Turquía
Xiz, Xulio - viernes, 03 de abril de 2026
Cincuenta e catro lucenses pensabamos viaxar por Turquía ao remate de abril, pero non contabamos coas ocorrencias mortais do caudillo americano, que ven de poñer ao mundo patas arriba, atacándonos a todos na bolsa e na vida.
Froito da inmersión informativa nesta guerra, a moitos dos futuros viaxeiros preocupounos seriamente a situación, e na primeira reunión que tivemos votouse sobre a viaxe, gañando pola mínima os que nos retirabamos, a pesar de que a axencia organizadora, o maiorista e a aseguradora afirmaban que non había problemas previsibles, e que Turquía, en principio, non estaba en zona de perigo. Posiblemente porque a idade me estea volvendo timorato, con Trump polo medio, todo o mundo resulta zona de perigo. E non me tranquiliza o feito de que fosen derribados os tres misís que sobrevoaron Turquía, nin a presunción de que as forzas atacantes controlan unha situación incontrolable.
A organización da viaxe vainos sancionar por darnos de baixa algo máis de mil horas antes do comezo do periplo, como no seu momento outra axencia non me abonou nin un euro ao ter que suspender a viaxe o día antes, atacado pola Covid19.
Nesta ocasión, unha compañeira que non viaxará, con acreditada formación legal, formulou reclamacións no nome dos afectados, que foron inicialmente desestimadas. Moi posiblemente a Axencia, o maiorista e o Seguro, teñan razón, e non pasará nada a quen viaxe, pero hai que ter en conta que neste conflicto eles só arriscan unha présa de euros, mentras ca nós, ademais deses mesmos cartos, poñeriamos en xogo a nosa tranquilidade, cando non a seguridade, ben escaso que neste mundo e neste tempo case é unha utopía.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora