Como párroco de Xestoso e de Momán, non podo nin quero gardar silencio ante o horror que estamos a presenciar. Mentres milleiros de persoas inocentes son asasinadas, mentres a destrución se abate sobre pobos enteiros, o Estado de Israel permite esta violencia e, ao mesmo tempo, escandalízase pola queima dun boneco que representa ao seu presidente.
Esta reacción é profundamente inxusta e moralmente inaceptable. Non se pode condenar un xesto simbólico e calar ante a morte masiva de seres humanos. Non se pode esixir respecto mentres se despreza a vida. Esta é unha hipocrisía evidente.
Dende a miña conciencia cristiá, afirmo con claridade: ningunha razón política, militar ou estratéxica pode xustificar a morte de inocentes. A vida humana é sagrada, porque fomos creados á imaxe de Deus: "home e muller creounos". Cada persoa asasinada é unha ferida na humanidade enteira.
Por iso, denuncio con firmeza toda acción de carácter XENOCIDA. Denuncio a responsabilidade de quen, desde o poder, permite ou executa esta destrución. E reclamo que a comunidade internacional investigue e, se corresponde, xulgue estes feitos coa máxima rigorosidade.
Como sacerdote, síntome na obriga moral de dicilo alto e claro: non hai escusa posible ante a morte de milleiros de inocentes. O silencio, neste caso, é complicidade.
Fago un chamamento a todas as persoas crentes, de calquera relixión, a erguer a voz en defensa da vida, porque quen atenta contra a vida humana, atenta contra Deus mesmo.
Luis Ángel Rodríguez Patiño (Padre Patiño), Párroco de Xestoso e de Momán.