Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 22 de abril de 2026
De interese para os alumnos. ¡Que nesta vida sómolo todos,
en tódalas idades, en tódalas razas e en tódolos niveis sociais!
A forma de instruír a nosa conciencia para o ben témola, atopámola, está,
na palabra de Deus, sexa, nos Evanxeos.

Noutros libros pode haber reflexos, pero só reflexos.
2 Corintios 1: 12: "O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de termos tratado a todo o mundo -e non digamos a vós-, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por gracia de Deus".
Hebreos 9: 27, 28: (O cumprimento das promesas). "O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quita-los pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salvar ós que o están agardando con ansia". ¡Eu tamén, Señor, por suposto, con toda a miña ansia, así que teño que afinar na miña conciencia para non caer en demérito!
-.-

Algo máis sobre as medicións da conciencia, pois o tema é infinito, e merece toda a nosa atención.

Unha definición mecanicista (1) do que é a conciencia pode ser esta: Conciencia é a intercomunicación (inalámbrica, por suposto) entre a alma e, no corpo, o noso cerebro.
(1) O mecanicismo é a doutrina segundo a cal toda realidade natural ten unha estrutura comparable a dunha máquina, de modo que pode explicarse desta maneira baseándose en modelos de máquinas. Como concepción filosófica reducionista, o mecanicismo sostén que toda realidade debe ser entendida segundo os modelos proporcionados pola mecánica, e interpretada sobre a base das nocións de materia e de movemento.

De tantas, e tan complexas, definicións, que se levan dado, quedémonos coas máis simples, e aínda así estaremos verdes nas cousas que teñen máis de espirituais que de materiais. Pescudando, e resumindo, entre diversos autores:
Isto da conciencia pódese explicar como o entendemento, o coñecemento, que un ser vivo ten de si mesmo (da súa propia existencia) e da súa capacidade para actuar sobre o seu entorno. É o que sentimos ao poñernos en contacto coa nosa realidade, e está nutrida polo nosos sistema de crenzas adquirido na cultura que nos tocou vivir. ¡Uf; témola tan cerca que mesmo a podemos palpar, utilizar, medir con ela, pero as definicións, coma as medicións, teñen moito de subxectivas, así que non nos metamos en camisas de once varas pois hai, déronse, tantas definicións como pensadores, ¿ou pseudopensadores?, levamos tido!
Unha desas definicións, pero das obxectivas, pode ser: A conciencia é un estado mental só accesible polo propio suxeito, que nos permite analizar como nos percibimos a nós mesmos como seres autónomos, interactuando cos estímulos externos que nos rodeen, e iso ao traveso dos nosos sentidos, para despois poder reflexionar e interpretar eses estímulos relacionándoos coa nosa memoria, para así construír a súa/nosa realidade.
A conciencia é garante dun proceso continuo de información e de adaptación entre o noso ego subxectivo, o noso sistema nervioso e mailo noso entorno perceptivo.
Hai quen diferencia entre conciencia sensorial ou primaria (que se di habitual no mundo animal), e a conciencia de nivel superior ou metacognición (iso de ser conscientes da nosa propia conciencia), que se cre única na raza humana.
¡Coidado con eses científicos, que tanto afondan que nos van afogar coas súas elucubracións! O máis importante: A conciencia admite purificación, bondade, santidade, e con facer iso estamos salvados!
-.-

O perigo dos malos consellos

Pero tamén os temos bos, sexan dados ou recibidos; ¡é cuestión de aprender a medilos! O mellor de todos xa o temos recibido, que llo debemos ao Papa Francisco, que nos dixo, que nos recomendou, nun dos seus predicados: As benaventuranzas son o carné de identidade do cristián! ¡Pois ese é o noso partido, o partido da verdade, o infalible!
Dar consellos era o propio, o mellor obsequio daqueles avós da miña xeración, mais agora, atordados polas prédicas dos televexos, o que prefiren os nosos nenos é que lles falemos do fútbol, e para iso saben eles máis cá nós, así que os consellos fixéronse inversos, que ata nos discuten cando foi "falta" e cando non.
Don Hilarión, na súa célebre zarzuela "La verbena de la Paloma", xa dixo, xa opinou, que, "Los tiempos cambian que es una barbaridad". Era visible, xa era apreciable, daquela, esta vertixe socio-económica dos tempos modernos; ¡que non será hoxe, entrados, e centrados, ou melloro dito, descentrados, como estamos na globalización socio-cultural deste século, do XXI! Así que, nada mais problemático cos consellos pois o que vale hoxe mañá estará demudado, desfasado, obsoleto, ou demodé.
Esta evolución dos consellos tampouco empezou con don Hilarión, que igual xa tiña lido a Sófocles, aquel grego que pensou, e dixo: "Quen non teña sufrido o que eu levo sufrido, que non me dea consellos". Daquela había que sufrir en cabeza propia para ter experiencia, pero hoxe a chamada "experiencia" predícannola nos televexos, cada quen á súa maneira. ¡Como para fiarse dos consellos: primeiro, meditemos, e despois midamos, PERO coa nosa vara de medir, coa propia, pois, se nos equivocamos, así non teremos a quen culpar, a quen anoxar.
Meditemos nisto: Hoxe en día é difícil dar consellos, e por tanto, tamén, acatalos, porque son, vivimos, tempos de grandes dificultades, de avatares imprevisibles, así que a experiencia que dan, ¡que daban!, os sufrimentos é extremadamente persoal. Seica a empatía é un exercicio importante para poder dar un bo consello, pero nunca se poderá atender, nin entender, de todo, polas circunstanciais mutables, cambiantes.
-.-

Praia versus montaña

Farto do ordenador funme / fómonos para as nosas "Andoriñas"; e fartos das "fabes" enlatadas, collín A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (11) o auto para ir á feira de Meira..., ¡a por polvo á feira! Alí non sei se era feira ou se estaban celebrando o xuízo final, pois resucitaran tódolos mortos da bisbarra, e nin había onde aparca-los autos. En vista diso quixen ir máis adiante, tal que subir ao Ceo. ¿Onde está o Ceo en Meira? ¡Onde vai ser se non é no pedregal, na morena da Irimia, que por algo nace alí o noso Miño, ¡o Meu!

Mais no Pedregal tamén había xente; ¡non sae na foto, pero estaba; e tiñan aires, falas, roupa, ao estilo portugués:

-Díganme, se fan o favor; ¿por un casual, vostedes non serán galegos do Sul, séxase, portugueses? ¡Quédolles obrigado se mo din!

¡Claro que mo dixeron, pero en portugués!

Que eran, e que volverán para aló, de contado, pois o feito de que Deus nos puxese a cada un no seu sitio non quere dicir que nos teña prohibido envexar a paisaxe dos veciños, así estean, ou sexan, na distancia dos 315 km., nesta cunca dos 12.486 km2.

A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (11) En medidas de lonxitude e de superficie teñen o mesmo sistema métrico cá nós, pero, no demais? Mirade se miden distinto que, cando en España mercabamos autos de luxo eles compraban furgonetas, que así servíanlles tanto para o turismo como para levar as súas mercadorías á feira!

¡Ai Deus, que distintos somos, e que distanciados nos puxeches, pero, de cando en vez, apetécenos arrexuntarnos, e facémolo de tal xeito que case nos pisamos uns aos outros; menos mal que o Ceo é infinitamente máis grande cá terra!

-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES