No marco do programa de subvencións promovido polo Concello de Xermade, a Asociación de Maiores de Momán desenvolveu unha actividade formativa baixo o título "Viaxar amplía horizontes", centrada no coñecemento do territorio e do patrimonio natural galego.
A xornada iniciouse coa visita á exposición "O río que nos move", onde se aborda o percorrido completo do río Miño ao longo dos seus 317 quilómetros. Neste contexto, proxectouse un vídeo didáctico no que se analiza o nacemento do río, destacando as achegas das investigacións xeográficas que sitúan a súa orixe en O Pedregal de Irimia. Coñecéronse os procesos naturais de creación das formacións xeolóxicas do territorio, tanto do Pedregal de Irimia como da lagoa da Fontemiñá.

Durante esta primeira parte da visita, o grupo foi recibido por Joany Jartin Salgado, técnica de Turismo do Concello de Meira, quen guiou a actividade e ofreceu todo tipo de explicacións, contribuíndo de maneira destacada ao aproveitamento didáctico da xornada.
A continuación, o grupo realizou un percorrido pola meirega Rúa da Balsa, espazo de gran interese paisaxístico e etnográfico, ligado á produción de cal. Durante a visita, déuse a coñecer a lenda da existencia dunha antiga lagoa subterránea, explicando os procesos naturais e interpretacións tradicionais do territorio ao que está vinculada, o que permitiu establecer un diálogo entre coñecemento científico e saber popular.
A actividade concluíu cunha visita ao enclave de O Pedregal de Irimia, punto real de nacemento do río Miño. Este último tramo da xornada favoreceu a reflexión sobre a importancia da investigación na reinterpretación do territorio, así como sobre o valor do patrimonio natural como elemento fundamental da identidade cultural.
Cómpre salientar que o grupo estivo acompañado en todo momento por Luis Ángel Rodríguez Patiño, cura párroco de Momán e Xestoso, así como representante legal da Asociación de Maiores, quen participou activamente na actividade.
Este tipo de iniciativas contribúen de maneira significativa ao fomento do envellecemento activo, promovendo a aprendizaxe continua, a participación social e o coñecemento do medio.
En definitiva, experiencias que, tal e como recolle o propio programa, permiten ampliar horizontes a través da cultura e do territorio.