Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Zygmunt Bauman, o pensador necesario

Pinto Antón, J.A. - viernes, 10 de abril de 2026
A obra deste sociólogo de orixe polaca é todo un alegato contra os que tentan exilar das aulas a tarefa de pensar e a capacidade crítica, xusto no escenario das ideas e as dúbidas razoables. Catedrático en Leeds, asistiu ao Brexit, onde as mentiras abriron as portas á xenofobia. E unha idea capital latindo na súa obra, a modernidade líquida. Ou de como os alicerces sólidos do individuo, familia estable, emprego indefinido, Estado protector, foron diluíndose. Perdemos pé e todo semella efémero, inseguro. Todo resulta temporal e pasaxeiro. Líquido.

Ollos vivos e curiosos, a melena de xenio tipo Einstein, Bauman foi un estakhanovista da reflexión, das conferencias, dos libros: dous por ano. Alertaba contra a pleamar de desigualdades, contra a 'felicidade' que se compra nas tendas e non no contacto co outro, contra o individualismo que se refuxia no mundo online para escapar dos conflictos do mundo real.

A súa vida transitou polo s. XX, convulso e sanguinario: revolucións, guerras mundiais, equilibrio do terror, exilios. E sempre analizando as paisaxes sociais e políticas, tan cambiantes e líquidas. Figuras salientables a carón de Bauman: Stiglitz, Lledó, Touraine, Morin, Sampedro, observadores dos movementos indignados que ocuparon as prazas contra o diabólico sistema económico que inflaron Reagan e Thatcher nos 80 e acabaría estoupándonos décadas despois. Como Bauman, esperamos que estas protestas cristalicen en propostas para que tanta esperanza non quede en nada ou derive a revolución domesticadada nas redes sociais.

Cando empezaban as protestas, publica Modernidade Líquida, reflexión sobre os perdedores da crise. Ata a última obra: 'Extraños llamando a la puerta', ou palabra a pé de imaxe sobre a os refuxiados poñendo a proba os nosos medos e a capacidade de acollida, a política de valados ou a solidariedade, a fraternidade ou a xenofobia. O mellor e o peor de Europa.

Filósofo inconformista, remove inseguridades, dereitos e obrigas, un mundo líquido. Xusto cando nos percatamos de que o poder pasa da política a poderosos intereses alleos ao control democrático que deixan en evidencia, ante poderes económicos globais, a gobernos impotentes. Tentan manter o poder xerando ansiedade, enchendo de policías rúas e fronteiras, construíndo valados máis altos e igual de inútiles, atizando o medo ao outro.

Pero sempre hai un camiño para edificar a sociedade aceptando a quen pensa diferente, loitando por unha igualdade económica que ofreza a todos unha vida digna, educando aos novos para o diálogo.

Zygmunt Bauman. Tan vello e tan novo. Axitador de cerebros, activista cultural, lúcido e inconformista. Un guía intelectual que xa non está connosco. Un pensador necesario que sempre estará connosco.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES