo un perdedor que critica aos poucos que tentan poñer algo de sentido na sociedade (son sempre tan "insólitos", verdade?, din o que non queremos escoitar porque o que vemos semella berrar outra cousa, porque nos resultan ridículos...).
Paso a paso, imos con el, adentrándonos na meirande e violenta miseria, ata un clímax final no que nos vemos carne picada, sen saída, traizoada polo futuro e o pasado, polas amizades e os negocios, pola propia vida que construímos inconscientemente. Non sei se isto é purificador ou destrutor, non sei se alguén poderá verse reflectido nese mundo que ten relacións co noso ou simplemente a xente se divertirá imaxinando as escenas do horror máis horrible, porque así somos os humanos, e o noso morbo dá moito de si. Neste caso igual se leva ata o extremo, para reaccionar? Non sei, o porno tamén podería dar para facernos sentir mal ante a violencia contra as mulleres ou os máis débiles pero creo que non é iso o que consegue... Non sei.
Lendo estes días sobre o mal uso que fixo de Grok, Ana Bernal apuntaba o perigo de normalizar o consumo de sexualidade sen consentemento, a busca de poder ou a adición a estímulos inmeditos. Todo isto o vemos en Carne picada.
Si, distopía, novela negra?, punk, drogas, violencia ao extremo, igual que o sexo. Un rapaz triste, un home amargado e un final apoteósico no persoal. Os camiños xa sabidos de como dun contrabando vas a outro, os traficantes acaban traficando con todo o que se lles presenta, a reflexión sobre aquilo no que nos vemos metidos pola confianza nos amigos e colegas. E, algunha situación que non se aclara, como esa irmá de Jana que non recoñecemos na obra ou andaba por aí sen que nos deramos conta (esperamos que o protagonista si o saiba).