Anecdotario
Problemas das medicións: O Xamoneiro de Maxide.

Veulle, víñanos, dos romanos:
Desprazando a "pesa", o "contrapeso", de marca en marca, íase axustando o valor da mercadoría colgada. Enxeñoso, non si? ¡Aqueles romanos, o que inventaban para que a nosa prata, a prata e mailo ouro aquí roubados, lles chegasen íntegros a Roma, sen que os transportistas puidesen alixeirar a carga embarcada na súa Gallaecia!
Tempo adiante, os nosos, os do país, idearon o truco de truca-las pesas, pois así, coas mesmas marcas, o peso era meirande, ou menor, segundo fose a vontade do artista. Pero atalloulles o Ministerio de Fomento, ¡que para iso estaba, para fomentar ideas legais!, ordenando que as romanas tiñan que pasar polo "Fiel Contraste de Pesas y Medidas", un señor honrado que se honraba gravándolles un cuño especial, indeleble, ¡nin coa lima!, que acreditaba a súa comprobación "in veritas". Pero neste país dos enxeñeiros houbo, tivemos, un enxeñeiro de máis inventiva cós xuristas de Fomento: Aquel Xamoneiro de Maxide!
Coa egua ben albardada, e nela a súa romana, aos ombros un gardapó todo engraxado, ¡xamoneiro que era!, non retornaba coa carga ata te-la egua ben cargada..., da súa prezada carga! ¿Prezada carga? ¡E logo, non eran os xamóns a prata que se utilizaba daquela para conseguir cousas, entre elas, o favor dos caciques! Pola contra, nas casas da bisbarra, onde tiñan instrumentos de pesas y medidas, agardaban pola visita do Xamoneiro cos xamóns xa recordados e pesados, que así sabían de antemán o que ían cobrar; pero, de non ter romana, o que tiñan era a confianza de que o señor Mingos viñese pronto, antes de que a carne se secase demasiado, e con iso cortase, recortase, e..., pesase..., á súa maneira!
O polo oposto dos ladróns son os xenerosos, que por tal era tido o señor Hilario de Suegos. Vendo que Mingos chegaba cansado, invitouno a cear, e coa cea unha xerra de viño do Ribeiro. A Mingos entroulle o sono, así que aceptou unha cama das do sobrado. Deixándoo na soidade dos seus ronquidos, Hilario volveu á cociña, suponse que para darlles a cea aos porcos, ¡aos outros!, pero nisto viu, colgado dun torno, o gardapó do Mingos, así que, de primeiras, colleu a prenda para subirlla ao dormitorio. ¡Diantres; este gardapó pesa máis dun lado que do outro; teño que ter coidado, que se son moedas igual se saen, e se perden! Pero non, non eran moedas senón un pirlo pesadísimo! Decidiuse a poñerllo xunto da romana, coidando que aquel era o seu sitio, pero, ¡ouh sorpresa!, xunto da romana xa había outro, outro pirlo! Hilario comparou e comprobou que..., co pirlo do gardapó facían falta máis quilos de xamón para que collese a súa verticalidade a agulla daquela romana!
Hilario, co amigo que era da verdade, tomou unha decisión: ¡Coller o pirlo falso e levalo ás calandreiras onde nace o río Lea, que así, desaparecido o contrabando, desaparecerían os roubos no peso dos xamóns que estivesen sen cortar!
Mingos espertou ao día seguinte, e atopou aos pés da cama aquel gardapó seu, ¡lixeiriño de todo! Calou e marchouse, ¡volveu para a súa casa! Desde aquel día o señor Mingos, temeroso de que o Hilario se fose da lingua, parou, deixou de mercar xamóns, e concentrouse na súa taberna, coa única picardía de engadirlle ao viño auga da fonte da Graña, ¡na boa intención de que non se lle mareasen os clientes, e se fosen sen pagar!
Hilario, pola súa parte, gardou aquel secreto ata que a señora Emilia quedou viúva, pois daquela, como o seu Mingos xa pasara polo tribunal do Ceo, aqueles pecados non podían prexudicalo.
Nisto temos outro caso elocuente do que son as varas de medir: ¡Que distintas as do señor Hilario con respecto ás do Mingos de Maxide!
-.-
As trangalladas do ferrado
¡Cambiarás de muiñeiro, pero de ladrón, non! Isto tiña moitas aplicacións, e non só referidas ás grandes aceas. Nesta Galicia paradisíaca non había aldeíña que non tivese, máis ou menos cerca, o seu "muíño de herdeiros", pero viña o verán, e con el a secura,

así que había que aparellar a besta para levar a fornada ás aceas dos grandes caudais, ¡onde, loxicamente, cobraban maquía! Que a cobrasen era xusto, pero a medida dela non tanto, que así se fixeron ricas as casas propietarias das mesmas. Non vou citar ningunha das da miña bisbarra, pois aínda viven os netos daquelas familias, e algún deles hoxe está convertido en cacique da primeira magnitude. ¡As fortunas, que de algo veñen, ademais da sorte!
"Modius ferratus", séxase, medidas ferradas, en ferro ou con ferro, pois a madeira prestábase ás trampas, que así se dicía, tamén, polas persoas honradas, "Ese é de boa madeira". O ferrado ferrábase por riba..., ¡para que non se puidese rebaixar! Pero xa nacían rebaixados, segundo quen, onde, e para quen; tratándose de foros, así fosen conventuais, en vez de rebaixalos dábanlles unha cabida meirande, ¡unha propina!
Aquel ferrado tanto servía para medir superficies, ¿que cacho de leira poderemos sementar cunha medida destas?, como para pagar/ou cobrar en cereais un foro, unha renda..., ¡ou incluso unha escola, por cada alumno e mes na invernía, pois no resto do ano os rapaces..., a traballar, ou emigrar, ou a mili! Meu pai, si, nos seus primeiros anos, pois da guerra para acó, tanto el coma seu fillo, este servidor, xa cobramos en pesetiñas, de curso forzoso, e tamén se dicía que, legal!
A copropiedade nos foros: Dominio directo, os dereitos do perceptor da renda; dominio útil, ¿para o que a pagaba?
No ano 1849 a raíña Sabela, aquela que lle valían todos, pero non así as medidas, sancionou una Ley de Pesas y Medidas, que estableceu en España o Sistema Métrico Decimal, de orixe francés. Pero o ferrado seguiu, aínda que con equivalencias notables..., segundo as tragadeiras de cada zona; así:
No Corgo, un ferrado dos deles equivalía a 436 m2; tanto en Pol como en Castroverde, (que tiñan acollido o ferrado do convento de San Cibrao do Montecubeiro), 496 m2; A Fonsagrada, onde o taxaban por 507 m2; en Castro do Rei non se conformaban por menos de 629 m2; e a Valeira (que daquela non era Baleira), no se conformaba por menos dos 714 m2. ¿Estas medidas eran subxectivas, ou non?
O ferrado, en todas partes, tiñas dúas fillas, dúas metades, que eran "as tegas".
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.