Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felices Pascuas

García Cadiñanos, Fernando - domingo, 05 de abril de 2026
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Pascua 2026

Con este desexo, os cristiáns saudarémonos nesta xornada, ao finalizar a Semana Santa e tras acompañar a Xesús na súa paixón e morte. Non é que se trate dunha película do pasado cuxo final xa coñecemos, un final feliz, senón que se trata dun acontecemento na historia que se fai presente no hoxe do noso tempo.

A Resurrección de Cristo significa o triunfo da vida sobre a morte. A morte, o mal e a dor, por tanto, non teñen xa a última palabra senón que foron vencidos. Non facemos unha exaltación masoquista da dor e do sufrimento, non buscamos a penitencia por si mesma, senón que exaltamos a entrega xenerosa da enteira vida que, cando se perde, se gaña. O Amor venceu á morte e á dor.

A Resurrección de Cristo non é mirar o pasado, lembrando só un feito acontecido. É convidar a vivir a experiencia persoal e intransferible de que Cristo Vive, de que está aquí e camiña contigo. Celebrar a resurrección é afirmar que Cristo non é un recordo senón unha presenza real entre nós. El non só veu, senón que quere estar vivo ao teu lado para iluminar cada recuncho da túa vida, especialmente nos momentos de escuridade e de dor.

A Resurrección de Cristo é acoller a súa presenza real preto de ti. Esta compañía que significa a súa vida que che transfire vida, permite poder ter a certeza de que “non todo está perdido”, ao contrario, ábrete á esperanza. Deus sempre é capaz de sacar vida dos nosos propios sepulcros, e daqueles onde, a miúdo, quedan encerradas tantas vidas e situacións. A Resurrección de Cristo está presente en tantas sementes de vida que se esparexen en infinitos lugares derramando o capital de vida que nace da Pascua.

A Resurrección de Cristo alimenta e fortalece a caridade expresada con tantos crucificados do noso mundo: migrantes, enfermos, persoas en soidade, reclusos, persoas sen fogar, familias desestructuradas… Crer e esperar a resurrección anima o noso compromiso e a nosa sensibilidade cara aos sufrimentos do noso mundo, moldeando así un corazón traspasado polo lume do amor de Cristo que se mostra nas obras de misericordia.

A Resurrección de Cristo énchenos, pois, de alegría e de esperanza. Dúas actitudes fundamentais hoxe no mundo que estamos a construír entre todos. Un mundo que perdeu, en tantas ocasións, razóns para o sorriso e motivos para a esperanza. A forza que nace da Pascua cúranos das nosas feridas persoais e sa as do noso mundo. Por iso, ábrenos a un gozo profundo, tan afastado da gargallada, pero que se esboza en sorrisos e en luz na mirada. Permítenos afrontar o futuro desde outras claves que posibilitan afrontalo e percorrelo con forza e enteireza. Facer esta experiencia de descubrir a Cristo Vivo énchete de alegría e de esperanza porque nada nin ninguén pode separarte do seu amor.

A Resurrección de Cristo festéxase en comunidade cada domingo en todos os recunchos do noso planeta. A celebración dominical da eucaristía é un eco da única Pascua e un acoller sosegadamente a graza que significa a súa presenza entre nós a través do Pan e da Palabra. En grandes ou pequenas parroquias do noso mundo rural, en envellecidas ou renovadas comunidades, a luz e o Aleluia pascual son unha provocación para percorrer o camiño da fraternidade e do Reino que inaugura Cristo resucitado.

A Resurrección de Cristo trae ao mundo a paz. Vivimos hoxe tempos de guerra. A violencia e o ruído das armas levan dor, sangue e sufrimento a moitos lugares do noso mundo. Provocan desprazamentos non queridos, destrución de proxectos, medos e incertezas. O desexo e o saúdo de Cristo "a paz convosco" son o necesario antídoto e anuncio que hoxe queremos e polo que nos comprometemos. Sexamos testemuñas e artesáns desta paz, traballemos pola xustiza que cimenta a auténtica e definitiva paz.

Poñámonos en camiño! Feliz Pascua!, queridos amigos e amigas, irmáns e irmás desta Igrexa de Mondoñedo-Ferrol.

O voso irmán e amigo,
Felices Pascuas
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES