A proposta do xesuíta Tomás Barreira Suárez (1883-1961) dun Colón galego
Cabada Castro, Manuel - jueves, 16 de abril de 2026
Ante as novas recentemente aparecidas na prensa sobre a posibilidade dun Colón galego, cómpre lembrar o benemérito xesuíta Tomás Barreira Suárez (1883-1961), que xa no seu tempo defendía, aínda que por outras razóns, tal galeguidade. Remito neste sentido ó que publiquei con anterioridade nos seguintes escritos: Dignificación e defensa de Galicia no xesuíta Tomás Barreira Suárez (1883-1961): "Compostellanum" LXIX (2024), números 1-2, pp. 295-319 e Tomás Barreira Suárez (1883-1961), un xesuíta na defensa da Galiza: "Galicia Digital" ("Opinión"), 23 e 28 de febreiro de 2023. Poño seguidamente de relevo unicamente máis directamente relacionado coa estancia de Barreira na provincia de Pontevedra. Comezo dicindo que o xesuíta Barreira viviu algún tempo ós pés do Monte de Santa Trega, no Colexio de San Francisco Javier de A Pasaxe-A Guarda (Pontevedra), hoxe en ruínas. Gardo na lembranza esta paisaxe e este colexio porque nel tiven a sorte de cursar durante dous anos (1945/46 e 1946/47) os estudos de "Ingreso" e "Primeiro Ano". Coincidimos, pois, neste colexio ámbolos dous durante un curso (o de 1946/47). Para el sería o primeiro (dos dous que alí residiría) e para min, un rapaz moi novo, o segundo e último ano nese colexio. Sei que nese ano Barreira exerceu no colexio como Ministro, Procurador e confesor dos alumnos. Mais o seu porte esvaéceseme inevitabelmente na lembranza, transcorridos moitos anos dende aquela. Transcorrido este curso 1947/48, é dicir, tras el rematar os seus dous anos de estancia (1946-47 e 1947/48) no colexio da Guarda, iniciou en Vigo unha nova e diferente actividade, enmarcada nunha parroquia que había só un ano que fora confiada ós xesuítas. Trátase da parroquia do "Sagrado Corazón", que tiña entón a súa base ou centro de operacións na rúa Felipe Sánchez, nº 196. Esta rúa era en realidade a rúa Areal, nº 11, á que lle fora subtraído o seu nome tradicional había só poucos anos, tralo remate da guerra civil, para ser renomeada co nome do comandante militar franquista da praza de Vigo, Felipe Sánchez Rodríguez.
Pois ben, unha das actividades de Barreira a pouco de chegar a Vigo sería a solícita atención que lles dedicou ás xentes do mar. Desde os últimos meses de 1959 ata o mes de marzo de 1961, ou sexa, durante ano e medio -residindo xa durante este tempo na Residencia xesuítica da Coruña (rúa Fonseca, 8)- Barreira irá percibindo o decaer das súas forzas, sendo entón trasladado a Salamanca onde finaría a comezos do mes de novembro dese mesmo ano. Segundo comentaba o non nomeado autor da súa necroloxía, "os vigueses sentiron moito que se marchase á Coruña e a súa morte recibírona con expresións de sincero sentimento". En realidade, a actividade de Barreira non foi só estritamente relixiosa, pastoral ou social, senón tamén cultural ou intelectual. En consonancia coas persoais calidades que o capacitaban para iso e o seu persoal interese pola presenza da Igrexa nos debates culturais e políticos do seu tempo.
