Tanto Odio...
Otero Canto, Xosé - miércoles, 18 de noviembre de 2009
Tanto odio a un idioma que nace coma os outros nas bocas e nos pensamentos duns ancestros románicos seculares; tanto odio a un idioma que latexa nas linguas e substratos dun latín tardío nun século nono quizabes glosado en anotacións perdidas; tanto odio... tanta demasía e intransixencia levantada polos que naceron seus irmáns e que a sorte de Fernando terceiro fixeron que quedaramos acaravillados nas portas fechadas coas fiestras doutra lingua; tanto odio..., tanta demasía e intolerancia ó longo de tantos séculos pervagantes de desgraza histórica, mais sempre falado e anainado pola boca do pobo que se multiplica en barrelos de saudade; tanto odio, meu idioma labrego e campesiño, fagocitado polos teus, odiado polos teus, aldraxado polos teus, aburado polos teus; tanto odio..., tanto odio para os galegos que empregan o galego; se en Galicia che falan outro idioma... por que tés que empregar o outro idioma para non ser odiado?, emigrante na túa patria, veleiro no teu mar; tanto odio por non empregar o idioma que non é noso, o idioma dos outros na túa terra, tanto odio... tanta demasía pertinaz e ferreña, tanta inflexibilidade por falar o idioma dos teus, dos teus ancestros, da túa identidade, dos teus sentimentos, tanto odio..., tanto odio ó idioma de seu, e o idioma teu..., tanto odio.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora