Hai pouco andei por terras de Almería e gocei das súas espléndidas praias, da espectacular imaxe do Cabo de Gata, da árida paisaxe do seu deserto ao marxe deses poboados artificiais onde Sergio Leone filmou os seus famosos "spaghettii westerns" hoxe convertidos nun atractivo turístico, e sorprendéronme as miles de hectáreas de plástico dos invernadoiros da que se dou en chamar a despensa hortícola de Europa. Pero desta volta vos quero falar de algo que, por si só xustificou a miña viaxe por aquelas latitudes: a Geoda de Pulpí.
Pulpí é unha vila que se sitúa na comarca do Levante Almeriense. Sempre hai algo que caracteriza a unha vila, neste caso é a súa famosa "Geoda". Unha "geoda" é unha cavidade esférica rocosa tapizada de cristais. Ata aí todo normal, pero o que realmente

caracteriza á esta é o seu tamaño monumental, case oito metros de longo por dous de alto, o que a converte na "geoda" visitable máis grande do mundo. Polo visto hai outra similar en Tijuana (México) pero está anegada e non se pode acceder a ela.
Atopouse no interior da chamada "Mina Rica" hoxe fora de uso e da que outrora se extraía ferro, prata e pombo. Chégase a ela camiñando pola galería da mina e descendendo por 164 chanzos, algúns deles de escaleira de caracol. Foi algo así como baixar ao centro da Terra e crin que me daría claustrofobia pero resistín esa sensación e puiden observar esa marabilla da natureza á que se accede por unha gateira pola que se introduce medio corpo con luvas e mascariña para no contaminar o ambiente do monumental receptáculo cristalino. Esta observación faise individualmente e os grupos non poden seren de máis dunha ducia de persoas. Este espazo situado nas profundidades da terra é un lugar de referenza para xeólogos e cristalógrafos pero a min, que non son nin unha cousa nin a outra, produciume unha máxica sensación, como a de estarmos noutro mundo, un mundo virtual e de fantasía, un mundo no que a intervención do ser humano non tivo nada que ver na colocación de aqueles cristais de xeso (selenita), algúns de máis de dous metros, dunha transparencia incríbel.
Saín de alí co convencemento de que pagou a pena achegarse ao outro extremo do País só por ver aquilo. Abofé.