Aludo seguidamente a algo disto, comezando en primeiro lugar coa súa etapa ourensá, para volvermos logo de novo a Vigo. A súa actividade estaba directamente relacionada con Galiza e de maneira especial coa súa dignificación. Era o país no que nacera e no que demorada e intensamente se inculturara durante a súa mocidade, con anterioridade á súa tardía entrada (xa como sacerdote secular) na Compañía de Xesús. Foi durante a súa previa estancia súa na cidade de Ourense cando Barreira contactou cun dos persoeiros máis importantes do galeguismo político do momento, D. Ramón Otero Pedrayo (só pouco máis de catro anos máis novo có xesuíta), pois polo propio Otero Pedrayo sabemos da súa relación con el. O Partido Galeguista fora fundado en decembro de 1931, poucos meses despois, xa que logo, da proclamación da República, e na Galiza comezábase loxicamente a cobrar nova conciencia da necesidade de promover a lingua e a cultura propias a tódolos niveis, social, político, eclesiástico etc. Pois ben, é xustamente neste contexto cando Barreira se vai ocupar do tema do Colón pontevedrés en diversas publicacións, mais de xeito especial no xornal "Faro de Vigo". É dicir, Barreira vai soster con teima a orixe pontevedresa de Colón, aceptando e prolongando deste xeito a precedente visión sobre Colón de Celso García de la Riega (1844-1914). No propio "Faro de Vigo" e na presentación que fai o mesmo xornal do amplo artigo que publica Barreira nel o 28 de marzo de 1953 dise alí que Barreira é o "segundo La Riega". Barreira intenta, pois, apuntalar esta tese desde diversos puntos de vista dun xeito orixinal e ben informado en todo momento, poñendo pola súa parte énfase especial no abondoso número de nomes tirados dos accidentes xeográficos das rías de Vigo ou Pontevedra, cos que Colón decidiu de feito "bautizar" os seus descubrimentos ultramarinos, mais tamén na análise da linguaxe utilizada por Colón etc. O propio Barreira vén formular nalgún momento a súa metodoloxía ó respecto cando indica que alén dos "documentos" hai que atender a temáticas como as seguintes: "lenguaje, nombres de las naves y bautizos de Colón, monumentos pétreos y la tradición local" ("Faro de Vigo", 10 de xullo de 1953, p. 1 e 6).
Pois ben, e dada a amplitude desta cuestión, ofrezo aquí ó lector unha lista cronolóxica dos artigos publicados por el no "Faro de Vigo" tras unha paciente busca pola miña parte dos mesmos na Hemeroteca do Concello de Vigo hai xa algúns anos, esperando que isto poida contribuír non só a dar a coñecer a faciana culta e investigadora de Barreira senón tamén a que os interesados nesta cuestión poidan avaliar por si mesmos os asertos que el formulou ó respecto a través dos seus artigos publicados no xornal vigués. Cómpre advertir en calquera caso que Barreira nos seus primeiros artigos (ata o ano 1952) utilizou o pseudónimo de "Don Modesto" para pasar posteriormente (desde o ano 1953) a empregar o seu propio nome e apelido, debido en parte alomenos a que tal pseudónimo se podería prestar entre os lectores a ser confundido co nome doutro publicista, Modesto Bará Álvarez (1895-1973), partidario tamén da orixe pontevedresa de Colón. No artigo de Modesto Bará, "Colón pontevedrés" ("Faro de Vigo", 15 de abril de 1951) referíase explicitamente o seu autor a esta comprensíbel confusión dos lectores de Barreira ("Don Modesto") con el mesmo, loando ó tempo o intelixente e entusiasta labor de "Don Modesto" nestes termos: "Venimos -vienen todos los pontevedreses y Galicia entera- siguiendo con interés, con devoción y con la más franca simpatía la labor que en Faro de Vigo está haciendo desde hace tiempo, inteligente y entusiastamente, el benemérito Don Modesto en pro de la naturaleza pontevedresa del inmortal Descubridor de las Américas, Cristóbal Colón. Es él quien, en la actualidad, mantiene el fuego sagrado, que parecía extinguido desde que desapareció para siempre el último gran apóstol de la causa, don Prudencio Otero Sánchez [...]. Este patriótico actuar de Don Modesto es de esperar prosiga para que no caiga totalmente en el olvido y en el abandono el noble afán de deshacer un gran error histórico". O artigo de Bará pode lerse (desde hai algúns anos), ademais de no xornal vigués, en Modesto Bará Álvarez, Pontevedra: El verdadero origen de Cristóbal Colón (Vigo, Editorial Discursiva / Ediciones Cardeñoso, 2014), p. 17-19.
Velaquí vai, pois, xa os artigos (con indicación de data de aparición e páxina correspondentes ) que puiden localizar no xornal "Faro de Vigo", sen garantir en calquera caso que non poidan existir aínda algún ou algúns máis que se teñan resistido á miña procura:
- Alfa y omega de Colón: 6 de outubro de 1949, p. 4.
- Recuerdos pontevedreses de Colón: 6 de novembro de 1949, p. 3.
- Colón: sus recuerdos pontevedreses: 16 de novembro de 1949, p. 3.
- Recuerdos pontevedreses de Colón: 30 de novembro de 1949, p. 3.
- Dedicación patriótica de Colón: 8 de decembro de 1949, p. 3.
- El lenguaje de Colón: 20 de decembro de 1949, p. 3.
- El lenguaje de Colón: 17 de xaneiro de 1950, p. 3.
- El lenguaje de Colón: 22 de xaneiro de 1950, p. 3.
- Carabelas de Colón: 28 de febreiro de 1950, p. 3.
- Cristóbal Colón no es tortosino: 25 de marzo de 1950, p. 2.
- Las mentiras de Cristóbal Colón: 2 de febreiro de 1951, p. 5.
- Debe erigirse un monumento a Cristóbal Colón en Portosanto: 15 de marzo de 1951, p.3.
- La "Historia del Almirante" don Cristóbal Colón: 18 de marzo de 1951, p. 3.
- Colón fue el primer misionero de América: 12 de outubro de 1951, p. 1.
- Cristóbal Colón. La documentación sobre su origen: 14 de marzo de 1952, p. 2.
- Cristóbal Colón no era tortosino: 19 de xuño de 1952, p. 4.
- Huellas colonianas. En la costa interior de las rías de Vigo y Pontevedra. Hecho único en su significado, que bien pudiera tomarse por partida de nacimiento: 10 de agosto de 1952, p. 4.
- ¿Quién descubrió a América?: 24 de setembro de 1952, p. 2.
- ¿Quién descubrió América: Américo Vespucio?: 15 de outubro de 1952, p. 5.
- Cristóbal Colón y "La Española": 6 de marzo de 1953, p. 6.
- Cristóbal Colón, natural de Pontevedra. Son evidentes las raíces gallegas del almirante: 28 de marzo de 1953 (número extraordinario del centenario 1853-1953), p. 78-79.
É este o artigo máis extenso de Barreira, ocupando dúas páxinas enteiras do "Faro de Vigo". Ademais de el presentar aquí sinteticamente as principais ideas e razoamentos a prol da orixe pontevedresa de Colón, inclúense nas páxinas, ademais de dous gráficos das rías de Vigo e de Pontevedra, unha fotografía e mais unha breve presentación do autor do artigo. Aínda que nesta presentación se diga que Barreira comezou a publicar no "Faro de Vigo" os seus artigos "desde 1950", en realidade -tal como se pode ver na lista dos seus artigos- xa tiña el publicado con anterioridade no mesmo xornal seis artigos (no ano 1949).
- Réplica. En torno al origen de Cristóbal Colón: 22 de abril de 1953, p. 6.
- El origen de Cristóbal Colón hay que buscarlo en la tesis pontevedresa: 26 de maio de 1953, p. 6.
- Origen pontevedrés de Cristóbal Colón: 16 de xuño de 1953, p. 5.
- Origen pontevedrés de Cristóbal Colón: 10 de xullo de 1953, pp. 1 e 6.
- El origen de Colón. El descubridor de América es pontevedrés: 15 de agosto de 1953, p. 4.
- Sobre Cristóbal Colón. Pontevedra es un museo coloniano: 18 de agosto de 1953, p. 8.
