Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza dun tráxico e cómico sí á guerra

Cabada Castro, Manuel - miércoles, 08 de abril de 2026
En tempos como estamos de glorificación das guerras por parte dos que se teñen por poderosos ou omnipotentes e de rexeitamento tamén das mesmas por parte doutros (gloria a ti, Sánchez!), teño moi (moi!) presente na lembranza algo que me impactou hai moitos anos (unha chea deles!). Un acontecemento que ben podería crerse que só foi soñado. Mais non! Foi directamente vivido por quen asina este relato, por máis que -iso si- ben puidera pertencer en principio a unha simple dimensión onírica ou a un claro desvarío. En calquera caso e a estas alturas un non sabe xa se rir ou chorar, pois foi algo absolutamente esperpéntico. Entremos, pois, en fariña.

Rememorando e dándolle á cachola, coido non estar nun erro se poño como data do acontecido o ano 1959 cando quen isto escribe cursaba licenciatura en filosofía no alto daquela Cardosa onde estaba asentada a universidade de Comillas (Santander), posteriormente trasladada a Madrid. Pois ben, entre as materias da Facultade de Filosofía impartía docencia de Ética ou Filosofía Moral un profesor que levaba tamén como segundo apelido o de Moral -Ireneo González Moral-, autor dunha obra co título de "Philosophia Moralis", editada na vella lingua do Lacio pola coñecida editorial Sal Terrae no ano 1945.

Moitos eramos os que asistiamos ás leccións con desexos de aprender e así cursar unha materia máis do noso curriculum filosófico. O referido docente, de bo porte e de pé, adoitaba exercer a súa función explicativa ante un erguido atril. Así o fixo tamén naquela ocasión. Pois ben, o título da tese a defender naquela ocasión era -ben me lembro- "bellum reiciendum est" (ou sexa -traducido- "a guerra hai que rexeitala"). Un título e unha afirmación que non deixaban de soar ben e supoño que no libro (non me lembro xa) estaría tal aserto suficientemente fundamentado tamén. Mais velaquí o que ocorreu. Nada máis el proclamar tan fermosa afirmación en latín e como arrebatado quizais por ignotos impulsos terroríficos, o susodito empezou na súa lingua castelá a proferir a grandes voces, coma se estivese fóra de si e en liña seguramente co militarismo do franquismo omnipresente que daquela o invadía todo, estas palabras que aínda resoan con abraio nos meus ouvidos:

"Mais tratándose de Rusia cuanto antes se le haga la guerra, mejor! Porque son tales las circunstancias etc etc. que, ya digo, cuanto antes mejor!!!!".

Tan fondamente quedei impresionado por tan ardorosa, ilóxica e inesperada defensa da guerra que seguramente me serviu -supoño que para sempre- como eficacísima vacina para sempre me opor ás guerras -a toda guerra- no pouco (ou moito) que me puidera quedar de vida. Quen tal cousa dicía facíao ademais totalmente convencido de que a vitoria sería nosa... Hai que ver!!!

Dubido por iso sobre que cousa sería daquela a que máis me chamou a atención. A inxenuidade ou a cegueira dun apaixonado docente que estaría a negar de viva (moi viva!) voz o que quizais tan só aparentemente semellaba defender no seu latín.

Que o lector xulgue por si mesmo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES