Hoxe, día 7 de abril, Día Mundial da Saúde, compartín esta reflexión como sacerdote coas miñas freguesías de Xestoso (Monfero), Cambás (Aranga) na provincia da Coruña, e tamén con Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz) na provincia de Lugo.
Co desexo de crear conciencia e defender un dereito que é de todos. Unha chamada á responsabilidade, á xustiza social e á defensa dunha sanidade pública,

universal e de calidade, especialmente necesaria no noso rural.
Hoxe erguemos a voz, non só como cidadáns, senón tamén como comunidade comprometida, desde as parroquias rurais da Galicia interior, onde a realidade se sente con máis dureza. Defendemos unha sanidade pública, universal e de calidade, porque a saúde é un dereito, non un privilexio.
Porén, nos nosos pobos vemos como ese dereito se debilita cada día: o peche de centros de saúde, a falta de persoal médico e o abandono progresivo da atención primaria están deixando desprotexida a unha poboación cada vez máis envellecida. Os nosos maiores, que construíron as nosas comunidades, vense obrigados a percorrer quilómetros para recibir atención médica básica. Este desprazamento non só supón unha dificultade, senón tamén un risco real para a súa saúde e a súa dignidade.
Como sacerdote e como parte destas comunidades rurais, esta situación non pode ser ignorada. Non se trata só de xestión sanitaria, senón de xustiza social, equidade territorial e respeto pola vida. Esiximos ás administracións -locais, autonómicas, estatais e europeas- que actúen con responsabilidade:
- dotando de recursos humanos suficientes
- garantindo centros de atención primaria próximos
- freando o deterioro e a privatización da sanidade pública
Porque cando se pecha un centro de saúde nun pobo, non só se perde un servizo: pérdese seguridade, pérdese dignidade e ponse en risco a vida. Hoxe, máis ca nunca, dicimos con claridade: ¡A sanidade pública non se toca! E facémolo polos nosos maiores, polos nosos pobos e polo futuro dunha Galicia viva, coidada e respectada 💙.