Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón Festa do Chícaro, 2026

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 07 de mayo de 2026
Señor alcalde, señores concelleiros, autoridades, queridos berberechos, queridos amigos e queridos inimigos BO DÍA.
(Os inimigos son eses que veñen a estes actos non para aprender ou ilustrase, veñen só á caza do erro que un pode cometer, para logo eles lucirse contándoo).
Temos que recoñecer, que os chícaros en Foz, souberon asentarse nun lugar privilexiado chamado "o lombo", un feudo entre dous ríos e unha paisaxe sen igual. O seu berce era como un pazo ou un fermoso castelo.
Pregón Festa do Chícaro, 2026 Se miramos ao leste, vemos o río Masma, río que forma a Ría de Foz. Está documentado na Idade Media como Masoma. Aínda que o seu significado sexa incerto. Asínaselle orixe prerromano. Raíz prerromana (celta) "mad" - "húmido", co que significaría algo así como "o moi húmido". Nace na serra do Xistral no Valadouro e despois de 48 km. ven desembocar ao mar Cantábrico formando a ría de Foz. A FOZ DO MASMA. (Desembocadura do Masma).
Da Ría de Foz podemos destacar dos feitos históricos, un en 19962, a travesía en piragua a Ría de Foz e o outro en 19965, o pesqueiro focego Nuevo Quintanero estrea na nosa Ría a mellora do temón hidráulico, inventado en Foz polo burelés Jesús González Santos, patentado en Madrid o 11 de decembro de 1964.
No río Masma temos unha curiosa historia que nos conta Manolo Rodríguez cando era o director de El Progreso en A Mariña (hoxe xefe de prensa do Xacobeo), de como ricardo Redondo da parroquia de Ciloalle en Mondoñedo, se bañaba tódolos días á seis da mañá en pleno inverno desafiando as xeadas que caen á beira dos ríos, comenta ricardo, entre outras cousas, que as augas enlodadas son máis saudables, e e ten toda a razón, porque esas augas están máis mineralizadas ao levar terra.
Sabemos que o topónimo FOZ, vén do latín "Fauce", que significa, desembocadura, paso estreito entre montañas ou desfiladeiro.
Pero tamén podemos dicir, que hai un documento do século X, segundo o cronista oficial Xuan Ramón Fernández Pacios e a Técnico de Cultura, Pilar López Pérez, que no seu libro "Foz, Recuperación da Memoria Histórica de 1993", nos di o seguinte: A referencia máis antiga sobre a existencia dun porto que puidemos atopar en Foz é do ano 969 (século X), atopámolo no "Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo", neste documento anónimo que leva por título "Memoria de la Fundación del Monasterio de San Salvador de Lorenzana y de los abades que ha tenido desde su fundación hasta este presente año de 1723",

Fala sobre do sartego do Conde Santo (Osorio Gutiérrez), e sitúanos na era de M e VII que vén a ser o ano 969, se ben á primeira vista este documento semella non achegar moitos datos, pois tan só dedícase a falar de como chegou o sartego a terras galegas, di así:

"Caminando el sepulcro con su cubierta sobre las augas todo el mar Mediterráneo... vino dar en el puerto que entonces chamaban Moreda y ahora de Foz, sin reparar los naturales estotro dia en lo que había traído la marea".

Din Pacios e López, non puidemos atopar ningún outro documento onde aparecese o nome de MOREDA para designar o que hoxe é Foz.

Para Manuel Vázquez Seijas (historiador de Lugo: 1884/1982), o topónimo Moreda "deriva de moral o moreal, sembrado de o plantación de moreras, extensamente cultivadas en la España Levantina y Meridional". O cultivo de moreiras como sabemos, ten como fin alimentar coas súas follas ó verme da seda, cousa que nos parece moi improbable que tivese lugar en Foz.

Moreda, prosigue o texto, pode ser tamén un antropónimo, pero Manuel Vázquez Seijas di que o apelido Moreda, puido entrar en Galicia pola chegada a estas terras de "individuos de vasconia con motivo de las peregrinaciones jacobeas", data o señor Vázquez a entrada destes individuos ó redor dos séculos XVI e XVIII, polo tanto moi posterior ó Moreda do século X, que aparece en Foz.

Pero aquí eu persoalmente discrepo moito de Manuel Vázquez Seijas, e despois das miñas investigacións, dou case por seguro de que ese documento do século X ten toda a razón. EXPLÍCOME: En Foz desde a época celta, houbo moitísimas figueiras silvestres (Ficus carica). Se paseamos pola praia de Llas e por toda a costa de Foz ata Cangas, observaremos as infinitas figueiras silvestres que hai, e de feito, sabemos que desde a Ronqueira ao Carreiro, toda esa zona, se chama AS FIGUEIRAS.

Pois ven. Estas figueiras xunto, co que aí din da árbore coa que se alimenta o verme da seda, que se chama "moreira" e as propias "silveiras" (das amoras), estes tres elementos da flora son da familia das "MORÁCEAS", polo tanto, "MORÁCEA" deu orixe ao apelido Moreda e non priva, que tamén no seu día dera nome ao pobo de Foz, como ese documento nos indica.

CONTINUAMOS: Acto seguido, se miramos ao oeste, temos o RÍO CENTIÑO, que segundo Pascual Madoz, este topónimo vén do diminutivo de centeo "CENTEIÑO". Este río nace na Ermida - Foz e ten 11 Km. de lonxitude.

No seu día tivo uns 50 muíños hidráulicos.

Debemos dicir, que Ramón Luaces (O Ferreiro), cando me explicou toda a toponimia que recorre o río Centiño, comentoume que cando el era novo, remangaba os pantalóns para cruzar este río de marea baixa e debía facelo con moito tento, para evitar pisar as troitas.

Hoxe os ríos non teñen vida. Nin chícaros, nin longueiróns, nin ameixolas, nin troitas, nin salmóns, nin lampreas, nin anguías, nin angulas, nin cangrexos, e todo grazas aos nenos a eses raparigos, saídos das Universidades, que conseguiron que non nos deixen limpar os ríos nin os montes e os ríos non teñen vida e dos montes, xa non falemos dos incendios forestais.

Pero imos a continuar coa paisaxe que rodeaba no seu día aos saborosos chícaros. Temos a PRAIA OS FONDÁS que vén do latín fundu "fondo". Fondal. Fondo do mar formado por area.

A GRANDA
Orixe preindoeuropea.
De *granda, ‘pedregal’ > gándara, ‘superficie pedrosa; terreo inculto’.

Na Granda temos catro curiosas historias, que non podo remediar contar:

A PRIMEIRA, DATA DE 1939. Ao finalizar a guerra civil española, Franco mandou para Foz, dous destacamentos militares por se Asturias se poñía revoltosa. Un asentado en Mañente concretamente na Granda, e o outro en Nois, no lugar chamado O Curveiro.

Resulta que, sendo eu moi neno, observaba que tódolos anos viña á miña casa unha señora moi maior traéndolle a miña nai, que era costureira, unha boneca das máis grandes que había e que eran de cartón.

A razón, era que a señora lle pedía a miña nai, que á boneca lle fixera un traxe novo, pero sempre no máis estrito dos segredos. Pero un día, chegou á casa miña madriña que era Lola do Noventa e Cinco e miña nai, ante a súa comadre non ocultou a boneca. Miña madriña sorprendida, preguntoulle a que se debía facerlle á boneca un vestido novo, e así é, como miña nai lle conta a historia da boneca.

Resulta que, Ramona, a dona da boneca, namorouse dun sarxento dese batallón destinado na Granda. O sarxento regaloulle a mencionada boneca e acabou de seducir a Ramona, pero cando o sarxento soubo que de tal amorío Ramona quedou preñada, o sarxento fuxiu sabe o demo para onde.

Ramona ao final, tivo un aborto involuntario, pero despois casou con un tal Manuel ao que trataba como un trapo.

E de aí viña, que Ramona obsesionada co seu sarxento e de por riba despois non puido ter fillos, trataba á boneca como se fora filla dela e do sarxento, por iso e como tradición da época de vestir con elegancia unha vez ao ano aos máis novos, nun día de festa do patrón, así Ramona pagaba tamén por vestir elegantemente á "súa filla". A casa de Ramona e a nosa estaban separadas tan só por unha porta, que era de madeira e estaba precintada por ambas partes. Moitas veces sentiámola dicirlle frases de amor aos seus gatos e incluso sentiamos o estalo dos seus labios dándolles bicos e eu pensaba que confundía ao gato co sarxento.

