Manga ancha
Tamén nolo advertiu Xesús; ¡de nada que importe á nosa salvación nos deixou sen alertar! (Xoán 8: 3, 11). "Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida
en adulterio; puxérona no medio e preguntáronlle: Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrexar a esta xente. ¿Ti que dis? Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles: -Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle: -Muller, ¿onde van? ¿Ninguén te condenou? Ela respondeulle: Ninguén, Señor. Díxolle Xesús: Tampouco eu te condeno: vaite, e desde agora non peques máis".
Moito ou pouco, grave ou leve, non é doado face-la travesía terreal sen esbozar algún tipo de calumnia; ¡pídenolo o corpo, a envexa corporal! ¿E iso, por que? ¡Simplemente porque a nosa vara de medir non é recíproca, e logo que nola manexa a soberbia, sempre a soberbia, que ten o brazo longo e a manga ancha!
Din os especialistas en definicións que "ter a manga ancha" é ter, dar, aceptar, desexar para nós, a parte ancha da manga, ¡que nos traten con excesiva benevolencia! Seica o facían así os dominicos, no confesionario, co seu hábito de mangas anchas, tolerantes, acariciadoras, (¡igual o facían así, igual era, máis ben, coas mulleres!). Acordaríanse de Cristo, de cando lle dixo á pecadora: "Vaite, pero desde agora non peques máis; nin peques nin incites a pecar!". Isto dicíano no meu Montecubeiro dos nosos dominicos; ¡claro, pasábanse de bos, que por iso os botou Mendizábal amortizándolles os foros!
Na práctica queremos, e facemos por, que os demais teñan a manga ancha connosco, pero a recíproca medímola doutro xeito, con outra métrica, ¡fariseos que somos, que seguimos sendo!
-.-
O problema das alturas
As persoas que están, ou se senten, arriba, teñen dous problemas: un, o de sentirse superiores con respecto aos que están, ou quedan, abaixo, debaixo; o outro problema que lles entra é o do seu medo a baixar, a decaer, a retroceder.
Nunca me vin tan baixo coma aquela vez que, no ano 1953, subín ao Douglas DC-3, Madrid-Villa Cisneros, pois ao pasar polo Estreito colleu tal medo, ¿o avión, eu, ou ambos?, que demos en tremer co choque, co enfrontamento, das correntes aéreas dos

dous mares, ámbolos dous enérxicos, de malas, así que igual subíamos que baixabamos: ¡Ai Deus, que desta vez vou parar ao purgatorio, e xa non sexa ao inferno, pola miña soberbia de querer voar coma os anxos, subido a un avión, cando case todos se internan en África cruzando Marrocos nos buses da empresa Bernal! Pero o vento, ¿sería polo que recei?, tranquilizouse un pouco, suai-suai, así que pousamos, aos poucos, ámbolos dous, a dous paso das rompentes marítimas de Sidi Ifni, alí mesmo diante dun letreiro que poñía "Iberia", co mesmo tipo de letras que aquel que deixáramos en Madrid, na praza de Neptuno. Desde que me vin en terra volvín a medrar; sentinme outro, máis grande, moito máis, así que volvín aos brazos da soberbia, da fachenda: ¡Aquí estou; e xa son Oficial de 1ª do Banco Exterior de España!
-.-
Deus é o "Fiel Contraste" da nosa conciencia
¡Non temos outro! Pero, a todo isto, que é a conciencia, a nosa, a de cada un? O primeiro que se me ocorre: Conciencia é un tribunal interno, que igual se durme como esperta; non ten, non usa, puñetas, pero ao menor descoido, se o deixamos libre, sen defensas, fainos a puñeta, que nos traizoa..., e véndenos ao diabro!
A conciencia dos cristiáns, este motor vital, ten o seu aporte de enerxía, ¡canta precisemos!, nas Sagradas Escrituras:
Romanos 13: 5, 10: "... compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. Por iso mesmo pagáde-los tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso. A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns aos outros, porque o que ama ó próximo ten cumprida a Lei. Porque o "non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás", e tódolos outros mandamentos, resúmense nestas palabras: "Amarás ó teu próximo como a ti mesmo". Quen ama ó seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei".
Timoteo 6: 3, 10: "Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras -as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade-, faise un soberbio; non entende nada, senón que se aparta con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas, discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes de verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia. Certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia. Porque nada trouxemos ó mundo e nada podemos levar del. Contentémonos con ter para comer e para vestir. Os que se queren facer ricos (inxustamente) caen en tentacións e trapelas, e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan aos homes a perder, e á ruína. A raíz de tódolos males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e embarulláronse a si mesmos en moitas dores".
Etc., etc., que nos queda moito no tinteiro, se o queremos aproveitar. Por se acaso, non sobra volver ao depósito do combustible, ¡do combustible inconsumible..., ao Evanxeo, que por ser certo é inesgotable!
-.-
Conciencia boa:
Feitos 23: 1, 3: "Paulo, entón, ollando para o Sanedrín, dixo: -Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus. Pero o xefe dos sacerdotes, Ananías, mandou ós que o custodiaban que lle batesen na boca. Entón Paulo díxolle: -Hache pegar Deus a ti, parede encalada! ¿Sentas para xulgarme conforme á lei e mandas que me peguen violando a lei?". ¡Así, algo así, é como obran as malas conciencias: o ancho para min e o estreito para ti, eh Ananías?
1 Timoteo 1, 5, 7: "A finalidade desta instrución (as que lle daba Paulo a Timoteo) é o amor, que sae dun corazón puro, dunha conciencia boa e dunha fe sincera. Algúns deles, trabucándose, extraviáronse en lerias; pretenden ser doutores na Lei e non entenden nin o que din nin o que tan rotundamente afirman". ¡Así é na practica: que os máis errados adoitan ser os que máis levantan a voz..., para mentir, para que triunfen as súas mentiras!
Conciencia limpa:
1 Timoteo 3:8, 9: "Da mesma maneira, que os "diáconos" sexan serios, sen retranca, nin moi amigos do viño nin dos negocios sucios, conservando o misterio da fe nunha conciencia limpa".
Sen ofensas diante de Deus:
Feitos 24: 16: "Por iso me esforzo, sempre, en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e (tamén) diante dos homes".
Tamén a hai, tamén podemos tela, mala, deforme, deformada:
Hebreos 10: 19, 24: "Pois logo, irmáns, xa que temos entrada libre no santuario, debido ó sangue de Xesús, un vieiro novo e vivente que El nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa carne, e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, manteñámonos con criterios sans na súa presencia con plenitude de fe. Xa que estamos limpos por dentro de toda consciencia de pecado, e xa que estamos lavados por fóra con auga limpa, manteñámo-la esperanza indefectible que profesamos, pois quen prometeu é fiel. E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras". ¡Deus, que pouca atención adoitamos profesarlle, prestarlle, ao noso deber, outro, outro deber de conciencia, de estimular a expansión, o arraigo do cristianismo, baseados na exemplaridade da nosa conciencia!
A sabedoría cristiá:
1 Corintios 1: 14, 15: "O home "animal" non acolle o que é propio do Espírito de Deus, pois parécelle unha parvada; nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente. Pola contra, o home "espiritual" xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén. Porque "¿quen coñeceu o pensamento do Señor como para poñerse a darlle leccións?". Pero nós témolo espírito de Cristo". ¿Está claro, ou aínda non? A sabedoría plena, o acerto, témolo nos Evanxeos; o resto son ¿experimentos? do home "animal". ¿E aínda así non estamos contentos, nin contentos nin agradecidos?
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.