- Origen pontevedrés de Cristóbal Colón: 4 de outubro de 1953, p. 5.
- Colón pontevedrés. Nuevas aportaciones sobre su origen: 11 de outubro de 1953, p. 8.
- Nuevos testimonios en favor de la tesis Colón pontevedrés. Indicaciones sobre el mapa: 3 de decembro de 1953, p. 7.
- Cristóbal Colón. El glorioso Almirante comienza y termina proclamándose pontevedrés: 5 de febreiro de 1954, p. 4.
- El mapa de Xoau da Coxa: 11 de marzo de 1954, p. 4.
- Cristóbal Colón, pontevedrés: 30 de xuño de 1954, p. 4.
- Cristóbal Colón. Campaña en torno a su gran obra: 12 de outubro de 1954, p. 3.
- Atención al truco: 7 de maio de 1955, p. 8.
- Respuesta a un corazón gallego: 4 de agosto de 1955, p. 8.
- Respuesta del P. Tomás Barreira, S. J. al R. P. Manuel María Martínez, O. P.: 24 de xullo de 1956, p. 9-10.
- Cristóbal Colón, pontevedrés. A propósito del "boy que falló": 16 de agosto de 1956, p. 3.
- Cristóbal Colón, pontevedrés. El bautizo S. Salvador": 18 de setembro de 1956, p. 5.
Debido á súa actividade a prol da orixe pontevedresa de Colón, Barreira foi nomeado a mediados do ano 1952 "membro honorario do Comité pro Colón pontevedrés" por este Comité "por haber sido el iniciador del actual movimiento reivindicatorio de la cuna pontevedresa del inmortal navegante" (ver "Faro de Vigo", 9 de xullo de 1952). Dous anos despois -a teor das informacións do 9 de marzo de 1954 do "Faro de Vigo"- celebráronse no anterior día 7, domingo, en Baiona (e por segunda vez; a primeira vez ocorrera no ano 1929) os "actos conmemorativos del arribo de La Pinta después del descubrimiento del Nuevo Mundo", a actualmente denominada festa da "Arribada". Na crónica do "Faro de Vigo" dese día non podían faltar as referencias a Barreira, presentado como actuando pola mañá dese día como predicador "sobre la acción apostólica de Colón, el primer misionero de América" na celebración eucarística e tamén posteriormente no mesmo día deste xeito: "Por la tarde se celebró un animado coloquio sobre la tesis Colón pontevedrés, en el que tomaron parte diversas personas. El reverendo P. Tomás Barreira contestó satisfactoriamente a cuantas preguntas y aclaraciones le fueron formuladas". Neste sentido e varios meses despois destas intervencións de Barreira o xuíz e poeta Otto José Cameselle Barcía referiuse no "Faro de Vigo" (30 de xullo de 1954, p. 6) a Barreira como "ardiente paladín" da tese da orixe pontevedresa de Colón.
Estará aínda presente nese mesmo ano nos actos que se desenvolverían en Baiona co gallo da celebración, o día 12 de outubro, do "Día da Raza". Así o lembra tamén o "Faro de Vigo" do día seguinte (13 de outubro de 1954, p. 7):
"Tuvieron lugar ayer en Bayona -la Real- emotivos actos de homenaje al gran Almirante descubridor de América, organizados por el Comité provincial Pro Colón Pontevedrés [...] Comenzaron los actos con una misa oficiada en la Colegiata por el párroco [...] con asistencia [...] del Comité en pleno de Colón Pontevedrés, presidido por el P. Barreira, S. J. [...] Finalmente, el P. Barreira cerró el acto con un documentado estudio de la tesis Colón pontevedrés, señalando argumentos irrebatibles, deducidos de largos estudios en documentaciones, hechos y pasos dados por el gran Almirante, lo cual, por otra parte, y por exigencias de la época, le obligaron a ocultar su verdadera personalidad".

Cabada Castro, Manuel