Con estes batallóns houbo diversas historias de amor incluso vodas, pero se a historia de Ramona é unha historia curiosa máis macabra foi unha historia do batallón asentado en Nois. Un asturiano chamado Jovino namórase de Angélica unha rapaza moi nova de Nois. Un día Jovino vai á casa de Angélica e en vez de chamar á porta, axexa pola xanela do verquedoiro e escoita unha conversa entre a familia de Angélica e ela onde lle piden que o deixe, porque non se sabe nin quen é nin de onde vén. Angélica así o fai e deixa a Jovino. Un día vai Angélica con seu irmán pequeno e outros nenos facer unhas compras a Burela, e ao chegar ao Perdouro alí aparece Jovino co seu fusil militar e sen pensalo dúas veces, dispáralle un tiro á rapaza a cal cae morta na estrada ante a horrorizada mirada dos nenos, acto seguido, Jovino deitase na estrada a carón de Angélica e meténdose na boca o cano do fusil, suicídase.

Outro dos casos da granda, foi o de Hipólito Marful, coñecido polo Chorlo. Este home tiña un prado na Granda e un bo día do ano 1951, nese prado asentáronse uns xitanos que ían con burros e cabalos para a feira da Espiñeira. Como os xitanos non lle pediron permiso, o Chorlo foi chamarlles a atención e os xitanos procederon a paos con el ata que o mataron e non conformes con matalo, enchéronlle a boca de pos de Zeta-Zeta. Ante a fuga dos xitanos, a garda civil prendeu ás mulleres e ós nenos ata que os xitanos se entregaron.

Pola granda, tamén adoitaba pasear moito coas súas meditacións, Adolfo-Lucas Reguilón y García. Este home era un personaxe moi curioso. Nace en Villa del Prado en Madrid o 29 de agosto de 1911. Era mestre e administrativo do Instituto Nacional de Previsión e da Fábrica Nacional de Artillería por oposición. Estivo en Murcia na zona republicana. Foi feito prisioneiro e condenado a morte oito ou dez veces dado por rebeldía polo réxime franquista. En 1947, chega a Foz xunto con outro Maqui coma el, Teodoro del Real Yáñez. Ambos aséntanse no barrio de Mañente onde viven gozando da máis absoluta liberdade, tranquilidade e paz. Adolfo-Lucas, baixo o nome de Don Bernardo, daba clases particulares aos rapaces de Mañente e Vilaronte e era coñecido como o "Maestro". Despois de nove anos en Foz é detido en Vilaxoane en 1956 e despois de 16 anos preso, foi posto en liberdade en 1972.

Destacar, que o compañeiro Teodoro del Real Yáñez, namorouse e quixo casar, a pesar de que Reguilón non llo recomendou, e claro está, ao botar as proclamas na misa do seu pobo, un militar presente recoñeceuno e deu parte del e así ambos foron feitos prisioneiros.

Outro detalle a resaltar da Granda, é que nese lugar era onde xogaban ao fútbol os rapaces de Foz, que compartían co prado de Ramos tamén como terreo de xogo ata que aló por 1959/1960, inaugúrase o actual Estadio Martínez Otero. Dato curioso, tres anos máis tarde, o C.D. Foz pasaría a terceira división en 1963.

MONTE O PREGUNTOIRO.- De preguntar. Solicitar información, pedirlle a alguén que diga o que queremos saber (o nome deriva do latín medieval praecuntorium, sinónimo de "promontorio").

E alí estaban os LAVADOIROS DE CAOLÍN. Xorde esta empresa de lavadoiros de caolín no ano 1959. Foi fundada por 8 irmáns de orixe vasca, familia Jaureguizar Isasi por iso lle puxeron o nome en euskera, BASAZURI que significa "barro branco". A produción anual desta empresa era de 50.000 toneladas de caolín.

PUNTA DA ARNELA.- Hidrónimo (relacionado coa auga). Orixe celta. Raíz hidronímica ‘a auga que cae do ceo’.

Na punta da Arnela.- En 1952, colocouse unha ponte de madeira con raís, atravesando o río Centiño para traer pedra extraída desta punta, para a construción desta explanada e o porto, dita pedra viña en vagonetas tiradas por cabalos.

Pola banda deste lado, podemos destacar unha granxa de parrulos propiedade de Rafael Martínez (Fito), ano 1948; os estaleiros de José Beltrán (O Moreno), ano 1962; a Química, que era unha sucursal de pensos Dula, ano 1930; estaleiros de Jesús Nécega, ano 1951 e carro varadoiro de César Beltrán, ano 1961.

CERASTODERMA EDULE
Cerastoderma edule, é o nome científico en latín do BERBERECHO. O epíteto específico de edule ou edulis, significa que é comestible.

Pero o primeiro que quero facer é aclarar o de BERBEREHO e CHÍCARO. Eu sei, que incluso hai xente que discute se é berberecho ou se é chícaro, pero o máis curioso do caso, é que ninguén o consulta co "mataburros", como eu lle chamo ao dicionario, pois como ben sabedes, hoxe en día ata os teléfonos móbiles teñen dicionario.

A cuestión é, que a palabra BERBERECHO tanto é en galego como en castelán e polo tanto, a palabra CHÍCARO é un localismo. Como ben sabedes, un localismo é unha palabra que só se di nun determinado lugar, aldea pobo, vila ou cidade, polo tanto, chícaro é unha palabra de Foz que foi estendida pola Mariña polas nosas pescantinas e a verdadeira palabra en galego é berberecho. Dicir, que se dis berberecho, entenderante en toda Galicia, pero se dis chícaro, só te entenderán na Mariña de Lugo. Eu aquí, como vedes, utilizo as dúas.

XA PENSASTES QUE NON ÍA FALAR DO BERBERECHO, pero como todos ben sabemos e somos conscientes, de que despois de tantos anos desta festa e de tantos pregóns, eu xa non sei de que vou falar, porque todo xa está máis que dito.

É que historia pode ter unha cousiña tan pequena como é o chícaro?. E sobre todo hoxe en día que non hai nin rastro del na nosa Ría. Sementouse, pero xa non hai nada que facer, porque lle mataron o seu hábitat.

Certo é, que tanto o berberecho como nos anos corenta o chicharrón sacaron moita fame en Foz e se a alguén lle molesta escoitar isto, que conste que falo de min, falo da miña familia, que cando non había cartos nin que levar á boca, cruzabas o Centiño e había chícaros a dar e tomar. Dicir de paso que hai varias clases de berberecho. O de Foz era o berberecho común.

Había en Foz, unha señora aló, polos anos sesenta, que foi abandonada xunto cos fillos polo marido e ía tódolos días apañar chícaros para vender e poder sobrevivir.

Pero tamén debemos recoñecer, que aló tamén polos anos sesenta, a fábrica de conservas Galván, comprou todo canto chícaro se lles podía levar, e de aí, que no lombo onde os chícaros habitaban, había máis xente collendo neles que no desfile de carnaval, ata o punto, que se apañaban ata de marea chea en lanchas utilizando raños e levando ata as crías e todo canto encontraban ao seu paso, que algún chegou a botar pedras nos sacos para que pesaran máis, pensando que Tristán e Julio Alonso, os responsables da fábrica, que eran tontos, e claro, o fraude descubriuse de inmediato ao baleirar os sacos (Despois estráñannos as vedas e as restricións).

Destacar tamén, outro dos bivalvos, que había no lombo moi abundante, aínda que neste caso, máis frecuentes na ribeira de Barreiros, eran ao que en Foz lle chamábamos "AMEIXOLAS", que comparten nome co de AMEIXAS no dicionario galego. Hai varios tipos de ameixas.

Pero para min e para moitos máis, o problema más grave da Ría de Foz, é nin máis nin menos, que a ponte da Marisma, esa ponte do ferrocarril de FEVE, que vén de Barreiros a Foz, a cal, está facendo un tapón na desembocadura do Masma, que non permite que o río desemboque libremente. As obras do túnel da Marisma, comezaron en febreiro de 1928 e remataron en outubro de 1931. Máis ou menos, neses anos, chegou a Foz a nosa desgracia e tamén a dos nosos veciños de Barreiros, disfrazada de ponte.

Por iso debemos coñecer ben a historia, para que estes errores e horrores non se volvan a repetir.

Nós facemos homenaxe con esta festa a don berberecho, pero deberíamos incluír algún outro elemento moi abundante no lombo, como por exemplo os LONGUEIRÓNS, tamén moi abundantes e dos que nunca se fala.

E temos aquí unhas anécdotas moi curiosas de como se collían os longueiróns. Mentres que os berberechos se apañaban rabuñando a area e ao tacto, xa os recoñecías, os longueiróns eran historia distinta. Había dúas formas de collelos, unha delas era con sal. O longueirón na area, ten un burato semellante ao cráter dun volcán (pero diminutivo) e está de pé, non deitado, e por ese burato metíanlle sal, que ao saborealo o animal, saía disparado para arriba e era cando se collía coa man, pero moi amodiño para que non lle rompera o estómago e saía enteiro.

E a outra maneira de collelos era cunha bala de pistola ou fusil a cal, se collía con alicate ou tenaces coa punta para abaixo metendo a bala no lume coa idea de que o chumbo (o plomo), se derretera e unha vez derretido metíaselle unha balea de paraugas e cando o chumbo arrefriaba, quedaba suxeita a el a balea. Unha vez feito este trebello, introducíaselle nese burato ata que a bala chegaba ao becho, que co contacto pechaba as valvas e logo tirabas para arriba e saía o longueirón. Hai varias clases distintas de longueirón.

Algúns estarán pensando E DE ONDE SACABAN AS BALAS?.

Pois veredes, na década dos anos 40, 50 e 60, os de Foz andábamos con revólveres como no Oeste Americano. De feito, entrabas nos bares e o teito estaba cheo de balazos de cando se quería advertir a alguén de que non amolase aos demais.

Proba evidente do que digo, que aínda hoxe a José Antonio Fernández Alonso, se lle chama O SHERIFF, último sheriff de Foz.

A VERDADE: Pois ben. A garda civil de Foz, ían facer prácticas de tiro á praia de Llas. É máis fácil hoxe chegar a Marte, que daquela chegar a esa praia. Poñían uns bandos para evitar que a xente fora por esa zona e que non houbera desgrazas.

A garda civil para disparar poñíanse de costas ao mar e disparaban de cara a terra. A area é tan tupida, que apenas as balas a penetraban e escaravellaban coas mans ata atopar as balas.

TAMÉN PODÍAMOS PRESUMIR de outro elemento bivalvo chamado "coquina". Resulta que en Foz, nunca (ou a min non me consta) lle chamamos coquina, máis ben era coñecida por "marabilla" ou "navalla". Destacar que en Viveiro tamén en Ribadeo lle chaman navalla. Este bivalvo era capturado na praia da Rapadoira, pero os cambios que sufriu a Rapadoira e o turismo, as navallas foron para o...

Lembro un día, sendo eu neno, como Julia Rivas Oroza (a Xica), vendedora de peixe, esvarou na rúa Paco Maañón cando viña de vender as navallas. A xente da rúa foron socorrela, pero Julia era forte como un buxo a nada lle pasou, pero eu observei que levaba unha cunca das do almorzo, para medir a cantidade de navallas que tiña que vender por certa cantidade de pesetas, dita cunca que levaba na bacía, rompeu en cen cachos.

Da coquina tamén hai varias especies distintas.

Unha xerra de bo viño,
berberechos e empanada,
neste fin de semana en Foz,
vai haber festa rachada.

Se as fabas con ameixas
fan feliz o noso padal,
como estarán os berberechos
coa faba de Lourenzá?.

Hai que comer e beber
e andar de xacarandaina,
porque a vida son dous días
hai que facer esa andaina.

Espero que vos gustara
este sinxelo pregón,
se non vos gustou o sinto,
se é así, pídovos perdón.

Pasade moi bo día
e gozádeo a pracer,
bebede e xarreade
e non deixedes de comer.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES