Fernán Pérez II e Pedro Fernández II
En 1320 dous Andrade protagonizan un episodio relevante da Historia de Galicia.

Ambos irmáns, mozos, os segundos que levaron os nomes de Fernán Pérez e Pedro Fernández, documentámolos en Compostela a carón de burgueses e fidalgos defendendo privilexios de estamento nobiliario e burgués fronte a Berenguer de Landoira, o novo arcebispo, o mesmo que tempo despois mandou construír a torre Berenguela para a defensa da catedral.
Ambos Andrade agardaban no castelo da Rocha Forte polos negociadores do arcebispo, pero foron traizoados e mortos acoitelados polos soldados do arcebispo dentro da fortaleza ao igual ca outros nove fidalgos, entre eles Alonso Suárez de Deza, dos Churruchaos, parente dos Andrade; Martín Martínez, cóengo; Juan Varela e Juan García de Mesía, fidalgos; Gonzálo Yáñez, notario...

Tras este cruel suceso, a familia sufriu quebras na sucesión e foi unha irmá do avó dos mozos, María Pérez, quen asumiu o rango de xefe familiar. E esta, polo seu casamento con Roi Freire, deu entrada ao que se deron en chamar os Freire, na práctica os segundos Andrade.
Once anos despois dos acontecementos da Rocha Forte, da morte dos segundos Andrade Fernán Pérez e Pedro Fernández, en 1332, a familia seguía na procura do medre social e económico. Neste caso foi Roi Freire II de Andrade quen tratou o favor real e recibiu de Alfonso XI de Castela, igual ca outros nobres, o nomeamento de cabaleiro da Banda co dereito a incorporar tal brasón ao seu escudo e a obriga de defender os intereses do rei. O monarca buscaba apoio de nobres e liñaxes que reforzasen o seu poder fronte ás grandes casas que o cuestionaban, que o ignoraban ou que se lle arrepoñían.