Algo que se perdeu, afortunadamente: a endogamia.
¡Agora mídense as distancias, pero na miña crianza aínda funcionaba a endogamia, que era o aproveitamento da distancia familiar curta..., ¡en xeral para facer concentracións parcelarias familiares! As fincas xuntábanse, e os preitos amortecíanse pois tiñamos lexisladas as incompatibilidades testificais, amén dos problemas xenéticos pois os fillos ou saían listos coma raios ou enfermizos e torpes. Isto non fai falta comentalo pois chega con olla-la Historia das monarquías, que poucas se salvaron deste envilecemento, ata o punto de que chegaron a falsificar bulas papais para rexistrar aqueles casoiros malditos.
-.-
¿Marketing?
Si, teño un diploma diso, desde o ano 1974; ¡aínda vivía Franco, que foi o meirande especialista que tivo España, ou foi España a que tivo, a que creou, creu e sostivo, a Franco?
¿Comportamento dos mercados e necesidades, ou por mellor dicir, apetencias dos consumidores?
O marketing é unha pandemia global que empezou a tecnificarse, a estudarse, no século pasado, no XX, con estas caras:
Planificar producións, que se supón, ou se espera, serán aceptadas cos ollos pechos en amplos sectores dunha localidade, ou dun país; ¡en todo o mundo sería moito pedir, variados, e variables, que somos!
Fixar prezos, que se calcule serán admisibles dada a eficacia do produto, pero tamén a capacidade adquisitiva do sector perseguido, da conquista programada. ¡Si, perseguido!
Promover e distribuír produtos e servizos, etc.
¡Ah, e tamén contrastar a eficacia de certo tipo de anuncios, segundo como, cando, de que forma e en que medios os fagamos ou encarguemos!
Despois da carreira de Medicina, ¡tanto medo que lle teño á morte e tan pouco a ser envelenados, non hai outra de tanto porvir! O mercado si que ten receitas, e cadora máis pois a xente está aprendendo a medir as consecuencias das súas eleccións, así como as limitacións dos nosos ingresos. Por apetecer apeteceríanos mercar a lúa, para as nosas lúas de mel, que seica a venden uns galegos, agora que perdemos América, pero o euro está moi alto, por riba do número de parados.
Co limitados, ¡pobres e prudentes!, que eran os nosos avós, se vivisen hoxe este marketing non tería mercado, sobraba!
-.-
Escoller, medir, rapaz / rapaza.

Sempre foi difícil a escolla, que por algo trunfaban os esculcadores; ¡tanto pantalón de baeta colorada que lles teñen regalado!
Pero ao de hoxe, co que a xente sabe das técnicas empregadas na oferta e na demanda, escoller con acerto logo ten máis de lotería que de tino. Nin as caras son exactas pois tanto avanzou a cirurxía facial que agora todo son máscaras, máscara sobre máscara.
Meu avó, que é tanto como dicir o meu referente, repito, instruíame: Se queres muller escollida, búscaa de día, vestida de diario, e traballando na cociña. Hoxe sería, ¡manexando o seu ordenador, traballando co mando a distancia!
Cando os rapaces / as rapazas lle tiñan medo a Deus, no colo levaban /levábamos, unha cruz, ou polo menos unha medalla, que tamén nos servía, ¡tamén!, de talismán contra eses tentadores do inferno. Hoxe non compran ouro, e nin sequera prata, pois son tan económicos que se conforman con un tatuado permanente dos cornos de Satanás; e aínda así atrévense a saír na tele! Agora que non temos esterco, que todo é purín, están as tatuaxes; pero non serven para abonar as hortas, así que as leitugas veñen en bolsas cerradas e conxeladas, do Lucus, ou aínda de máis abaixo, do Sur de África!
Canto necesitan os nosos netos das nosas oracións, pois eles, agora, en vez do clásico ¡Amén!, berran, ata enrouquecer, ¡Gol! Xa sei que teñen o seu anxo da Garda, pero moito temo que nin falan con el, afeitos como están a conseguir as cousas 0n line!
-.-
O movemento ondulatorio, expansivo, das difamacións.
La calumnia
Puede una gota de lodo
sobre un diamante caer;
puede también de este modo
su fulgor obscurecer;
pero aunque el diamante todo
se encuentre de fango lleno,
el valor que lo hace bueno
no perderá ni un instante,
y ha de ser siempre diamante
por más que lo manche el cieno.
Rubén Darío
Calumnia, que algo queda. Calumnia-ae, acusación ou imputación grave e falsa contra alguén. Esta..., ¿pandemia?, ben que a analizou o político e escritor español Ángel Ossorio, no seu libro Cartas a una señora sobre temas de Derecho Político (1932). Dicía, coa profunda amargura acumulada ao largo dos seus anos de actividade pública, que,
para salirnos con la nuestra no vacilamos en destrozar al contradictor la honra, y los sentimientos, y el alma. Sin haber visitado ningún pueblo salvaje, aseguro a usted que he tratado verdaderas bandas de antropófagos en las redacciones de los periódicos y en el salón de las conferencias.
O tema é vello, pero florece tódolos anos, ou máis exactamente, tódolos días, pois non hai día no que algún desalmado non tire unha pedra na piscina dos honrados...; para deshonralos, por suposto, aproveitándose da conmoción social así provocada. ¡Ai, Deus, que pecado máis terrible, inconmensurable, pois de tirada a pedra non hai quen pare as ondas!
A onda así provocada provoca á súa vez un transporte de enerxía, sen que exista transporte material, pero si de consecuencias. ¿Consecuencias? ¡Non admiten medición: son, o dito, inconmensurables! Pódense confesarse, que por algo hai que empezar as varreduras, pero, os resarcimentos? ¡Imposibles! O que tamén teñen as calumnias é un efecto tipo boomerang, pois ao calumniador, tarde ou cedo, algún trancazo, algunha consecuencia, volve, pero..., ¡como din no Exército, canóns sen retroceso! O retroceso propio das difamacións non evita o impacto da metralla lanzada.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.