Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Santuario de San Andrés de Teixido en Cedeira (A Coruña)

martes, 17 de noviembre de 2009
O Santuario de San Andrs de Teixido en Cedeira (A Corua) BREVES REFERENCIAS SOBRE O SANTUARIO DE SAN ANDRÉS DE TEIXIDO EN CEDEIRA (A CORUÑA).

“O que non foi de vivo ten que ir de morto”.

A romería do San Andrés de Teixido celébrase na parroquia de Santa María de Regoa, municipio de Cedeira, diócese de Mondoñedo-O Ferrol. Dista seis km. da capital do concello coa que se comunica por unha estrada local. Esta romería é unha das máis antigas e das máis famosas, que teñen lugar en Galicia. A referencia máis antiga, que se posúe é de finais do século XIV. Trátase, segundo Rafael Usero, dunha cláusula do testamento de María Rodríguez, veciña da localidade de Viveiro, na que se fai mención ao seguinte: “Item mando ir por min en romaría a Santo André de Teixido, porque llo teño prometido, e que lle poñan en o seu altar unha candea tamaña como é unha muller do meu estado” (1).

Desde o punto de vista artístico o seu presbiterio de planta cadrada e orientado de cara ao Leste construiuse no século XVI. A bóveda que o cubría era de nervos e de forma estrelada, apoiándose en estribos visibles ao exterior. No testero hai unhas pinturas murais non mui ben conservadas, que foron realizadas polo ermitaño Pedro de Navarro. Algunhas delas representan o martirio do apóstolo San Andrés. Por outra banda, a planta da única nave de que consta o santuario é rectangular coa fachada principal rematada ao exterior en frontis a dúas augas (2). No lado Nw., encontrase a única torre de base cadrada, tres corpos decrecentes e unha cúpula. A porta da devandita fachada leva o marco adintelado ao igual que a porta lateral da fachada sur. Unha inscrición preside esta última, na que se alude “a que esta iglesia y torre, hasta la capilla mayor, la hizo Frey Don Miguel López de la Peña. Año de 1785”(3). O retablo maior constitue unha relevante mostra do barroco popular. Está integrado por imaxes representativas da maior parte dos apóstolos, que se distribuien polos catorce camarins do retablo, no que hai que resaltar as columnas salomónicas e os dourados motivos vexetais, alternando con outros de diferente cromatismo. Asi mesmo, cómpre facer referencia á imaxe relicario, que amosa medio corpo e simboliza ao patrón do lugar. No seu interior hai un fragmento de oso, que, segundo a tradición, é do propio santo, que presenta un texto en letras douradas que dice: “S. ANDRES AP” (4).

Con respecto ao santo protector deste santuario, hai varias lendas, que justifican por medio de símbolos o gran influxo que posúe, así como o carácter permanente de certas prácticas rituais. Unha desta lendas fai referencia “a que en certa ocasión, camiñando o Señor polo mundo, xunto a San Pedro, ao chegaren ao lugar onde se alza o sinxelo santuario, como tivera moita sede e non atopase auga para beber, pediu axuda ao Pai Eterno e do ceo lle foi enviada unha mazá. Ao partila en dúas para, logo, compartila con San Pedro atopou no seu interior a San Andrés, que se queixaba de que, sendo o patrón daqueles lugares, ninguén o ía visitar. Xesús, compadecido, prometeulle unha romería, que só deixaría de existir, cando o mundo rematase, xa que ninguén se libraría de ir ou ben de vivo ou de morto”(5). Desta lenda xorde o dito de que a a “San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo”. Esta crenza popular vai ligada a outra, estraña ao conxunto de mitos, que se extenden por Galicia:, como é “a transmigración das almas”. Polo tanto, os romeiros, que fan a peregrinación a San Andrés de Teixido, teñen moito coidado cos animais, que se atopan no camiño, debido a que hai a crenza de que son as almas daquelas persoas que non fixeron a peregrinación de vivos.

As peregrinacións levanse a cabo durante a època estival e, dun modo particular, a segunda quincena de agosto e primeiros de setembro. Tamén hai outras datas durante o ano, que revisten bastante importancia como son, o venres, sábado e domingo de Pentescostes; e do vintesete ao trinta do mes de Santos, que é o día do San Andrés.

Na actualidade, este santuario continúa recibindo todos os anos a miles de devotos de toda Galicia e rexións próximas, que se encomendan ao San Andrés por diversos motivos: saúde, facenda familiar, salvación de naufragios, asuntos amorosos etc. Con respecto a este último motivo, é mester resaltar que tanto os mozos como as mozas en idade de casarse, ademais de acadar a “herba de namorar” -clavel marino, que crece entre as penas ao caron do mar- ofrecense al santo e cantanlle coplas como éstas:

“Meu diviño San Andrés
non che veño pedir pan,
veño pedirche unha moza
que faga temblar o chan”

“Meu diviño San Andrés
que estás na alta montaña,
este ano vin solteira
pro que ven, virei casada”.

Coas prácticas religiosas, hai outras alleas á liturxia católica. Asi temos, que denantes de iniciar o descenso ao santuario, atópanse os amilladoiros, que son pequenos outeiros de pedras, colocadas polos romeiros na súa primeira visita ao recinto sagrado.

Logo de chegaren ao santuario, os devotos oen unha misa. Algúns confesanse e comulgan. Tamén “poñen o santo”. Este ritual consiste en que un sancristán ou o párroco da comunidade respectiva fan un sinal da cruz por riba da cabeza do devoto cunha imaxe pequena do santo, mentres pronuncian a seguinte jaculatoria:

“O Santo che quite a enfermedade,
che dea a sanidade,
polo poder que Dios tén
e San Andresiño. Amén” (6).

Ao rematar a misa solemne, sae a procesión ó redor do santuario, participando activamente un gran continxente de devotos, algúns deles de xeonllos por baixo das andas do santo. Finalmente outra práctica ceremonial deste santuario é “o ritual da fonte”, da que os romeiros non só beben a súa auga, senón que adoitan levala para as súas casas nunca ou máis botellas. Asi mesmo, algúns devotos soen realizar a proba higromántica para saber se o santo lles vai a conceder aquillo que lle piden. A proba consiste en botar un anaquiño de pan na pia da fonte. Se o pan flota, e o sinal de que o Santo fará que se cumpran os desexos do devoto. Se, pola contra, afonda o peregrino terá que volver outro ano ao santuario.

Polo que respecta ás ofrendas, que se depositan no recinto sagrado, podemos aludir ás seguintes: esmola en metálico, candeas -ás veces da mesma altura que a do ofrendante-, e, tamén, exvotos de cera, que representan as diferentes partes do corpo humano polas que os devotos se ofrece.

Denantes de emprender o regreso, os romeiros adoitan obter diversos recordos da romaría, como medallas, estampas, a herba de namorar, así como sanandreses ou reliquias, que son figuras pequenas modeladas en masa de trigo non fermentada, e endurecidas ao forno e coloreadas. Estes sanandreses simbolizan non só dun xeito directo ao apóstolo San Andrés, senón tamén a todos aqueles elementos relacionados coa súa chegada ao devandito lugar. Na confección destas figurillas cómpre citar pola súa calidade técnica á veciña de Cedeira (A Coruña), Regina Sande Rei (1841-1931),así como as súas netas coñecidas polas “Rexinas”.

Sobre esta romaría hai un cancioneiro propio, rico en matices e variantes, recollido por Maciñeira e Xosé Ramón Fernández. Entre algunhas cantigas distinguimos:

“Fun ó San Andrés
aló no cabo do mundo;
sólo por te ver meu santo
tres días hai que non durmo”.

“A San Andrés de Teixido
fun coa cesta na cabeza,
fun por mar e vin por terra,
o santiño mo agradeza”.

“O diviño San Andrés
mandou empedrar o mar
para que os seus romeiriños
o foran a visitar”.

“Meu señor San Andresiño
que está na alta ribeira
veñolle pedir, meu santo,
a salvación verdadeira”.



NOTAS
1. USERO, Rafael: “Vocablo Teixido” en G.E.G. T.29, Santiago de Compostela, 1974, páxs. 60-61.
2. A única nave de que consta o recinto sagrado foi ampliada no ano 1785.
3. Fai referencia a un prior de Regoa, que estivo entre os anos 1765 e 1808.
4. USERO, Rafael: Ob. Cit. 1974, páx. 61.
5. MACIÑEIRA PARDO DE LAMA, Federico: San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. A Coruña, 1921.
6. USERO, R: “Vocabo TEIXIDO” en G.E.G. T. 29.



BIBLIOGRAFÍA
USERO, Rafael.: El Santuario de San Andrés de Teixido, Santiago de Compostela, 1972.
USERO, Rafael.: “ Vocablo: TEIXIDO”, en G.E.G. T.26. Silverio Cañada, Santiago de Compostela, 1974, páxs. 60-61.
FRAGUAS, Antonio: Romarías e Santuarios, Vigo: Galaxia, 1988, páx.33-45.
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de Festas Populares de Galicia, Vigo: Galaxia, páxs. 153-154.
MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Santuarios mágicos de Galicia. Vigo: Ed. Nigratrea, 2003, páxs. 15-25.
OMAYRA, LISTA.: Santuarios con leyenda. A Coruña: Galicia en Guías, nº 13. La Voz de Galicia, 2005, páxs. 14-20.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES