Coñecémonos?
Cando nos cruzamos con alguén que nos resulte coñecido, esta é a nosa interrogante, e non sempre acertamos pois as fisionomías, engurras, envoltura (traxe), etc., poden desorientarnos, e máxime a certa idade, pero hai, temos, algo máis difícil cá iso: ¡Coñecernos a nós mesmos mirándonos no espello das nosas vidas!
Xa daquela cando ía á escola de Maxide tiña esta curiosidade, e preguntábame a miúdo: ¿En que me parezo a estes compañeiros, serei mellor ou peor cá eles, que podo facer para pasarlles diante nas tarefas escolares? Preguntábame, si, pero non daba atopado unha resposta satisfactoria porque, á forza de comparar cousas, aptitudes e actitudes, en todos eles atopaba calidades e defectos que coincidían cos meus.
Nunha ocasión díxonos o mestre que había un dicionario pequerrecho, chamado "de bolsillo", que se pedía nas librerías polo nome de ITER. Deuse o casual que por aqueles días casouse un primo de meu pai, e díxome: ¿Que che apetece que che traia da Coruña? (Na súa viaxe de vodas). Ensíname os teus zapatos para verlles o número, que así traémosche uns novos, deses que fan en Monforte..., para que os estrees por Reis! Pero

en vez de mostrarlle os zapatos tiven a ocorrencia, ¿boa?, ¿mala?, de darlle un papeliño co nome do dicionario, e díxenlle: Estou aprendendo a facer zocas, así que, para cando non me sirvan os zapatos xa terei zocas, que incluso as vernizarei para levalas á Misa e ás feiras.
Do que andaba mal era do castelán, que o puxeran de moda os fascistas, pero díxome don Jesús que con aquel libro..., nin que nacese en Valladolid!
¡Boa a fixen, pois Daniel e maila súa María Manuela trouxéronme aquel ITER, e din en papalo con tantas ganas que nin que as verbas fosen onzas de chocolate! ¿O problema? ¡Vén agora, veu enseguida! Maldito libro, pois, cando o Mestre preguntaba algo que fose cultural eu levantaba a man, anticipándome aos compañeiros. Tan inoportuna foi aquela sabenza, aquela culturiña "de dicionario", que os colegas deron en celarse, en collerme rabia, e como o Mestre, nunha ocasión, me chamou "Veleta", porque xiraba continuamente, dunha idea á outra, aqueles envexosos..., etc.
O caso foi que memoricei o ITER, pero tamén aprendín algo que, tempo adiante, ¡ouh casualidade!, me diría, xa en Madrid, o profesor Gallego, no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos (cunha beca da Acción Católica): "Lo más práctico es ser soberbio con los inferiores, y humilde con los superiores". O consello non era católico, pero coincidía con aquela experiencia do colexio de Maxide, que era bo, daquela e sempre, ter por superiores aos inferiores, ¡se queríamos paz convivencial!
-.-
Seica dixo Sócrates -iso din pois este sabio era tan sabio que non deixou nada escrito, ¡por se o censuraban, supoño!, que, "Coñecerse a un mesmo é a orixe, e coa orixe o colmo, da sabedoría". ¡Xa; como se iso fose tan doado! Levo noventa anos ao lombo e cada día que pasa paréceme un novo amencer, que nazo de novo, que renazo, que son outro, pois teño tantas cousas sen facer que nin sei por onde comezar. Algo así coma a barba, que me afeito e volvo a tela. ¿É que cada día son outro? ¡Pois teño os mesmos papeis, co mesmo nome, pero evoluciono sen parar, así que son outro, cambiante, mutable, que xa non me gustan os feitos daqueles políticos polos que votei onte.
Teño a impresión de que non son eu só nisto de cambiar pois cando vou á finca, agora que o fago de tarde en tarde, e alzo os ollos, os mesmos da visita anterior, na miña carballeira, atopo, figúraseme, que tamén medraron os meus carballos, os centenarios; ¡que xa son outros!
No meu curiosear polos libros, ¡tantos que teño agora pois aínda me dura aquela febre que me entrou co ITER!, atopei autores que lle atribúen vantaxes ao autocoñecemento. Coinciden, case tódolos pensadores que me axudaron a pensar, nestas definicións:
Que temos, e se o temos é que o usamos, autocontrol, cando o nivel que teñamos de nós mesmos, do propio coñecemento, nos motive e axude a repudiar os actos malos, cultivando os bos. Algo así como unha perspicacia que nos leva a coñecer que valores, e que metas, son as que activan a nosa forza de vontade.
O pracer da vitalidade. Por vellos (con "v") que sexamos, mirar, ollar, cara a dentro axúdanos a sentirnos vivos, vivos e coleando, séxase, dándolle á lingua, para que os demais nos teñan como presentes, como presentados, encordiantes; ¡séxase, con dereito a voto!
Para tomar decisións. Aínda que só sexa por prudencia, é bo coñecerse ben, coñecer a nosa capacidade de reacción ante a variedade de circunstancias coas que nos topamos no noso deambular cotián, habitual. Se non coñezo a miña enfermidade, aínda que has haxa, aínda que as teña, como vou elixir a medicación correcta? Cada problema ten a súa solución; ou varias, pero unha delas será a óptima para nós, familia incluída, segundo as miñas circunstancias. ¡Ai, Deus, canta intelixencia nos deches, pero moita precisamos para refugar as tentacións, así que, volvamos ao Noso Pai, clamando axuda!
A felicidade. Pensándoo ben, o que máis nos apetece, aquí na terra, é casar coa Felicidade, con maiúsculas, e a continuación, salvarnos, nela e con ela, sen divorcios! ¿Como se logra iso, como se formula a súa petición de man?

Se folgamos, se non traballamos no cultivo da conciencia, o máis probable será que os nosos erros nos leven ao inferno da soidade, comezando a nosa afiliación aquí abaixo, xa na terra.
Resistencia ás presións, ás tentacións. O mellor escudo tamén é unha boa conciencia; ¡que irresponsabilidade a de guerrear sen armas pacíficas, séxase, sen virtudes!
Tolerancia e comprensión. A vida témola, recibímola, para convivir, así que non nos queda outra cá de ser comprensivos e tolerantes. Toleirantes é outra cousa, outro concepto. O ideal sería ser mestre, imitadores do Mestre, pero o caso é que escasean as Normais; ou non, pois a mellor Universidade está, é, son, os Evanxeos.
¡Dixen! Mellor dito: Dixéronmo outros, pois eu non pasei de ser un mestre dos de minúsculas, dos "de a ferrado"; iso si, dos últimos, daqueles que desapareceron no século XX!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.