Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (5)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 14 de abril de 2026
Os preitos en Galicia (os predominantes) sempre foron eróticos: ¡De amor, de amor ao terruño..., ás leiras!

Deste cariño, desta querenza, segundo as estatísticas, arrincaron a maioría das desavinzas. ¿Celos? ¡Pois claro, que onde non hai amor os celos sobran! A cousa, o litixio, seica comezou con aquilo de que os romanos só lles concedían aos suevos a terceira parte dos territorios desocupados (¡abandonados!). Algúns eran, e aínda son, boísimos: Bergland e Suegos, en Lugo; Suevos, na Coruña; etc.

Os terzos de mellora veñen daqueles foedus romanos polos que concedían aos invasores a terceira parte das terras, ¡pero nas desocupadas! Co tempo, en vez de sobrantes os morgados premiáronse co terzo de mellora, ¡na casa e nos seus arredores! Pero logo apareceron os señoríos, e cos señoríos os foros, así que o cultivo do Paraíso, ¡do noso!, pasou de privilexio a penitencia.

A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (5) Cerramentos de fincas: ¡Cada leira, catro murallas, que non chegaba facelo con marcos..., porque os marcos son cambiables, mudables!

Pero isto das murallas non vén dos suevos senón dos romanos..., ¡para pechar os seus tesouros! ¿Que tesouros? Para os romanos, ouro e prata; para os suevos, leiras e vacas!

¿Por que foron tan frecuentes en Galicia os preitos sobre lindes e servidumes de paso? ¡O dito: celos, amores sublimes, en xeral polo arraigo que lle tiñamos á terra, á nosa, e coa nosa, a dos nosos entregos; o pan de cada día! Ben nolo dicían os Xitanos nas súas maldicións: "¡Pleitos tengas..., y los ganes!". Mirade se fomos especialistas en preitos que íamos a dous avogados: Ao primeiro deles poñéndonos no lugar do contrincante, expoñéndolle como nosos os argumentos do contrario; e despois, con esta experiencia, con esta sabedoría, xa podíamos acudir ao noso, ao noso apoderado. ¡Para listos, para suaves, nós, os galegos; como que vimos dos suevos, nunha alta porcentaxe!

Hoxe en día, cando saio de mozas co meu coche, quero dicir, de paisaxes, moitas decepcións me levo: ¡Solteironas, quero dicir, terras abandonadas, cheirando a eucalipto, que nin que estivesen acatarradas! En parte tiveron a culpa aquelas becas baseadas na contribución, que non nos saberes, pois serviron para converter labreguiños en avogados, pero como, co abandono das terras tamén se abandonaron os preitos, agora, un paso máis: ¡De avogados a políticos! Seica hai bancos de terras... ¡Si, en efecto, hai terras de sobra para asenta-los bancos, os bancos onde repousan, e contan contos, os nosos vellos!
-.-

Próximo non é o que está cerca senón aquel que temos cerca, aquel que queremos ter cerca.

O cerebro adoita medir con medidas de comenencia, pero o corazón, coas proximidades afectivas, late, acelera, emociónase, achégase, acurta as distancias. O caso é que fan falta os dous órganos, pois non é igual achegarse ás pombas que ás pinchorras.

Pero voulle dar a palabra a Lucas, que llo escoitou ao Mestre, ¡e tampouco é igual oír que escoitar! No seu 6: 32, 38: "Se amades ós que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman ós que os aman a eles. E se lles facedes ben os que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. Vosoutros non; vós amade ós vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. (Xesús meu, que ben coñecías a Banca, que daquela xa estaba inventada!). Así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vos: unha boa medida -acugulada, rebordada, apertada- seravos botada no voso regazo, pois coa medida que midades hanvos medir a vós". ¡Aquí temos a mellor advertencia para escoller as varas de medir, non si?

Disto podemos tirar a lot of de reflexións, que dirían os ingleses, tan comerciais eles, pero unha delas é ben clara, sinxela: Os amigos poden facernos favores, útiles, importantes, pero os inimigos fánnolos mellores, aínda sen querer, pois é máis meritorio servilos, e logo que sempre nos estimulan: ¿Que falan mal de nós? ¡Outro acicate para subir máis, para mellorar, para subir ao Ceo, que é onde máis se valoran as cruces!

No Noso Pai temos un forte compromiso, outro: "...perdoa as nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido..." ¿Que non é compromiso? ¡Vaia se o é: Un pacto co noso Creador, e de paso co seu Fillo, noso Redentor! Incluso nos permite poñe-las condicións: "...como tamén perdoamos nós..." ¡Isto si que é medir coa vara axeitada!
-.-

O sorriso hipócrita dos locutores cando relatan dramas

Nesas ocasións lévame o demo velos, ou oílos, sorrir. ¿Cando xurdirá un director de orquestra que os atempere co relatado? Xa que ninguén os censura, comezo eu:

Se a cara é o espello da alma, moura ten que ser a alma que sorrí pola ventá da tele en tales ocasións. Dos dramas non se poden facer comedias; Deus nos libre de tal. Tampouco fai falta chorar..., cando non apetece, pero, polo menos, como mínimo, unha cara de circunstancias. Unha das primeiras consecuencias xa é que os nenos, que o imitan todo, o bo pero tamén o malo, con esas experiencias quedan, fanse, insensibles, ante a dor allea.

A subxectividade das varas de medir..., de medir as consecuencias (5) O Avó dicía: Ollos que non ven, corazón que non sinte. ¡Pero na tele vémolos, tanto aos relatores coma os feitos relatados, comentados! Hai que ter coidado con volver a vista atrás, coma se nada pasase; lembremos o caso da muller de Lot:
Cando pasa algo, o que sexa, temos que tirar leccións diso; non valen ignorancias, non vale esconde-los dramas: hai que tirar, deles, a lección pertinente; e sufrilos participando no sufrimento do próximo, que así resultarán educativos..., para aprender en cabeza allea!

O polo oposto, pero igualmente nefasto, témolo nas escenas dos veciños dos criminais que, cando os periodistas lles preguntan polos interfeutos, eses tales, diante da cámara, cambian de lugar, de veciñanza: "- Non sei nada malo deles; comigo nunca se meteron!". O que non queira declarar, nin a favor nin en contra, que cerre o postigo, que se quede dentro. Non é bo, nin bo nin xusto, interferir na xustiza, acusar sen necesidade nin fundamente, pero tampouco é lícito encubrir as inxustizas. A paz búscase mellor buscando a verdade, contribuíndo a fomentala.

Hai unha virtude que se chama "naturalidade", pero non adoitan poñela nos libros. Naturalidade é vivir o presente, ¡tal e como se presente! Se é malo, podemos convertelo en bo ofrecéndollo a Deus como penitencia polas nosas faltas, que así se converten as bágoas en perlas: "Señor meu, e Deus meu, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión!".
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES